Xoves 28 Marzo 2024

Un enxeñeiro galego crea un mecanismo para acelerar as conexións a internet no móbil

Esta proposta da tese de Pablo Fondo, do atlanTTic, é compatible coas redes 4G existentes, o que facilita a súa integración

Moi alta fiabilidade e baixa latencia. Estas son dúas características esenciais que deben cumprir as redes de comunicación móbiles de nova xeración, pero isto non sempre é posible coas arquitecturas estáticas das redes 4G, que a miúdo son incapaces de soportar estas comunicacións dun xeito eficiente. Neste contexto cobran especial relevancia os resultados acadados polo investigador do Grupo de Tecnoloxías da Información, GTI, do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, Pablo Fondo, na súa tese de doutoramento, unha investigación na que fai uso da denominada computación no bordo da rede (Multi-Access Edge Computing, MEC) para desenvolver un mecanismo capaz de reducir a latencia das comunicacións nas redes 5G, sendo, ademais, compatible coas redes 4G existentes, o que facilita a súa integración e permite tamén facer uso “desde xa” desta tecnoloxía.

Este mecanismo está baseado nas redes definidas por software, que permiten mover as comunicacións do usuario a bordo da rede de forma dinámica”, explica o investigador, quen ten participado en diversos proxectos de investigación sobre redes móbiles e publicado máis dunha ducia de artigos científicos en revistas de alto impacto e congresos internacionais. “Entre as principais vantaxes que achega o uso deste paradigma está, precisamente, a redución da latencia das comunicacións, que é un aspecto crítico das redes 5G”, recalca Fondo.

Publicidade

Maior flexibilidade para os operadores

O sistema proposto na tese permite a integración de servizos de MEC nas redes dos operadores dunha forma dinámica, outorgando maior flexibilidade aos operadores e permitindo reconfigurar a rede dunha forma dinámica e totalmente transparente para os dispositivos finais, sen romper ou alterar ningunha das comunicacións que ten establecidas. “Por exemplo, cando un usuario conectado á unha rede cunha latencia moi alta, nun momento dado nota que a calidade das súas comunicacións empeora, o mecanismo proposto axudaría a mover as comunicacións dese usuario ao bordo da rede nese mesmo intre, conseguindo reducir a latencia que percibe e, en consecuencia, mellorar a calidade das súas comunicacións”, explica o investigador, quen desde 2018 imparte docencia no Departamento de Enxeñaría Telemática. 

A segunda gran vantaxe deste mecanismo márcaa, a xuízo do seu autor, o feito de que sexa compatible coas redes 4G existentes, o que facilita a súa integración, xa que permite facer uso desta tecnoloxía nas redes que xa teñen actualmente despregadas os operadores, mellorando o seu retorno de investimento. 

Especialmente útil para as comunicacións vehiculares

Dirixida polo profesor Felipe Gil, responsable do Laboratorio 5G da UVigo, a investigación fixo un estudo pormenorizado da aplicación deste mecanismo en casos de uso de comunicacións vehiculares, onde, debido á propia natureza do escenario, existe unha alta mobilidade dos terminais. “Os resultados desta análise amosáronnos de xeito claro que é posible integrar de forma satisfactoria aplicacións con requisitos de latencia estritos nestes escenarios facendo un uso eficiente dos recursos da rede”, recalca o autor, ao que engade que quedaría pendente a validación experimental desta proposta mediante a implementación dunha proba de concepto nunha contorna de laboratorio.

Por outra banda, na tese, realizada cunha axuda predoutoral da Fundación “la Caixa”, tamén se explora a relevancia que xogan as redes definidas por software e a virtualización das funcións de rede para a orquestración automatizada das redes e para simplificar a xestión das comunicacións de control dentro das novas arquitecturas de rede, algo que o autor considera “un aspecto esencial para reducir os custos de capital e de operación aos que teñen que facer fronte os operadores”.

Alumno brillante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Natural de Culleredo, Pablo Fondo é graduado en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (2016) con Premio Nacional Fin de Carreira, Máster en Enxeñaría de Telecomunicación (2018) e doutor en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (2022) con Mención Internacional e Cum Laude pola Universidade de Vigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%