Martes 19 Marzo 2024

Cinco startups do audiovisual apostan por proxectos innovadores co apoio de Amtega e R

A innovación é unha das claves para o futuro do sector audiovisual galego e a colaboración entre Amtega e o operador R está a permitir a posta en marcha de cinco proxectos con moi boas perspectivas, baseados na utilización de ferramentas ou conceptos moi innovadores. A aceleradora de contidos dixitais R Dico Challenge é unha iniciativa que aposta decididamente polo apoio a proxectos que foron seleccionados atendendo as súas posibilidades de atopar unha saída áxil e eficaz no mercado.

Startups R Dico Challenge enmárcase no Plan Dico Mindset para promover o sector dos contidos dixitais en Galicia,  unha estratexia impulsada dende a Xunta, en colaboración co Cluster TIC e do Audiovisual de Galicia, para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo. Neste momento aglutina arredor de 900 empresas con preto de 5.400 empregados.

Publicidade

O proxecto de Adiviña Producións céntrase na realidade virtual

As cinco iniciativas foron elixidas entre as máis de 60 propostas achegadas e ofrecen solución innovadoras en cuestión como a retransmisión de eventos deportivos, as aplicacións para Android TV, os contidos formativos innovadores e a aplicación do Big Data ao consumo televisivo.

As propostas seleccionadas terán á súa disposición os seus respectivos mentores e poderán optar á axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o seu desenvolvemento. Ademais, poden utilizar en todo momento ao espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura con este fin. Os emprendedores están a traballar man a man con R, teñen acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e benefícianse do uso das instalación e da visibilidade derivada de camiñar á beira do operador galego durante este tempo.

Ademais, R converterase para eles nun potencial primeiro cliente e nun trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado. A primeira edición de startups R DiCo Challenge pecharase cunha xornada “Demo Day” a finais do verán, onde os cinco proxectos participantes mostraran os avances conseguidos. Finalmente, abrirase un período de saída progresiva da aceleradora para os proxectos.

No apartado de contidos formativos e divulgativos innovadores, a proposta elixida foi “FVR-Fila de Realidade Virtual”, presentado por Adiviña Producións. Jorge Algora, director da produtora, explica que trátase dun proxecto que aposta pola difusión de contidos culturais (teatro e danza, principalmente) dun xeito no que o espectador audiovisual ten a sensación de atoparse na primeira fila dun teatro. Basicamente o que se fai e gravar as obras en formato 3-D con cámaras estereoscópicas e despois os contidos se distribuirán aos espectadores por unha canle de TV convencional, aínda que necesitarán dunhas gafas especiais para ver a obra deste xeito.

“Con este proxecto cumprimos o dobre obxectivo de manter o espírito da obra de teatro nun novo formato e, ademais, se crean contidos audiovisuais para un sector no que non existen tantos. A idea e gravar espectáculos de diversos tipos (para nenos, danza, teatro convencional) e así poder chegar a todo tipo de públicos”, explica Algora. Actualmente están a traballar na gravación de tres montaxes.

Ata o de agora este tipo de iniciativas non eran posible por cuestións técnicas xa que os custes eran moi elevados pero agora coa tecnoloxía VA xa é posible afrontalos. A propia compañía R e o grupo Euskaltel ao que pertence perfílanse como os primeiros clientes. Os espectadores so terán que investir dez euros nunhas gafas que lles permitirán gozar dunha experiencia moi semellante ao teatro en vivo. Tamén haberá a posibilidade de transmitir eventos en directo a través de streaming con esta tecnoloxía.

Un dos proxectos presentados aposta polo Big Data para axudar as compañías de televisión a coñecer mellor os gustos e expectativas dos seus espectadores

No apartado de Big Data aplicado ao consumo televisivo, a proposta elixida foi “Visualización Big Data”, presentada por Mario Pérez. O proxecto deste emprendedor baséase na posibilidade de ofrecer servizos baseados no tratamento masivo de datos a grandes empresas e a pemes. “Empregamos técnicas de machine-learning e deep-learning para facilitar ás empresas un mellor coñecemento das súas audiencias. Xa comezamos cun primeiro proxecto para a TVG no que analizamos as mensaxes dos espectadores nas redes sociais para coñecer mellor os seus sentimentos respeito a un programa determinado”, explica Pérez.

O emprendedor destaca a oportunidade que representa para el o programa R DiCo Challenge xa que lle permitirá poñer en marcha unha empresa para desenvolver o proxecto, algo que dificilmente podería lograr sen este apoio. “Traballaremos inicialmente con proxectos vinculados á TVG e máis adiante veremos a posibilidade de chegar a outro tipo de clientes”, indica Pérez.

No que se refire ao reto de enriquecer as transmisión de eventos deportivos, o proxecto elixido foi “Futboleando.Gol” desenvolvido por M International. Mónica Hidalgo e Mercedes García, responsables da empresa, sinalan que se trata de poñer en marcha unha canle de TV centrada na información sobre o fútbol base.

“Cremos que é un proxecto viable porque hai moita demanda de produto sobre o fútbol base. Nós xa traballamos coa xeración de contidos para televisións coma a TVG e a RTP e agora imos ver se e posible desenvolver un proxecto que podería empezar en Galicia e, posteriormente, exportarse a outros mercados”, explican Hidalgo e García. R e o grupo Euskaltel serían os primeiros clientes para emitir tanto partidos coma reportaxes e entrevistas relacionadas co fútbol base, un sector que conta con milleiros de seguidores en toda Galicia.

Os outros dous proxectos que foron elixidos para a aceleradora foron “FaceIDNN”, posto en marcha polo centro tecnolóxico Gradiant para desenvolver un programa de fidelización de clientes mediante tecnoloxías de recoñecemento facial e “Brain Games TV”, promovido por Cui Cui Studios e que aposta por desenvolver unha aplicación de Android TV de xogos que poderá integrarse na plataforma de R.

Os cinco proxectos apostan pola innovación coma un factor decisivo para acceder a novas audiencias nun mercado que está a experimentar unha auténtica revolución nos últimos anos coa aparición de novas alternativas de consumo televisivo. A posta en marcha de ideas innovadoras semella a única alternativa para tratar de facilitar a continuidade dunha industria que en Galicia ten moita importancia, tanto polo seu potencial xerador de emprego como por ser unha importante ferramenta de difusión cultural.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

A Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia empregará intelixencia artificial ao servizo do campo

Agricultores, gandeiros e silvicultores poderán cumprir obrigas coa administración e vixiar as súas explotacións, entre outras funcións

As aulas CeMIT formaron a 900 persoas en impresión 3D, robótica ou programación

Amtega distribuíu máis 1.300 novos dispositivos este ano nunha rede que xa conta con máis de 113.000 usuarios

A incorporación de maiores a Internet aumenta en Galicia máis dun 15%

Un estudo elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información reflicte a redución da fenda dixital