O nodo de intelixencia artificial crea áreas de traballo para coordinar os recursos de Galicia

Amtega xestionará un grupo sobre ética e normativa que supervisará a elaboración de códigos de conduta, guías e manuais de boas prácticas

A Comisión de Seguimento do nodo de intelixencia artificial de Galicia (nodo galicIA) celebrou recentemente unha reunión en Santiago na que se acordou un modelo operativo baseado en capítulos sectoriais e capítulos transversais. Entre os obxectivos deste modelo atópase o de coordinar esforzos para optimizar os recursos dispoñibles e lograr un maior alcance das accións desenvolvidas sobre intelixencia artificial na nosa comunidade. Ademais, centralizarán o coñecemento, fomentarán a colaboración público–privada e facilitarán a planificación.

Cada un dos capítulos disporá da súa propia comisión de seguimento. En concreto, nesta reunión foi aprobada a creación dos capítulos sectoriais de sanidade e competitividade e innovación. Tamén foi acordada a creación dun capítulo transversal sobre ética e normativa que será coordinado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Os responsables do nodo acordaron tamén a creación dun comité de expertos que asesorará a Xunta para un desenvolvemento ético e fiable desta tecnoloxía.

Publicidade

O nodo galicIA está formado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía Industria e Innovación; a Consellería de Facenda e Administración Pública; a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; a Consellería de Sanidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; así como pola Comunidade de Traballo Galicia Norte de Portugal; a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.

Este órgano, que se encarga de velar polo cumprimento da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA), foi o encargado de preparar a candidatura de Galicia para acoller a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA).

Publicidade

Expertos en IA de prestixio internacional

O Comité de expertos asesores de IA estará formado por profesionais de prestixio internacional recoñecido nos ámbitos da economía, a filosofía e evolución humana, a socioloxía, a tecnoloxía aplicada e o dereito. A súa función será a de asesorar, informar e formular recomendacións á Xunta de Galicia a través da incorporación do coñecemento, as boas prácticas identificadas e unha visión integral cara a deseñar accións en materia de IA.

En concreto, o comité elaborará recomendacións a proporcionará asesoramento sobre a aplicación ética no desenvolvemento e emprego da IA con respaldo da normativa europea e prestará axuda para o impulso de accións formativas e de concienciación. Outras das súas función será asesorar sobre o deseño dunha folla de ruta para a potenciación das competencias STEM vencelladas á IA e tamén en materia de avaliación do impacto da IA nos sectores produtivos, a Administración pública e a sociedade.

Amtega coordina o capítulo de ética e normativa

O Comité de Expertos formará parte, xunto cos integrantes do nodo, do capítulo transversal sobre ética e normativa. Entre os obxectivos deste capítulo atópase o de velar pola preservación da privacidade dos datos, a explicabilidade do funcionamento dos sistemas de IA e a neutralización de prexuízos. Este grupo encargarase da supervisión de guías e manuais de boas prácticas por sectores; o marco ético para o desenvolvemento da IA nas Administracións públicas de Galicia e os códigos de conduta e guías de adopción da IA. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coordinará este grupo transversal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Resucitar moléculas da Prehistoria contra as superbacterias: a nova fronteira dos antibióticos por IA

Os modelos xenerativos xa poden recuperar péptidos do ADN de especies desaparecidas e agora enfrontan o reto de converter os achados computacionais en medicamentos

É a IA unha ameaza? “Os avances van máis rápido do que a sociedade pode asumilos”

Fernando Suárez e Senén Barro aseguran que a intelixencia artificial si presenta riscos, pero a destrución da humanidade non se atopa entre eles

Un grupo de investigación da USC alerta dos perigos da intelixencia artificial en contacto coa infancia

O traballo analiza diferentes experiencias dos Estados Unidos e China e expón a necesidade de valorar a IA dende unha perspectiva tecnolóxica, educativa, lexislativa e ética