As universidades de Vigo e A Coruña impulsan a Cátedra R de ciberseguridade

Promover o desenvolvemento cultural, científico e tecnolóxico sobre a seguridade informática e procurarlle unha aplicación práctica na sociedade galega. Este é o grande obxectivo co que as universidades de Vigo e A Coruña e a operadora galega R lanzan a Cátedra R en Ciberseguridade, a primeira interuniversitaria existente en Galicia. Os reitores das universidades de Vigo e A Coruña, Manuel Reigosa e Julio Abalde, e o director xeral de R, Alfredo Ramos, asinaron esta mañá o convenio de colaboración na cidade herculina, un acordo que permitirá a posta en marcha de diferentes actividades que abranguerán os eidos da formación, a divulgación e a investigación en torno á ciberseguridade.

“Para a nosa institución, que leva anos traballando no ámbito da ciberseguridade, é moi importante participar nesta cátedra, que ademais reforza a nosa colaboración coa Universidade da Coruña, coa que compartimos docencia e investigación no Máster en Ciberseguridade”, explicou Manuel Reigosa tras a sinatura do acordo, ao tempo que agradeceu a iniciativa da empresa R, sobre todo nun intre no que “o aumento dos ciberataques precisa da incorporación de profesionais expertos nun campo de coñecemento aínda en construción, no que existen moitas posibilidades de desenvolver proxectos e retos profesionais”.

Publicidade

Na mesma liña que Reigosa, o reitor da UDC resaltou a importancia da ciberseguridade na sociedade actual e futura. “A conectividade a través de Internet e a utilización das redes sociais fai que sexa máis necesario que nunca dispoñer de coñecemento e recursos humanos que permitan facer fronte aos problemas que a nova situación provoca”, salientou Abalde, ao que o presidente de R engadiu que “a importancia deste acordo marca un antes e un despois na relación entre os centros universitarios e o sector das telecomunicacións galegas, e abre un vieiro que propiciará a aplicación práctica na sociedade de todo o coñecemento sobre seguridade informática”.

Liñas da Cátedra R

Trátase da primeira cátedra na que colaboran á vez dúas universidades galegas, dispostas desta volta a traballar man a man co operador galego R neste eido. A intención e promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos, técnicos e habilidades dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais. A meta última é adaptar ese coñecemento ás necesidades da empresa, fomentando a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade.

Publicidade

Tal e como explicaron os seus promotores, a ciberseguridade aféctalle ao software (bases de datos, metadatos, arquivos…), ao hardware (equipamentos) e a todo o que, relacionado coa información contida nos sistemas dunha organización supoña para ela un risco no caso de chegar a mans de terceiros, converténdose, desta maneira, en información privilexiada.

Conscientes de todo isto, deseñáronse xa varias liñas de actuación que serán prioritarias e que inclúen a colaboración en docencia e investigación (Mestrado Interuniversitario en Ciberseguridade); a creación dun programa de captación de talento, dirixido ao alumnado de ambas as dúas universidades; a creación dun espazo para a difusión e o debate sobre ciberseguridade e a capacitación en competencias relacionadas relacionadas coa ciberseguridade tanto dentro da comunidade universitaria coma fóra dela, tendo en conta as necesidades competitivas das empresas.

Bolsas, premios, prácticas profesionais…

No eido da formación e da divulgación está previsto colaborar en mestrados e outros estudos de posgrao, programas de formación permanente, patrocinio de bolsas predoutorais e posdoutorais, premios a proxectos de fin de grao ou mestrado, traballos e concursos de ideas, conferencias, seminarios, obradoiros, promoción de prácticas curriculares e extracurriculares, visitas a empresas, plans de formación de empresas e institucións, formación para a creación de empresas de base tecnolóxica…etc.

E no terreo da investigación potenciaranse liñas conxuntas de traballo para desenvolver proxectos a nivel galego, español e europeo, apoiaranse teses de doutoramento e outras de fin de grao, promoveranse encontros nacionais e internacionais de expertos nas áreas de interese da Ciberseguridade, ademais de empurrar a contratación de grupos das universidades da Coruña e de Vigo para accións de innovación ou consultoría especializada na empresa.

Tres anos prorrogables

Segundo o acordo asinado este martes, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e máis a Facultade de Informática da Universidade da Coruña poñerán a disposición da Cátedra R as súas instalacións para desenvolver todas estas actividades e a empresa, pola súa banda, comprométese a achegar 20.000 euros anuais durante tres anos (renovables) para cumprir os obxectivos da cátedra.

Unha comisión de seguimento encargarase de supervisar as accións derivadas do convenio asinado polas universidades e máis R para aprobar as accións que se vaian desenvolver, aprobar os orzamentos anuais en virtude da achega económica anual de R e elaborar unha Memoria anual da Cátedra R en Ciberseguridade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A comunicación cuántica como chave da ciberseguridade do futuro: o proxecto QURSA de atlanTTic

A iniciativa emprega como tecnoloxías de base a QKD e a criptografía avanzada para definir un caso de uso nun escenario con distintas posibilidades

Cando a música e a informática se alían: “Un músico poderá atopar partituras cantaruxando”

A investigadora da UDC Hilda Romero Velo crea unha aplicación web e móbil para solucionar algúns dos problemas aos que se enfrontan os músicos no día a día

Pódcast | A era dos ‘deepfakes’: é fácil que nos rouben a identidade?

Neste episodio os investigadores Elena Rodríguez Lois e David Vázquez Padín responden as nosas preguntas sobre ciberseguridade

As pemes e grandes empresas galegas superan a media estatal no uso da intelixencia artificial

Un 14,8% das compañías dese segmento emprega algún tipo de solución baseada nas tecnoloxías intelixentes