Sábado 20 Abril 2024

Europa busca en Galicia aplicacións para a súa propia rede de 'GPS'

Nun mundo conectado no que o internet das cousas non é o futuro, senón o presente, a navegación por satélite é un elemento central para obter un posicionamento continuo e fiable dos elementos que permiten a comunicación das cousas. Para fomentar a innovación neste campo, entidades como a Axencia Espacial Europea, a Oficina Europea de Patentes, o Ministerio alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais ou o Ministerio alemán de Economía e Enerxía, entre outras, puxeron en marcha en 2004 o European Satellite Navigation Competition (ESNC), un concurso internacional de innovación que premia as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite e busca os mellores servizos, produtos e innovacións que utilicen a navegación por satélite na vida cotiá. A Axencia Espacial Europea convida a rexións e autonomías a involucrarse nesta iniciativa e, na edición 2015, unha das elixidas foi Galicia. Zona Franca é o socio principal, en colaboración coa Universidade de Vigo, o Igape e Gain e o coordinador rexional é o profesor Francisco Javier Diaz-Otero, do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, que explica que “o concurso está aberto a calquera persoa, sexa ou non da comunidade universitaria, e sexa persoa física ou empresa”.

O premio para o sistema Galileo busca novas aplicacións en eidos divdersos.
O premio para o sistema Galileo busca novas aplicacións en eidos divdersos.

Os gañadores aspiran a premios que teñen un valor conxunto que ascende a 1 millón de euros e ademais pasarán a formar parte da rede de innovación no eido global de sistemas de navegación por satélite (GNSS). Existen un total de 30 categorías, así como premios especiais como o University Challenge, dirixido especificamente a estudantes e investigadores. Entre os vencedores de todas as categorías, un xurado formado por expertos internacionais da industria e a I+D elixirá o vencedor global, que recibirá 20.000 euros adicionais e un programa de incubación de seis meses na rexión que elixa. E é que ademais de premios en metálico, os gañadores nas diferentes modalidades terán apoio técnico, empresarial e legal para impulsar a posta en prácticas dos modelos de negocio premiados. Diaz-Otero explica que non importa o estado de desenvolvemento do proxecto ou idea de negocio, xa que moitos dos premios consisten precisamente en estadías en incubadoras e formación en emprendemento.
En concreto, en Galicia o premio ao gañador rexional é un ano de incubación nun dos parques empresariais do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Pero ademais de Galicia, outros socios rexionais españois son País Vasco, Madrid e Valencia, e é a través das comunidades autónomas como poden participar todos os aspirantes de España. As propostas poderán presentarse ata o 30 de xuño.

Zona Franca acollerá ao gañador galego nas súas incubadoras de empresas

European Satellite Navigation Competition-ESNC arrancou en 2004 con tres rexións asociadas para converterse na actualidade nunha enorme rede mundial de innovación e coñecemento con 25 rexións asociadas e máis de 200 expertos industriais e científicos de todo o mundo. Como destaca o profesor Diaz-Otero , “ao concurso accédese por invitación directa da Axencia Espacial Europea, que non convida a organismos ou empresas, senón a rexións ou autonomías”. En anteriores edicións preséntanse arredor de 400 ideas en cada convocatoria e conta cunhas 250 empresas do sector aeroespacial como socios colaboradores. A organización estima que de todas as ideas presentadas, o 70% incúbase e un 30% acaba xerando unha peme do sector aeroespacial. Tamén destacan a diversidade das propostas que se reciben cada ano, unha mostra da diversidade de oportunidades que ofrece a tecnoloxía de navegación por satélite, que vai dende o eido sanitario e das emerxencia, ao tráfico ou o transporte por mar, aire e terra así como para sustentar o internet das cousas e a comunicación global.

Representantes das institucións participantes no concurso da ESA.
Representantes das institucións participantes no concurso da ESA.

O gañador da pasada edición foi Airbus Defence & Space, unha proposta que adoptaba un enfoque de vangarda para o deseño dun receptor de baixo custe que permitise aos departamentos de policía, bombeiros e servizos médicos de emerxencia facer uso do sistema PRS Galileo, o sistema de navegación por satélite europeo independente. Este é precisamente unha das finalidades do concurso divulgar, ampliar e innovar no funcionamento e aplicación deste sistema desenvolto pola UE para evitar a dependencia dos sistemas GPS e GLONASS. De feito, a edición 2014 estivo marcada pola inminente posta en marcha dos primeiros servizos de Galileo, xa que máis do 40% das 434 propostas recibidas buscaban empregar Galileo/EGNOS nos seus propios produtos e servizos, algo que recoñeceu Matthias Petschke, director de Programas de Navegación por Satélite da Comisión Europea na presentación da edición 2015.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como medir as estrelas para revelar os misterios da Vía Láctea

Os investigadores do CITIC Xabier Pérez e Lara Pallas participan na misión Gaia, que pretende crear o maior mapa 3D da nosa galaxia

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Unha paisaxe invernal en Marte? Esta imaxe demostra que non todo é o que parece

A misión espacial Mars Express ofrece unha espectacular fotografía do cráter Korolev para conmemorar os quince anos en órbita no planeta vermello

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito