UVigo e Zona Franca impulsan unha fábrica de circuítos fotónicos

O orzamento ascende a 50,4 millóns de euros e solicitarán fondos Next Generation para unha instalación única no sur de Europa

O orzamento ascende a 50,4 millóns de euros e en tres anos estaría en funcionamento.

O mercado da fotónica integrada mundial superou o ano pasado os 4000 millóns de euros, prevéndose unha taxa de crecemento deste sector de entre o 20 e o 26%. Unhas 290.000 persoas traballan en Europa no sector da fotónica, moitas delas nas máis de 5000 pemes dun sector, cuxas industrias relacionadas representan do 20 ao 30% da economía da UE. Co obxectivo de instalar en Vigo unha fábrica de circuítos fotónicos e un laboratorio de investigación e innovación para tecnoloxías fotónicas en aplicacións de alto valor engadido, Universidade de Vigo e Zona Franca acaban de presentar, a través do Goberno central, aos fondos europeos de recuperación Next Generation unha manifestación de interese (MDI) cun orzamento de 50,4 millóns de euros e un prazo de tres anos para estar en funcionamento.

O docente e investigador do grupo COM do centro atlanTTIC da UVigo Francisco Javier Díaz e o delegado do Estado en Zona Franca, David Regades foron os encargados de dar a coñecer os detalles da MDI, nun acto no que tamén participaron este mediodía o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Francisco Díaz, Abel Caballero, David Regades e Carmela Silva.

Regades destacou que “a fábrica e laboratorio de circuítos fotónicos permitirá establecer unha instalación de nanofabricación e investigación líder en Europa, única no seu tipo na Península e no sur de Europa, de circuítos integrados fotónicos”, mentres que Francisco Díaz incidiu en que “a fotónica é unha tecnoloxía clave para a UE, pero polo momento só hai dúas fábricas en Europa de chips, cuxa fabricación foise cara Asia”. Pola súa banda, o alcalde de Vigo destacou que “o máis importante é poñernos na vangarda tecnolóxica deste planeta”, ao tempo que comprometeu todo o apoio que o proxecto precise. E a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou o seu convencemento de que o Goberno de España respaldará a idea, “que será un proxecto único en España e no sur de Europa”, dixo.

Na MDI presentada aos fondos europeos ponse de manifesto que a fotónica revolucionará múltiples sectores, desde a industria do vehículo autónomo á atención médica, pasando pola electrónica, tecnoloxías da comunicación ou eficiencia enerxética, ao permitir reunir múltiples funcións ópticas nun só chip, o denominado circuíto integrado fotónico.

150 postos de traballo directos e 700 indirectos

A posta en funcionamento da iniciativa impulsada pola UVigo e Zona Franca xeraría 150 postos de traballo directos de elevado valor técnico e 700 indirectos no sistema nacional de I+D, provedores, startups e pemes. O proxecto está integrado, dunha banda, por unha sala limpa de 1000 metros cadrados para a fabricación dos circuítos integrados fotónicos baseados en fosfuro de indio (InP), e doutra, por un centro de investigación e innovación para tecnoloxías fotónicas en aplicacións de alto valor engadido. 36 meses é o prazo de execución fixado para o proxecto, que arrancaría o primeiro ano coa construción do espazo da sala limpa de fabricación e o equipamento para o laboratorio e coa contratación de persoal técnico cualificado da sala limpa. O segundo ano, iniciaríanse os primeiros deseños de dispositivos para testeo e a seguir, a primeira fabricación dos dispositivos.

Zona Franca e UVigo inciden en que ademais de establecer en Vigo un centro punteiro en Europa, proxecto terá efecto tractor sobre sectores tecnolóxicos e estratéxicos nacionais, con creación de empregos de altísima cualificación e creación de starups, ao tempo que permitirá desenvolver produtos e servizos novos cun elevado contido de investigación, con aplicacións para a economía e a sociedade, ademais de ter un impacto económico directo en segmentos do mercado, que van desde as telecomunicacións, ata as novidosas aplicacións de realidade virtual e aumentada, tecnoloxías cuánticas para aplicacións de comunicacións, seguridade 5G e intelixencia artificial.

Segundo as previsións do promotores, en cinco anos a fábrica absorbería ata un 10% do mercado de fabricación e un 20% do mercado de dispositivos, ademais dos efectos asociados sobre a creación de patentes e propiedade intelectual. “Un fito para Vigo e para Galicia, que nos sitúa no mapa europeo da alta tecnoloxía en semicondutores e que para España suporía a creación dun novo ecosistema nacional e con capacidade de impacto transversal en distintos sectores da economía”, aseguran os impulsores da iniciativa que confirma que, unha vez identificado como proxecto tractor, daríase entrada a un industrial especializado para liderar o proxecto.

Ampla experiencia da UVigo

Hai pouco máis dun ano a UVigo convertíase na sexta universidade española en dispor dun laboratorio para medidas de circuítos integrados fotónicos, que se localiza na EE de Telecomunicación. Son 50 metros cadrados que albergan equipos de medida en lonxitudes de onda ópticas (1,3-1,5 micras), tanto para circuítos formados por compoñente discretas, como para medidas de circuítos integrados fotónicos (PICs), cunha estación manual de puntas para caracterización e testeo. Unha instalación que sitúa á UVigo na vangarda das universidades españolas no campo da fotónica integrada, no que tamén, e durante dous anos a institución académica acadou un millón de euros de financiamento do programa H2020 para, ao abeiro do proxecto DRIVE-In, a formación de investigadores neste campo, co obxectivo de aplicar esta tecnoloxía ao automóbil autónomo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.