Crean un apósito que cambia de cor para avisar de infeccións e curalas en tempo real

A vendaxe, desenvolvida por científicos chineses, libera antibióticos e avisa de posibles resistencias en caso de que haxa complicacións

Un equipo de científicos chineses acaba de presentar nun artigo da revista ACS Central Science un novo tipo de apósito adhesivo que é capaz de indicar que tipo de infección se está a desenvolver sobre a zona que están protexendo. Como unha especie de semáforo, a vendaxe toma diferentes tonos de cor e libera o tipo de medicamentos precisos para o problema concreto que detecta.

Así, unha vez aplicado, o apósito funciona cun código de tres cores: se fica verde, indica unha baixa concentración de bacterias; se está amarelo, avisa de que hai bacterias que son tratables con antibióticos e administra o composto preciso; e en caso de volverse vermello, indica que as bacterias presentes son resistentes aos compostos que inclúe o apósito e que, por tanto, precisan de “axuda adicional” para seren eliminadas. As diferentes vendaxes, que foron probadas en ratos, xa trataron con éxito as infeccións de bacterias como a E. coli.

Publicidade

Esquema do funcionamento do apósito. Fonte: ACS Central Science.
Esquema do funcionamento do apósito. Fonte: ACS Central Science.

No caso das bacterias máis resistentes, o apósito incorpora un mecanismo que se pode activar mediante a proxección dun feixe de luz intenso sobre el, xerando unha reacción que libera especies reactivas de osíxeno que poden debilitar os microbios e facelos máis vulnerables aos tipos de antibióticos presentes na vendaxe.

Os apósitos están preparados para aplicar antibióticos en canto detecten a infección, e do mesmo xeito, ao avisar de forma rápida de posibles resistencias, a aplicación de tratamentos adicionais para frear este problema pode anticiparse á posible mutación e fortalecemento das bacterias.

Publicidade

“Detectar as infeccións bacterianas e controlar a súa resistencia aos medicamentos son factores moi importantes para seleccionar as distintas opcións de tratamento”, escriben os autores do traballo, membros da Academia de Ciencias da China. “Porén, os métodos habituais de resistencia teñen un límite temporal, e requiren a acción de profesionais e instrumentación cara. Ademais, o abuso dos antibióticos pode provocar o aceleramento da resposta bacteriana”.

Polo de agora, os autores apuntan a que só se realizou unha cantidade limitada de probas, pero salientan o potencial deste tipo de solucións, como o feito de que persoa poida comprobar en tempo real como evoluciona a súa ferida. “”Este traballo desenvolve unha nova forma para o uso racional dos antibióticos”, escriben os investigadores. “Dado o baixo custo e o sinxelo modo de uso, seguro que se poderán desenvolver aplicacións prácticas”.

Nos últimos anos son varios os avances no tratamento de feridas e prevención de infeccións a través dos apósitos. Outros traballos desenvolveron unha especie de malla de nanofibras que capta as bacterias e é capaz de eliminar parte delas, acelerando a curación e freando a infección. Outra investigación preparou un apósito especial para queimaduras, que evita a propagación de bacterias.


 

ReferenciaColorimetric Band-aids for Point-of-Care Sensing and Treating Bacterial Infection (Publicado en ACS Central Science).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O científico galego César de la Fuente lidera a creación dunha IA para deseñar antibióticos máis eficaces

A ferramenta ApexGO permite optimizar moléculas e acelerar a obtención de tratamentos fronte a patóxenos resistentes

Eclipse solar: o que lles ocorre ás bacterias cando o Sol desaparece

A radiación ultravioleta e os cambios na luz durante o fenómeno poden alterar a supervivencia e o comportamento bacteriano

Por que non debes tirar da cisterna coa tapa do váter levantada

O baleirado do inodoro é unha fonte potencial de transmisión de microorganismos infecciosos, porque pode xerar grandes cantidades de aerosois que conteñen microbios

Un novo método predí a resistencia aos antibióticos da bacteria ‘Helicobacter pylori’

O estudo do CSIC permite saber con antelación que tratamento será máis eficaz para cada paciente