Venres 26 Abril 2024

Isto é o que contén unha ‘cápsula do tempo’ da Idade do Ferro

Os achados de Poulton constitúen a cápsula temporal máis completa da vida no século VIII a.C. descuberta nas terras baixas do noroeste de Inglaterra

Poulton é un lugar está situado a uns oito quilómetros ao sur de Chester, Inglaterra, na marxe oeste do río Dee, e comprende unha serie de edificios agrícolas e domésticos rodeados de campos. Este enclave converteuse no centro do Proxecto de Investigación Poulton en 1995. Unha escavación de varios períodos cuxos obxectivos principais eran investigar os restos estruturais e a súa paisaxe circundante, así como identificar a localización dunha abadía cisterciense perdida no tempo. Porén, ao longo das décadas, o único que o equipo tiña atopado foron centos de esqueletos medievais e artefactos romanos moi transitados.

Agora, as escavacións en terras agrícolas revelaron un asentamento de terras baixas da prehistoria tardía, caracterizado por cunetas circulares entrecruzadas que abarcan entre os séculos VIII e I a.C.. Un conxunto diverso de achados que, preservado por condicións xeolóxicas inusualmente favorábeis, revelou evidencias dunha serie de actividades, conexións a longa distancia, unha economía agrícola mixta e prácticas rituais. Este escenario topográfico e xeolóxico, denominado como “a imaxe mellor conservada da vida prehistórica tardía que se atopou nas terras baixas do noroeste de Gran Bretaña”, proporciona ademais un modelo para identificar exemplos similares, que poden iluminar os estudos da Idade do Ferro no noroeste de Inglaterra e máis aló.

Publicidade

O solo, clave na conservación

As propias pistas para atopar este asentamento da Idade do Ferro, que abarca potencialmente 800 anos, son bastante fascinantes. Os investigadores do Proxecto de Investigación Poulton atoparan orixinalmente máis de 900 esqueletos dunha capela baixomedieval. Pero estes restos estaban xunto a artefactos que parecían ser anteriores aos enterramentos: parecía que as tumbas foran excavadas en sitios arqueolóxicos moito máis antigos.

Cando os investigadores exploraron máis a fondo, atoparon evidencias da Idade do Ferro: 10 casas circulares e máis de 5.000 elementos, que se remontan ao século VIII a.C. e proporcionan probas dunha comunidade rica e grande. E, aínda que os edificios xa están desaparecidos, sobreviviron as profundas gabias que os rodeaban. Estas, que terían sido utilizadas polos veciños para a eliminación do seu lixo diario, conserváronse de xeito inmaculado grazas ao solo arxiloso e neutro: “Os solos neutros, que conservaran os esqueletos medievais do xacemento, tiveron o mesmo efecto sobre os delicados achados da Idade do Ferro, mentres que a profundidade das cunetas protexeunos da destrución do arado ao longo dos anos”, escribiu o equipo nun artigo en Current Archaeology.

Unha comunidade de alto estatus

Entre os artefactos había gran cantidade de cerámica rota utilizada para conservar a carne e os alimentos, anacos de moldes e bigornias de pedra —o que demostraba que os veciños fundían cobre e ferro—, ademais de ósos de animais domésticos e corzos, que se cazaban para comer. Os arqueólogos tamén descubriron fragmentos de caveiras e outros ósos humanos. Exactamente por que estes acabaron no lixo común é un misterio, pero os investigadores cren que demostra que o tratamento dos mortos daquela era moi diferente ao actual

Co todo, o descubrimento máis significativo concretado no sitio foi unha casa circular que sería o fogar do líder da comunidade ou do xefe tribal. Alí identificáronse máis de 2.500 artefactos procedentes só desta estrutura única, incluídos artigos que serían depositados como unha declaración de riqueza. Estes incluían un peche ou palanca decorada, un can que probablemente foi sacrificado como parte dun ritual destinado a protexer a vivenda, o que parecía ser unha bigornia de pedra e cerámica diversa.

A cerámica máis abundante era en realidade para levar sal, o que suxire que a comunidade podía permitirse o luxo de transportalo da zona de Middlewich, a máis de 30 quilómetros de distancia. Este achados deron aos investigadores unha visión realmente completa da vida das persoas neste asentamento da Idade do Ferro. “Até o momento sabíase moi pouco das comunidades da Idade do Ferro de alto estatus no noroeste de Inglaterra”, di Kevin Cootes, arqueólogo da Universidade John Moores de Liverpool e consultor do Proxecto de Investigación Poulton. “Pero, polo que descubrimos, podemos dicir que esta comunidade era moi acomodada, polo comercio ao longo do río.”

Un cambio de opinión

Amais, estes achados poderían disipar a opinión dominante de que o noroeste de Inglaterra estaba escasamente poboado durante a Idade de Ferro. Até o de agora non se atoparan asentamentos significativos na rexión, e a maioría dos descubrimentos prehistóricos concentrábanse en Wessex, a costa leste e sur: “Asentamentos semellantes foran descubertos no sur de Inglaterra, ao leste dos Peninos e en Escocia, pero esta zona foi considerada un buraco negro por algúns arqueólogos, por iso é moi importante”, explica Cootes.

As continuas investigacións tamén descubriron sílex mesolíticos e ferramentas dos agricultores do Neolítico e da Idade do Bronce. “Poulton é unha cápsula do tempo ben conservada de milleiros de anos de vida. Nin sequera é un achado único na vida, é un achado que acontece unha vez en mil carreiras. É absolutamente fascinante e un privilexio participar”, sentencia.


ReferenciaPoulton, Cheshire. The Excavation of a Lowland Iron Age Settlement (Publicado en Journal of the Chester Archaeological Society)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopada no fondo do río Limia unha das embarcacións máis antigas do mundo

A piroga, a sétima localizada en Viana do Castelo, data da Idade de Ferro e está fita do tronco dun só carballo

Un ilustrador recrea o ‘xogo de mesa’ máis antigo de Galicia

O taboleiro está datado da Idade de Ferro e foi atopado nunhas escavacións por un equipo de arquéologos en Castro Curbín

A pía de Folgoso, datada na Idade de Ferro: “É unha peza única no noroeste peninsular”

A historiadora Eva González publica o primeiro estudo sobre este excepcional bloque granítico gravado con motivos castrexos

Atopan un posible enterramento infantil nun xacemento castrexo en Larouco

Os traballos realizados no xacemento do Castrillón descobren un depósito votivo no interior dunha cabana castrexa con restos de sementes, ósos e carbóns