Publicidade

A UVigo participa no desenvolvemento das redes 5G

A Universidade de Vigo vén de converterse en membro da OpenAirInterface (5G software alliance for democratising wireless innovation), unha alianza que promove a creación de novas solucións abertas para o núcleo de rede (EPC), a rede de acceso e os equipos de usuario para as futuras redes de comunicación 5G. A participación viguesa nesta rede concrétase a través da área Data Networks de atlanTTic, sendo o investigador do grupo GTI Felipe Gil a persoa que se encargará de xestionar esta colaboración. Segundo explica, OpenAirInterface Software Alliance é “unha organización sen ánimo de lucro que se financia con contribucións dos socios empresariais e que busca avanzar nas tecnoloxías de comunicación 5G”.

Para iso a organización está desenvolvendo compoñentes software que permitan crear unha rede de comunicación 4G ou 5G empregando hardware comercial ao alcance de calquera. En definitiva, destaca Gil, “esta organización está creando as pezas que farán posible que o avance na creación dos sistemas de comunicación 5G sexa máis rápido, xa que ao publicalas como código libre se facilita a participación de máis entidades e investigadores, e ata agora, a maior parte da investigación só a podían facer os grandes vendedores de equipos de telecomunicación”. Deste xeito, os usuarios poderán gozar de servizos que hoxe son imposibles, e a incorporación de tecnoloxías máis democráticas contribuirá a derrubar as barreiras tecnolóxicas e de mercado existentes hoxe en día á hora de converterse en operador de servizos de rede.

Publicidade

A UVigo traballará con entidades punteiras no mundo do 5G.
A UVigo traballará con entidades punteiras no mundo do 5G.

Entre os membros desta institución está Eurecom, centro de investigación francés que lanzou a iniciativa, así como empresas como Nokia (cos seus laboratorios de investigación Bell Labs), Fujitsu, Orange, Technicolor e TCL (donos das marcas Alcatel e Thomson) ou diversas universidades e entidades de investigación como universidades estadounidenses, francesas, inglesas, alemás, chinesas e españolas. Ademais, engade o investigador, aínda que non como membro oficial, “Facebook está colaborando enormemente nos traballos de desenvolvemento, xa que utilizan algunha das ferramentas de OpenAirInterface no Telecom Infra Project para crear unha nova infraestrutura aberta de telecomunicación”.

A entrada da institución viguesa nesta asociación responde á estratexia aliñada coas novas tecnoloxías NFV (Virtualización de funcións de Rede) e SDN (Redes Definidas por Software) aplicadas especificamente ao novo marco tecnolóxico que abre o 5G. Así, a Universidade de Vigo participará “nunha iniciativa punteira mundial” que xa está achegando resultados que van cambiar os sistemas de comunicación móbiles. Por un lado, engade, “permítenos estar ao día das últimas novidades e, por outro, contribuír e influír neses avances”.

Publicidade

Grandes posibilidades do 5G

A introdución do internet das cousas tanto na industria como na sociedade en xeral, ademais dos novos servizos que se crearán da man do 5G (comunicación entre vehículos, comunicación con drones, telepresencia, sistemas de realidade aumentada…) fomentará a existencia de novos operadores. Operadores que necesitarán flexibilidade á hora de ofrecer un servizo de calidade e capacidade para tomar as decisións tecnolóxicas e a infraestrutura tecnolóxica actual restrinxiría este campo debido ás barreiras de entrada, tanto tecnolóxicas como legais, existentes hoxe en día. O novo paradigma permitiría aloxar/virtualizar os servizos sobre un hardware e, atendendo ás novas necesidades, engadir ou simplemente modificar parámetros do propio servizo de maneira unilateral (latencia, ancho de banda, encamiñamentos…).

O profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática explica que na EE de Telecomunicación e no centro atlanTTic estase a traballar no desenvolvemento do ‘núcleo de rede’, “a parte que se encarga de xestionar os datos e as aplicacións que os manexan, en contraposición coa rede de acceso, que é a encargada de enviar os datos desde o terminal móbil ao núcleo de rede”. Neste ámbito, remarca Gil, “estamos traballando nas tecnoloxías de virtualización de funcións de rede, é dicir, nas tecnoloxías que permiten que a maior parte das tarefas se poidan realizar por software, e ademais que eses compoñentes de software se poidan adaptar e mover para ofrecerlle ao usuario as prestacións máis adecuadas para cada aplicación”.

Como exemplos desta adaptabilidade, o investigador destaca a baixa latencia para realidade aumentada, para o control remoto ou para a telepresencia, ou anchos de banda altos para as videoconferencias ou a transmisión de vídeo en tempo real. Finalmente, Gil engade que tamén grazas a estes avances será posible que os operadores teñan ‘camiños’ optimizados para cada tipo de servizo que ofrezan, ou incluso crear operadores (de forma case instantánea) adaptados a verticais concretos, como internet das cousas, distribución de vídeo, videoconferencia, etc.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Esta aplicación de IA axudarache a mellorar o teu galego

LanguageTool é unha ferramenta informática que permite a corrección de textos en galego e noutros 30 idiomas.

Que é o círculo azul de Whatsapp, para que se emprega e como facer que desapareza

O xigante tecnolóxico de Mark Zuckerberg introduce nas súas principais redes sociais un chatbot ao que facer preguntas ou consultas

A Xunta anuncia máis de 10 millóns para proxectos de I+D+i e tecnoloxías de alto impacto

Rueda lanza tres novas convocatorias de axudas destinadas a impulsar a investigación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico

Do Galiñeiro a Ourense: os xacementos que fan de Galicia unha posible potencia en terras raras

O xeólogo Pablo Nuñez enumera as diferentes zonas da comunidade que poden albergar elementos esenciais para a industria tecnolóxica