Investigadores galegos lanzan unha rede para promover a tecnoloxía SDR

A tecnoloxía da Radio Definida por Software (SDR) naceu, como outras moitas, vencellada ao eido militar e da investigación, pero nos últimos anos ten medrado ata estenderse aos sistemas comerciais e de afeccionados. Trátase dunha radio “na que todas ou parte das funcións da capa física está definidas por software, conferíndolle unha gran flexibilidade” e grazas a isto o seu potencial de expansión segue incrementándose. De feito, varios estudos sinalan que o mercado da SDR crecerá a un ritmo dun 8,63 % anual no período 2017-2022 e xogará un papel importante nas redes 5G, na Internet das Cousas (IoT) e nas redes de sensores.

A SDR xogará un papel importante no desenvolvemento das redes 5G e no Internet das Cousas (IoT)

Por este motivo, enxeñeiros de atlanTTic e Cinae e socios de A Industriosa puxeron un marcha un proxecto, subvencionado polo programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo “dar a coñecer esta tecnoloxía a estudantes de enxeñaría e outros interesados”. A finalidade última é fomentar a “creación dunha comunidade de persoas que se manteña no tempo aprendendo de xeito colaborativo e realizando proxectos en común usando esta tecnoloxía”, explica Anxo Tato, un dos enxeñeiros implicados nesta iniciativa.

Publicidade

A primeira das actividades deste proxecto foi un relatorio que tivo lugar este mércores na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, impartido do enxeñeiro Iago Gómez, responsable da área de UAS de Gradiant, que fixo unha introdución ás plataformas SDR e á súa aplicación na industria. O investigador remarcou a necesidade de implicar neste proxecto tanto o alumnado como o profesorado, xa que a través da SDR “tamén se reforzan os coñecemento adquiridos no grao en eido como o proceso do sinal”.

Anxo Tato e Iago Gómez explicaron aos asistentes as claves da SDR. Foto: Duvi.
Anxo Tato e Iago Gómez explicaron aos asistentes as claves da SDR. Foto: Duvi.

A clave, a flexibilidade

Os investigadores que están impulsado este proxecto explican que SDR é un sistema de telecomunicacións onde gran parte das funcións de procesamento dos sinais transmitidos e recibidos se executan sobre un procesador, de aí o nome de ‘software defined’. A clave deste sistema, explica Iago Gómez, “é a flexibilidade”, xa que a diferencia dos sistemas tradicionais, “onde a configuración da radio dependía puramente en configuracións do hardware”, as SDRs permiten modificar parámetros sobre a marcha, como banda de frecuencia, estándar de comunicación usado, modulacións, ancho de banda…

Publicidade

O notable crecemento e expansión desta tecnoloxía debeuse ao incremento da potencia dos procesadores durante os últimos anos, a redución do seu tamaño, peso e consumo e a aparición de circuítos integrados de radio-frecuencia, así como o abaratamento do hardware. “Hoxe en día non só se utiliza en investigación, senón tamén en sistemas comerciais, xa que permite un desenvolvemento rápido da idea ou produto e a súa actualización e mellora con tan só actualizar o programa que se executa no procesador”.

Obradoiro de introdución á SDR

A segunda das actividades deste proxecto será un obradoiro de iniciación SDR que se impartirá no local que a Asociación Tecnolóxica A Industriosa. Este curso ofrece dúas edicións de seis horas de duración, unha en setembro (venres 28 e sábado 29) e outra en outubro (venres 5 e sábado 6). Os asistentes aprenderán os fundamentos teóricos desta tecnoloxía e poñeranse mans á obra realizando pequenos proxectos prácticos onde crearán diversos sistemas de comunicacións empregando placas SDR comerciais de baixo custo lanzadas recentemente ao mercado, chamadas Lime SDR Mini. Estes obradoiros serán impartidos por enxeñeiros de Telecomunicación que traballan con esta tecnoloxía e serán asistidos polo grupo promotor deste proxecto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha IA galega elimina erros no diagnóstico da depresión e da deterioración cognitiva

Os resultados do proxecto Sapiens, desenvolvido dende atlanTTic, demostran unha boa aceptación das novas tecnoloxías de diagnose

Do 5G ao 6G: desafíos e vantaxes da transición tecnolóxica (dende Galicia)

A menor latencia e a mellor eficiencia son algunhas das oportunidades que ofrece a nova xeración de comunicacións, segundo unha xornada celebrada en atlanTTic

A tecnoloxía e a perda de valores: somos responsables?

A misión da enxeñaría é resolver problemas e, deste xeito, mellorando a...

A comunicación cuántica como chave da ciberseguridade do futuro: o proxecto QURSA de atlanTTic

A iniciativa emprega como tecnoloxías de base a QKD e a criptografía avanzada para definir un caso de uso nun escenario con distintas posibilidades