Xoves 28 Marzo 2024

Preto do 40% dos empregos en Galicia, en risco pola automatización

Un informe elaborado polos grupos de investigación de Empresa e Administración e Valoración Financeira Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela aborda un dos importantes desafíos socioeconómicos dos vindeiros anos, a desaparición de postos de traballo substituídos por procesos automáticos. Así, a análise estima que preto do 40% dos empregos en Galicia atópanse nunha zona de risco de automatización entre elevada e moderada.

“Isto non debe ser interpretado como que todos os postos de traballo desaparecerán, pero si que pode cambiar de forma substancial o xeito en que se realizarán”, matizan os autores do informe

“A automatización-dixitalización pode axudar a mellorar a produtividade das empresas e das Administracións, e lograr un mundo máis sustentable, eliminando traballos penosos e perigosos e creando novos traballos máis cualificados. Porén tamén pode eliminar  ocupacións, polarizar o emprego e reducir a participación das rendas do traballo no PIB”, expón o informe, dirixido polos profesores César García Novoa e Luis Otero González.

Publicidade

A aplicación do “enfoque pesimista” ao caso galego amosa que máis do 38% dos empregos atópanse en zona de risco elevado de automatización; mentres que dende o denominado polos autores como “enfoque optimista” o 39% situaríase nunha zona de risco de automatización moderada. “Isto non debe ser interpretado como que  todos os postos de traballo desaparecerán, pero si que pode cambiar de forma substancial o xeito en que se realizarán e teñen unha maior probabilidade de ser substituídos por máquinas ou por persoas con maior nivel de cualificación”, explican os autores do informe. En todo caso, sexa cal sexa o enfoque, o informe evidencia “un alto impacto da automatización” e advirte da necesidade de prepararse para o cambio.

Análise de probabilidade de automatización de diversos sectores nas cinco ocupacións principais de cada un deles, segundo os dous enfoques de substitución de ocupacións e tarefas utilizados para estudo. Frey e Osborne (FO) e o da Oficina Estatística do Reino Unido (UK).
Análise de probabilidade de automatización de diversos sectores nas cinco ocupacións principais de cada un deles, segundo os dous enfoques de substitución de ocupacións e tarefas utilizados para estudo. Frey e Osborne (FO) e o da Oficina Estatística do Reino Unido (UK).

Enquisa a empresas

O documento recolle os resultados dunha enquisa realizada a 217 empresas durante o pasado ano, as cales consideran nun 70% que posúen un nivel medio-alto de dixitalización, mentres que no caso da automatización a devandita porcentaxe redúcese en dez puntos porcentuais.

çExiste tamén unha percepción maioritaria (75,5%)  de  que a pandemia favorecerá o proceso de dixitalización das empresas. “As restricións á mobilidade impulsaron de forma espectacular o comercio electrónico, as reunións en liña e o teletraballo”, apunta o informe. A automatización tamén se verá impulsada segundo a opinión do 58% das persoas enquisadas. Asemade, o estudo deixa patente que as empresas albergan “unha clara conciencia da importancia da dixitalización”, malia que o 25% percibe dificultades elevadas de adaptación.

Os perfís máis demandados serán os especialistas  en comercio electrónico, seguidos  dos  analistas e dos desenvolvedores de software, así como dos especialistas en novas  tecnoloxías. A  automatización de procesos, a transformación dixital e os social media manager tamén se encontran entre os perfís máis demandados.

Neste sentido, só un 34,10% das empresas enquisadas cre que aumentará o número de persoas ocupadas e será posible reciclar o persoal existente cuxo traballo se verá fortemente afectado no relativo ás competencias e da cualificación necesarias para desenvolvelo (66,36%).

Por outra parte, maioritariamente, non cren que o custo laboral sufra demasiado os efectos da automatización. “Iso si, haberá que estar vixiantes a dous riscos que poden xurdir, a polarización do emprego e a concentración da renda, de modo que será preciso deseñar mecanismos que permitan que a automatización beneficie a todos”, subliña o informe.

As  empresas son conscientes da necesidade de formar os seus traballadores, porén, unha porcentaxe considerable (58,53%) afirma que non dispón dun plan de  formación para adaptar o seu persoal  actual ás esixencias das novas  tecnoloxías. Por tanto, o informe recomenda que as empresas se acollan a un plan de formación para capacitar aos seus traballadores ante os novos retos. Considérase moi relevante que tamén haxa un ecosistema que favoreza as competencias e habilidades dixitais para o emprendemento, a innovación, a creación e a xestión das empresas (habilidades e competencias dixitais e tecnolóxicas para os directivos e empresarios).

Finalmente, considerouse que as administracións públicas, en España en xeral e en Galicia en particular, alcanzaron un nivel de dixitalización moi relevante no contexto comparado. Con todo, hai aspectos nos que se debe seguir avanzando, como a xeneralización das aplicacións de xestión a todos os procedementos administrativos e a introdución das novas tecnoloxías disruptivas e, en especial, da intelixencia artificial no funcionamento da administración. A recentemente aprobada Carta de dereitos dixitais, que ten un apartado especificamente dedicado aos dereitos dixitais dos cidadáns na súa relación coas administracións públicas, establece as esixencias mínimas que deben ser respectadas neste proceso de transformación dixital no ámbito administrativo.

Un avance en tres vagas

En suma, o estudo realizado indica que a automatización e a dixitalización estenderanse a través de tres ondas: a algorítmica, que xa está en marcha e afectará sobre todo a sectores que utilizan información, como o financeiro; a de aumento, onde os robots xogarán un papel máis importante; e a da autonomía, con un importante incremento de a automatización do traballo físico e a resolución de problemas.

No horizonte do 2025 as tecnoloxías que máis se adoptarán nas empresas serán o cloud computing, big data, internet das cousas, ciberseguridade e intelixencia artificial. Tamén se espera un importante desenvolvemento do comercio dixital e dos robots. Como consecuencia do despregamento tecnolóxico, unha porcentaxe moi substancial dos traballos actuais ten unha probabilidade elevada de automatización a curto, a medio e a longo prazo.


Descarga: (PDF): Impacto da dixitalización e da automatización nos sectores económicos de Galicia. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

Alberto Gago: “O cambio climático é o principal reto deste século”

O científico social ingresa na Real Academia Galega de Ciencias cun discurso centrado na importancia de aplicar medidas de mitigación

Internacionalización 21-25, a folla de ruta para a saída ao exterior do tecido empresarial

A aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores, principais claves da nova estratexia galega