Así soa Carmela, a nova Siri galega

A última actualización do sistema operativo móbil de Apple, o iOS 16, xa permite que os seus dispositivos poidan ler textos no noso idioma

Moiraima intentouno, pero non foi capaz. Tratou de comunicarse insistentemente con Siri, pero a asistenta de Apple pedía perdón e repetía unha e outra vez que non entendía a súas preguntas. Ante a imposibilidade de comunicación directa entre a nena e a máquina, Moraima foi contundente: “Eu falo en galego. Sabes, Siri?”. E aí radicaba o problema: o idioma non formaba parte da oferta lingüística da empresa estadounidense. O vídeo de Moraima tratando de falar con Siri fíxose viral o ano pasado e abriu un debate público sobre a exclusión do galego no eido das novas tecnoloxías.

A parte positiva é que cada vez estamos máis preto de que unha situación como a de Moraima non se volva repetir. Apple acaba de avanzar na integración do galego nos seus dispositivos. Dende esta semana, os iphones e o resto de aparellos electrónicos da compañía xa son capaces de ler en galego. Así o permite a última actualización do sistema operativo móbil de Apple, o iOS 16, que, ademais do galego, tamén integra o euskera e o catalán. Ademais, a voz que le os textos tamén ten nome: Carmela. E podes escoitala aquí:

Publicidade

Segundo valoraba onte a Mesa pola Normalización Lingüística, a novidade de Apple é “un logro”. Malia que quedan aínda pasos por dar para que os usuarios poidan comunicarse coa asistenta de voz, tal e como pretendía facer Moiraima, que a tecnoloxía estadounidense permita ler textos en galego xa é un avance. De feito, dende o colectivo indican que esta boa nova se produciu despois das “ducias de denuncias” que tramitou a Liña do Galego —o servizo que presta A Mesa para recoller queixas— contra Apple.

O proxecto Nós

Estas non son as únicas iniciativas que pretenden darlle un papel protagonista ao galego no ámbito das novas tecnoloxías. O Proxecto Nós, impulsado pola Xunta en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), arrancou hai uns meses para situar o galego á vangarda da intelixencia artificial e das novas tecnoloxías. “Queremos que Siri e Alexa falen galego, pero iso só será unha pequena parte do que estamos preparando. Teremos liñas de traballo tan ou máis importantes ca esa”, puntualizaba para GCiencia o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, Senén Barro. Ademais desas funcionalidades, espérase conseguir a subtitulación automática de películas e vídeos, facer compras electrónicas, interacionar cos portais da administración autonómica, recibir asistencia na navegación, tramitar papeis… E todo en galego.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto EDIH DATAlife forma a máis de 600 profesionais en novas tecnoloxías en Galicia

A iniciativa de Feuga promove a transformación dixital das pequenas e medianas empresas con 21 cursos impartidos

Investigadoras da UDC exploran o potencial da tecnoloxía en nenos con parálise cerebral unilateral

Os resultados en menores de entre 3 e 7 anos amosan unha maior implicación da extremidade afectada durante tarefas motivadoras

Pódcast | Da tecnoloxía ao compromiso social

O novo episodio de O Descodificador analiza a sexta edición do proxecto Talentos Inclusivos da man do CITIC, Aspace Coruña e o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz

Leo, o neno que non pode falar nin moverse pero saca sobresaíntes grazas á tecnoloxía

O rapaz de 11 anos ten unha atrofia muscular espiñal e, ademais de non expresarse verbalmente, tan só ten mobilidade completa nas pupilas