Venres 26 Abril 2024

A música inflúe nos nosos xenes? Un concerto en Santiago permitirá sabelo

O evento celebrarase o 30 de setembro no Auditorio de Galicia, no que se recollerán mostras biolóxicas dos participantes

Poden unirse a ciencia e a música para loitar contra diferentes enfermidades? Ese o obxectivo de Sensogenoma22, un proxecto de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e a Real Filharmonía de Galicia. Esta colaboración quere “buscar as bases biolóxicas do estímulo musical” coa vontade de “iluminar novas dianas terapéuticas”, segundo explican os investigadores Antonio Salas e Federico Martinón. Trátase dunha nova disciplina da ciencia xenómica que afonda en como os estímulos sensoriais repercuten no ADN, buscando as bases moleculares que subxacen á activación da información xenética, e abrindo a porta a novos usos terapéuticos que melloren a calidade de vida das persoas.

Con este obxectivo, o 30 de setembro, ás 20.30 horas, celebrarase un concerto experimental no Auditorio de Galicia no que se recollerán mostras biolóxicas das persoas participantes. “Esperamos atopar sinais no xenoma que respondan a estímulos musicais, dos que moitos poden ter relación coa actividade cerebral, en rutas que conectan o cognitivo, a memoria ou o proceso de comunicación”, engaden. A música sempre influíu no estado de ánimo, e este, á súa vez, na saúde, é por iso que Sensogenomica22 trata de pescudar as súas bases moleculares e entender, se pode e de que xeito, axudar a frear ou paliar os efectos de certas enfermidades investigando a súa pegada no ADN.

Publicidade

Recollida de mostras

Así, antes do evento, farase unha recollida de mostras biolóxicas, saliva e unha pinga de sangue a través dunha pequena picada no dedo e ao finalizar repetirase o mesmo proceso. Desta maneira poderase medir a resposta dos xenes en dous puntos temporais e a resposta que tiveron a ese estímulo musical. En canto ao repertorio do concerto será sorpresa para que ningunha persoa vaia condicionada previamente e así poder sacar conclusións a nivel xeral. Deste xeito, convídase as persoas a asistir e sacar a entrada gratuíta con toma de mostras, das que se recollerán arredor dunhas 400, con consentimento informado asinado.

O concerto experimental celebrarase o 30 de setembro no Auditorio de Galicia

Ademais dos profesores Salas e Martinón, interviñeron este martes na rolda de prensa de presentación do proxecto Baldur Bronimann, director do concerto Sensogenoma22, e Sabela Garcia Fonte, directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, que deron a coñecer todos os avances e detalles desta investigación, acompañados por Mari Luz Couce, directora do IDIS e profesora da USC, e Eloína Núñez Masid, xerente da área Sanitaria de Santiago e Barbanza. Xunto a estas institucións, tamén participan a través dun convenio a USC, a Consellería de Sanidade e o Sergas.

Os profesores Salas e Martinón profundaron en como “ao non haber investigacións anteriores, o ámbito de traballo é moi amplo e permítenos encher un baleiro que existe en como a música se relaciona co noso xenoma”. O primeiro paso da investigación céntrase na música e a expresión dos xenes na poboación xeral e en distintos contextos como pode ser o caso do cancro, a enfermidade de alzhéimer, os trastornos do espectro autista (TEA) ou o dano cerebral, entre outros, co fin de obter datos a grande escala, analizalos con rigor científico usando técnicas de vangarda e, eventualmente, poder proporcionar ferramentas que melloren a calidade de vida das persoas. Completan o equipo Laura Navarro Ramón, coordinadora de Sensogenomica, musicóloga e doutora en Educación Musical, Belén Mosquera Pérez e Carmen Rodríguez-Tenreiro, coordinadoras de xestión e de ensaios clínicos e bioética respectivamente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres