Xoves 18 Abril 2024

A UVigo patenta drones para detectar minas antipersoa

Froito da colaboración que comezaron hai un par de anos, pero que se remonta seis máis atrás, as universidades de Vigo e Oviedo patentaron drones coa finalidade de detectar minas antipersoa e medir emisións electromagnéticas de antenas. O catedrático Antonio García Pino e os investigadores Borja González-Valdés e Yolanda Rodríguez Vaqueiro do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo e os seus homólogos do grupo de Teoría de la Señal y Comunicaciones de la Universidad de Oviedo María García Fernández, Yuri Álvarez López, Fernando Las Heras Andrés e Ana Arboleya Arboleya integran o equipo que, a través da aplicación da súa experiencia en I+D en enxeñaría de telecomunicación ao mundo dos drones, foron quen de acadar estas aplicacións, que abren novas liñas de aproveitamento para a administración pública e para as empresas.

O enxeñeiro Borja González-Valdés. Foto: DUVI.
O enxeñeiro Borja González-Valdés. Foto: DUVI.

“Esta iniciativa comezou cun proxecto para embarcar sistemas radar en drones para detectar minas e tubaxes enterradas, entre outras cousas, e a partir da tecnoloxía que utilizamos para facer iso adaptouse para a medida de antenas, cos mesmos sensores e co mesmo sistema de posicionamento, sobre todo, adaptáronse para as antenas”, explica, que sinala que o papel principal desenvolvido pola representación viguesa no proxecto centrouse en axudar aos seus socios en cuestións de posicionamento e no procesado de datos.

Publicidade

Mentres para a detección das minas antipersoa emprégase un radar embarcado nun drone, a medición de emisións electromagnéticas de antenas, abre a porta a medir o funcionamento de antenas, por exemplo en estacións de telefonía móbil ou de radiodifusión, evitando que haxa que desmontalas para comprobar o seu estado ante determinadas incidencias.

Fronte as aplicacións de drones baseadas en sensores como cámaras de vídeo, fotografía e térmicas, as e os investigadores de Vigo e Oviedo introduciron novos sensores de bandas de radiofrecuencia e microondas que permiten explotar as propiedades destas ondas para “ver o invisible”, segundo eles mesmos explican. “Nós temos dúas patentes, unha sobre o sistema de detectar minas e outro sobre o sistema de antena. Pasaron o exame previo e ningunha das dúas se fixera antes e son patentes concedidas e a tecnoloxía que se emprega nun e noutro caso é bastante similar”, explica Borja González-Valdés en relación coas dúas aplicacións. Así, nun caso a aplicación toma como base un radar que emite ondas de radiofrecuencia capaces de atravesar o solo as paredes e capta a resposta de posibles obxectos ocultos e combinando diferentes medidas obtense unha imaxe de alta resolución deses obxectos. Outras aplicacións desta primeira patente centraríanse na obra civil para detección de tubaxes á hora de decidir onde realizar unha escavación e en arqueoloxía, para localizar restos de xeito non invasivo.

Os sensores de radiofrecuencia e microondas permiten aos drones “ver o invisible”

No caso da segunda patente, para a inspección de antenas, combinouse a experiencia adquirida na aplicación da detección de minas cos coñecementos sobre medida de antenas e emisións electromagnéticas do grupo da Universidade de Oviedo. Así, aproveitando o logros no posicionamento preciso dos drones, que é unhas dez veces mellor que a proporcionada por un GPS convencional e técnicas novidosas de medida de antenas, é posible medir e diagnosticar o funcionamento dunha antena.

Os prototipos desenvolvidos polas investigadoras e investigadores foron validados de xeito satisfactorio en condicións reais de operación, dispoñendo de autonomías de voo de 15 a 20 minutos. O proxecto conta coa colaboración do Ministerio de Economía y Competitividad, da Xunta de Galicia, o Goberno del Principado de Asturias e do Instituto Universitario de Tecnología Industrial de Asturias.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Científicos da USC relacionan wifi con toxicidade celular ante contaminantes

Investigadores do CRETUS publican un estudo no que afirman que fontes de radiofrecuencia de 2.45 GHz interactúan nas células co carbono negro

Esta é a primeira imaxe do subsolo da cara oculta da Lúa

O vehículo lunar chinés Yutu-2, dotado cun radar, envía á Terra osprimeiros datos do terreo que está baixo a superficie do satélite

Aeromedia, de Oleiros, primeira operadora con permiso para voos nocturnos de drons

Convértese na primeira empresa de España no sector que obtén autorización para estas operacións e tamén en espazos aéreos controlados