A UVigo lidera un proxecto dun millón de euros para formar expertos en fotónica

Co obxectivo de proporcionar formación de vangarda a investigadores e investigadores novos no campo da fotónica integrada, para que posteriormente se integren en empresas do sector, a Universidade de Vigo coordinará o proxecto Edify (European Doctorate in Indium Phosphide PIC Fabrication Technology), financiado cun millón de euros polo programa europeo H2020, na modalidade de Rede Europea de Formación (ITN). Ademais de ser a primeira acción Marie Curie ITN que a Universidade de Vigo coordina ao abeiro do programa H2020, neste caso a través do docente e investigador do grupo COM de atlanTTic Fran Díaz, tamén é a primeira que se lle concede á institución académica viguesa na modalidade de doutoramento industrial.

O proxecto é a primeira acción que a UVigo coordina ao abeiro do programa H2020

“Neste caso a Universidade de Vigo capacitará a estudantes de doutoramento en tecnoloxías fotónicas integradas co seu socio SMART Photonics, fábrica líder europea en circuítos fotónicos integrados de fosfuro de indio”, explica o coordinador do proxecto, no que tamén participan a Technische Universiteit Eindhoven, líder europeo do ecosistema de investigación en fotónica integrada e outras tres empresas industriais de última xeración: Bright Photonics BV, que centra a súa actividade no deseño e a consultoría e Photon Design e Phoenix BV, dedicadas ao software e nas que as e os investigadores realizarán estadías nas que poderán adquirir coñecementos de todo o abano de disciplinas que abrangue a fotónica integrada.

Publicidade

“Edify formará durante 48 meses catro estudantes de doutoramento que pasarán o 40% da súa formación na Universidade de Vigo e un 60% no resto de empresas da rede. Dado o perfil multidisciplinar dos investigadores que van ser contratados neste proxecto, recibirán formación básica e complementaria en física do estado sólido, química, procesos de automatización, comunicacións ópticas…” detalla Fran Díaz, ao que se suman na os catedráticos do Laboratorio de Óptica e do grupo COM da Universidade de Vigo, Humberto Michinel e Francisco Javier Fraile Peláez, respectivamente. “Dada a súa ampla experiencia investigadora de primeiro nivel no campo da física e a fotónica, supervisarán ás e aos estudantes de doutoramento, xunto aos seus homólogos en SMART Photonics”, explica o investigador sobre o traballo que desenvolverán os seus compañeiros.

O sector da fotónica emprega a preto de 300.000 persoas na UE e ten un gran potencial nos vindeiros anos

Aínda que a fotónica integrada é unha tecnoloxía transversal que afecta a todos os sectores, desde as comunicacións á saúde, pasando polo procesamento de materiais en produción, iluminación e produtos cotiáns como os teléfonos móbiles, “o potencial disruptivo completo da fotónica empeza a agora a entreverse e agárdase que os novos avances revolucionen múltiples sectores, desde o coidado da saúde, á fabricación, electrónica, tecnoloxías da comunicación e aplicacións de sensores en todas as contornas”, detalla o investigador de atlanTTic. Neste sentido, Fran Díaz lembra que o sector fotónico está cualificado pola UE, onde emprega preto de 300.000 persoas, como unha das únicas seis tecnoloxías clave de habilitación (KET) e “nuns anos agárdase que a fotónica integrada substitúa á microelectrónica en todas as áreas da produción”.

Publicidade

O grupo COM de atlanTTic conta cun área dedicada á fotónica e nos dous últimos anos Fran Díaz traballou na creación dun pequeno grupo de estudantes de doutoramento dedicados a explorar as posibilidades que este campo pode ofrecer e tamén a fortalecer as relacións cos actores principais que existen en Europa neste ámbito. Para Díaz, “o feito de que institucións e empresas de primeiro nivel recoñezan a valía das nosas actividades cimentadas nos estudantes que saen dos nosos grupos de investigación na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o traballo e apoio do servizo de I+D e que as nosas propostas reciban o apoio da Comisión Europea, indica que as nosas capacidades formativas e investigadoras teñen o máximo nivel”. O investigador e docente considera, ademais, esta confirmación un voto de confianza para que a Universidade de Vigo aposte por un sector emerxente, no que posicionarse nos próximos anos será de vital importancia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pint of Science: “É fantástico pasar do contexto pechado da investigación á contorna afable dos bares”

O investigador de atlanTTic Diego Cajaraville dará o 19 de maio ás 19:30 horas unha charla no bar De Catro a Catro de Vigo

Fernando Aguado: “A variación do sinal con respecto a Vigo axudará a situar Orion na Artemis II”

O catedrático da Universidade de Vigo cualifica de “soño” a participación do seu equipo no percorrido cara á Lúa na nova misión da NASA

Galicia, na misión Artemis II da NASA: así traballa a UVigo no seguimento de Orion

Un grupo de atlanTTic analizará unha monitoraxe continua durante dez días para asegurar a correcta traxectoria da cápsula

atlanTTic impulsa unha rede experimental única de referencia internacional en 5G e 6G

O centro da UVigo desprega no campus de Lagoas-Marcosende unha infraestrutura avanzada para validar comunicacións móbiles de nova xeración en contornas reais