Non haberá que comer 13 uvas. Nin soarán máis que 12 badaladas. Pero a Noitevella de 2016 vai ter un segundo máis. Vai inserirse cando o reloxo marque as 23.59.59. E o seu obxectivo é axustar o tempo dos reloxos atómicos co que marca a rotación do planeta Terra.
Porque a rotación do noso planeta non dura exactamente 24 horas. Hai desfasamentos, atrasos ás veces por cuestións tan simples como as mareas ou a forza do vento contra as montañas. Isto sería case imperceptible se non fose porque os reloxos atómicos son enormemente precisos. E contan o número de vibracións do átomo de cesio-133: que son 9.192.631.770 por segundo.
Na década de 1970, os científicos decatáronse de que había un mínimo desfasamento entre o Tempo Universal Coordinado (UTC) e o tempo universal baseado nunha medida do ángulo de rotación da Terra no espazo (UT1). O UTC tampouco coincidía co TAI, o Tempo Atómico Internacional. Así que houbo que facer un axuste.
Desde 1972, 26 segundos bisiestos adicionais engadíronse a intervalos variables de seis meses a sete anos. O máis recente foi inserido o 30 de xuño de 2015. Chamados ‘segundos intercalares‘ este tempo engadido sumouse sempre en dúas datas: o 30 de xuño ou o 31 de decembro, como sucederá este 2016.
Na vida práctica, estes segundos intercalares non teñen maior transcendencia. Aínda que sempre se especula con que poderían provocar problemas no funcionamento dalgúns programas informáticos.
Así que o 2016 nos saíu bastante baleigán. E vaille custar marchar. Iso si, esta Noitevella comeremos 12 uvas e soarán as mesmas 12 badaladas.