Derrétese A68, un dos maiores icebergs que se desprenderon da Antártida

O equipo científico que seguía a traxectoria do 'xigante' de xeo constata a súa desintegración cando se achegaba ao arquipélago de Georgia do Sur

A misión que seguía nas augas subantárticas a traxectoria do enorme iceberg A68, desprendido da plataforma Larsen C da península Antártica en xullo de 2017, constatou esta semana a “fin” do ‘xigante’ de xeo. Despois de catro anos á deriva polo Atlántico Sur, achegándose ao arquipélago das illas de Georgia do Sur, os investigadores expuxeron que “os seus fragmentos son agora demasiado pequenos como para rastrexalos”. A68 chegou a ter no momento de desprenderse case 6000 quilómetros cadrados, unha superficie maior cá de toda a provincia de Pontevedra.

A expedición, formada polo British Antarctic Survey (BAS) e o National Oceanographic Centre (NOC), estivo analizando nos últimos meses o gran bloque de xeo con dous planeadores robóticos con capacidade para mergullarse e recoller mostras na zona, co obxectivo de estudar o impacto de A68 no ecosistema da zona. Segundo advertiron os científicos nos últimos anos, a chegada do iceberg podería afectar á circulación oceánica e, deste xeito, á vida das especies que se desenvolven preto de Georgia do Sur. E chegou a haber un risco real de que a gran plataforma impactase coa costa das illas.

Publicidade

“A ameaza que supoñía A68 para o ecosistema de Georgia do Sur era substancial por mor do seu gran tamaño e o potencial para alterar todos os elos da rede alimentaria”, expón Geraint Tarling, ecólogo do BAS. Finalmente, “as fortes correntes arredor de Georgia do Sur acudiron finalmente ao rescate para afastar o iceberg dunha colisión costeira catastrófica”.

Foi un traballo de “alto risco”, en palabras do oceanógrafo do BAS, Povl Abrahamsen, por mor dos numerosos fragmentos desprendidos, que ocasionaron a perda dun dos planeadores, e o outro quedou atrapado durante dúas semanas, aínda que finalmente puido recuperarse.

Publicidade

O seguimento de A68, polo seu tamaño e as súas implicacións nos ecosistemas desta rexión do planeta, foi un dos máis exhaustivos que a comunidade científica realizou ata o momento.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O primeiro cartógrafo da Antártida era galego? A historia de Francisco Seyxas

Explorador do século XVII, navegante e espía, documentou terras e illas ao sur do Estreito de Magallanes máis dun século antes dos descubrimentos ingleses

Un estudo galego sinala os pingüíns como difusores de contaminación na Antártida

Unha investigación na que participa a USC revela que as colonias destas aves concentran metais tóxicos e compostos químicos nos solos das illas Shetland do Sur

Un equipo galego analiza uns misteriosos eventos procedentes do xeo da Antártida

Un estudo liderado polo Observatorio Pierre Auge afonda na posible orixe de dous sinais anómalos detectados polo experimento ANITA

Así asubían os arroaces nas Rías Baixas para organizarse en grupo e orientarse nas augas

Un estudo recolleu durante 15 anos os sons dos Tursiops Truncatus para comparar as diferenzas nas interaccións entre Galicia e Sardeña