Xoves 5 Decembro 2024

Ana Freire, Premio Ada Byron do Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia

A enxeñeira, directora da área de Tecnoloxía da Barcelona School of Management da Pompeu Fabra, lidera un proxecto que estuda a saúde mental na rede

A enxeñeira en informática Ana Freire Veiga (Rábade, 1983), que actualmente dirixe a área de Tecnoloxía da ‘UPF Barcelona School of Management’ da Universitat Pompeu Fabra, é a galardoada nesta edición do Premio Ada Byron, que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). O galardón será entregado na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o vindeiro 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia.

O CPEIG destaca a Freire, experta en intelixencia artificial e recuperación de información, como “firme impulsora do uso da tecnoloxía para o ben social, así como da achega das mulleres neste ámbito para lograr unha tecnoloxía plenamente útil e ao servizo das persoas”.

Publicidade

https://twitter.com/ana__freire/status/1443203202640396290

Ana Freire estudou enxeñaría informática na Universidade da Coruña, onde obtivo o doutoramento cum laude. Realizou estancias de investigación en centros de prestixio internacional como Yahoo Labs, a Universidade de Glasgow ou o Centro Nacional de Investigación de Italia.

Publicidade

É autora de máis de 40 publicacións científicas e varias patentes e acumula numerosos recoñecementos nacionais e internacionais. Foi incluída por Business Insider na lista dos 23 mozos españois chamados a liderar a revolución tecnolóxica. Recibiu, entre outros, o premio ao Novo Talento Científico Feminino da Fundación Real Academia das Ciencias e Mastercard, e o premio Ada Byron Novo outorgado pola Universidade de Deusto.

“Necesítase moita divulgación científica sobre a tecnoloxía deseñada para o ben social”, di Ana Freire

As súas investigacións incidiron en campos como a sustentabilidade e a saúde. “É apaixonante ver como a tecnoloxía, ben aplicada, pode axudar ao benestar das persoas. Necesítase moita divulgación científica sobre a tecnoloxía deseñada para o ben social, pois xeralmente móstrase a súa cara menos amigable, cando con todo, ben utilizada, pode achegar grandes beneficios ao ser humano”, asegura.

Dende 2017 lidera o proxecto STOP (Suicide prevenTion in social Platforms), que utiliza a intelixencia artificial para estudar nas redes sociais problemas mentais como as tendencias suicidas ou os trastornos da conduta alimentaria. Analízase o texto das publicacións, as imaxes, as conexións sociais e a actividade nas redes, para detectar os mesmos sinais que se buscan nas consultas presenciais de psicoloxía, como a procura de apoio social, o insomnio ou o acoso escolar. Realízase anonimamente, extraendo patróns de comportamento comúns a alteracións como as tendencias suicidas, a depresión ou os trastornos da conduta alimentaria. Con esta información se lanzan campañas dirixidas a usuarios anónimos destes perfís, enviando teléfonos de axuda, como é o caso do servizo que ofrece o Teléfono da Esperanza, xestionado pola asociación do mesmo nome.

A doutora Freire creou o proxecto STOP no ano 2017, “sen apenas financiamento nin persoal investigador. Impulsar un proxecto así non foi fácil, en parte polas implicacións éticas que supón, e tamén porque ao ser muller e moza, resultaba complicado atopar institucións colaboradoras. Pero con moita motivación e moito esforzo, STOP intégrano xa sete institucións a nivel internacional, que cumpriron un gran obxectivo: incrementar nun 60 por cento as chamadas procedentes de redes sociais ao Teléfono da Esperanza”.

A muller nas disciplinas STEM

Ademais, é unha gran divulgadora e impulsora da ciencia e a tecnoloxía entre as mulleres máis novas, liderando varias iniciativas para romper a fenda de xénero en carreiras técnicas, entre elas, o concurso internacional Wisibilízalas, onde nas súas cinco  edicións participaron máis de 3.000 mozos de España e Latinoamérica, que crearon máis de 1200 páxinas web de mulleres profesionais en ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas. Wisibilízalas rompe estereotipos e promove o uso da tecnoloxía e as competencias dixitais, fomenta o traballo en equipo, mellora a capacidade de investigación e a creatividade.

Na súa opinión, “a muller continúa infrarrepresentada no ámbito tecnolóxico, e isto é un problema grave porque a tecnoloxía necesita deseñarse en ámbitos diversos e corre o risco de ser desenvolta con enfoques parciais que a fagan inutilizable. Por outra banda, o tecido empresarial tecnolóxico está a xerar moito emprego, e a muller non pode quedar fóra desta gran oportunidade, se non o problema do enfoque de xénero agravarase cada vez máis”.

Entre as claves para unha maior presenza da muller no ámbito científico-técnico, destaca que “cómpre mellorar a forma coa que informamos ás mozas sobre estas carreiras, mostrarlles o amplo abano de novas aplicacións que a ciencia e a tecnoloxía teñen na nosa sociedade, en campos tan diversos como a medicina, a economía, a sustentabilidade… Cando a Universitat Pompeu Fabra lanzou o Grao en Enxeñería Matemática en Ciencia de Datos, fixemos unha gran campaña liderada por docentes e investigadoras, na que visitamos centros de secundaria mostrando as múltiples aplicacións prácticas da ciencia de datos. Conseguiuse un balance de xénero nesta carreira que aínda se mantén”.

O Premio Ada Byron, unha das dez categorías onde os colexiados e colexiadas do CPEIG recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática, homenaxea ás mulleres enxeñeiras e ás súas aportacións, e rende memoria á que da nome ao premio, a escritora e matemática Ada Byron, autora do primeiro algoritmo e considerada a primeira programadora informática da historia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC participa no deseño dun sistema de alerta temperá de toxinas na auga

O obxectivo é predicir a aparición e a propagación dos tóxicos usando intelixencia artificial, modelización matemática, nanosensores e teledetección

Cal é o mellor fármaco para o TOC? O algoritmo galego que personaliza o tratamento

Un equipo da USC proba un sistema de recomendación de medicamentos segundo as características de cada paciente

A falsa empatía de Chat GPT

Os 'chatbots' usan palabras e frases comprensibles e familiares e tamén adoptan patróns de comunicación propios das persoas

atlanTTic desenvolve un proxecto para afrontar os riscos dos sistemas de aprendizaxe federada

Os equipos liderados por Rebeca Díaz e Fernando Pérez combinan diferentes tecnoloxías para dar resposta a un dos maiores problemas da era dixital: a privacidade