Teñen as persoas que almacenan os seus datos na nube garantida a privacidade, a seguridade e a integridade desa información, ou aos e ás usuarias non lles queda outro remedio que confiar en que o provedor dese servizo actuará de xeito correcto? Partindo da hipótese de que a nube non é confiable, o proxecto Witdom, empoWering prIvacy and securiTy in non-trusteD envirOnMents, coordinado pola empresa de servizos dixitais Atos España e coa participación de sete socios europeos, entre os que se atopan a Universidade de Vigo e Gradiant como entidade asociada á institución académica, busca mecanismos para garantir que os datos dos usuarios estean en todo momento protexidos e que nin tan sequera o provedor da nube os poda coñecer.
A case catro millóns de euros, dos que a Comisión Europea financia uns 2,8 millóns no contexto do programa H2020, ascende o orzamento do proxecto Witdom, enfocado concretamente no procesado seguro de datos xenómicos na nube, como base do avance na detección temperá de enfermidades xenéticas, así como na análise de datos bancarios. “Tanto os datos xenómicos como os bancarios son especialmente sensibles e a súa axeitada protección en contornas non confiables é crucial para mellorar a privacidade dos usuarios e eliminar a necesidade de confianza cega nos provedores de servizos”, explica o catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo Fernando Pérez, que xunto ao tamén investigador do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións Juan Ramón Troncoso, lidera a participación da Universidade de Vigo neste proxecto de tres anos, no que o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, participa como entidade asociada á institución académica viguesa, achegando a súa experiencia no deseño de sistemas na nube e de ferramentas de comunicacións anónimas e análises de privacidade.
Pola súa banda, a Universidade asume a coordinación científico-técnica do proxecto, ademais de liderar o paquete de traballo de investigación fundamental en procesado seguro de datos e sinais. A Universidade de Lovaina (Bélxica), grandes empresas como IBM (Suiza), pemes enfocadas ao desenvolvemento de solucións seguras como XLAB (Eslovenia) e usuarios finais aos que van orientadas as solucións e os casos de uso que Witdom contempla, como o Centro de Investigación Xenómica de la Fondazione Centro San Raffaele (Italia) e o BBVA (España), completan o consorcio liderado por Atos España.
A seguridade dos datos xenéticos das persoas é un dos obxectivos de Witdom
Entre as aplicacións prácticas que o proxecto Witdom permitirá desenvolver destaca, segundo Juan Ramón Troncoso, “as novas portas que se abrirán á investigación xenómica e a colaboracións na realización de análises e diagnósticos que posibilitan avances ata o de agora freados pola falta de seguridade nas ferramentas tecnolóxicas actuais para tratar e compartir datos sensibles”.
Para conseguir que o provedor da nube opere sobre os datos dos e das usuarias sen que estes deixen en ningún momento de estar cifrados, Witdom céntrase en desenvolver tecnoloxías eficientes de procesado con datos cifrados, ademais de implementar técnicas de protección da privacidade dos individuos que acceden ao servizo e métodos de análise e verificación do correcto funcionamento dos sistemas actuais e futuros. Witdom tampouco descoida a futura regulación europea en materia de protección de datos e é precisamente esta combinación de avance técnico en procesado seguro, atención á lexislación vixente e futura en materia de protección de datos e o enfoque a aplicacións prácticas de gran impacto en protección da privacidade da cidadanía, o que, segundo Fernando Pérez fan desta, unha iniciativa “especialmente innovadora”.
Gradiant e a UVigo recibirán medio millón de euros do proxecto Witdom
Witdom tivo a súa orixe en conversacións mantidas entre Atos e a Universidade de Vigo, que con anterioridade xa participarán noutros proxectos sobre procesado cifrado de sinal. A partir dese intre conformouse o resto do consorcio para a elaboración da proposta e a consecución de financiamento do programa H2020. A posibilidade de participar nun proxecto europeo con institucións de alto nivel en I+D+i supón, segundo o catedrático vigués, máis alá dunha oportunidade para dar a coñecer a investigación e desenvolvementos que se realizan tanto na Universidade, como en Gradiant, “unha confirmación do nivel e interese da nosa investigación”. Un recoñecemento ao que Pérez engade tamén o feito de que se trata dun proxecto concedido na primeira convocatoria do programa H2020 “na que houbo unha competencia moi alta”, explica.
Do total do financiamento co que conta Witdom, a Universidade de Vigo, como coordinador científico-técnico, e Gradiant obterán máis de medio millón de euros para desenvolver o seu traballo, que se prolongará ao longo dos tres anos que durará o proxecto.