Alumnos da Uvigo poñen a punto o monoplaza UM16

Un grupo de estudantes de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo ultima os detalles do monoplaza UM16, un vehículo que competirá este verán na Fórmula Student, a competición universitaria de motor máis prestixiosa do mundo. Este traballo forma parte do proxecto UVigo Motorsport, creado hai un par de anos por este grupo de alumnos. Xa saben o que é correr, e con solvencia, en escenarios míticos como Silverstone, Hockenheim ou Montmeló.

“O coche para este ano está ao 60%”. Rematado o proceso de deseño, o director técnico do equipo, Marcos Fernández, resume o estado da fabricación do novo bólido e marca os pasos a seguir ata lograr a peza definitiva, “dese 40% que nos falta, debemos repartilo a partes iguais entre a fabricación e a montaxe”. Sen embargo, tanto Fernández coma o responsable de Carrocería e Aerodinámica do equipo, Adrián Balado, adiantan que a espera para ter o modelo definitivo pagará a pena, xa que “será un coche moito máis competitivo que o do ano pasado”, como subliñan. Para amosar estes avances na pista, o verán ten dúas citas marcadas no calendario do equipo, desas que non se esquecen, entre o 2 e o 6 de agosto no circuíto checo de Hradec Králové, e do 24 ao 28 do mesmo mes, cando volverán a Montmeló.

Dispoñen de 85.000 euros, fronte ao máis dun millón de universidades alemanas e austríacas

O UM16 será mellor coche que o seu antecesor porque os medios para crealo tamén son superiores. O crecemento de UVigo Motorsport vese reflectido nas arcas, con 20.000 euros máis no seu orzamento respecto ao ano pasado. Uns 85.000 euros que, pese a todo, non impiden seguir pasando apuros cando se trata de competir. “Son carreiras que requiren moitos cartos”, recalca Fernández mentres debulla os diferentes gastos aos que debe facer fronte o equipo, “algúns son fixos como a inscrición nas competicións, o traslado do coche e o do propio equipo, pero tamén necesitamos pagar consumibles como poden ser a gasolina ou as rodas”. Para facer aínda máis pequena esta cantidade, Balado compáraa coas que dispoñen outros equipos de Fórmula Student nos seus orzamentos, “algunhas das escudarías alemanas e austríacas teñen máis dun millón de euros para competir”, sinala.

A escaseza de recursos para acudir ás carreiras é parte do prezo que paga o equipo como consecuencia da súa maior ambición para esta temporada, pois como di Balado “todo o que aumentamos de orzamento destinado ao coche é o que restamos para gastar en todo o demais”. Con este investimento, o equipo segue sen ter os cartos suficientes para acudir á carreira da República Checa, da que xa estiman un valor aproximado de 15.000 euros, “o que pode custar unha proba destas características con todos os gastos cubertos”. Para que o equipo chegue a competir nas mellores condicións, acadar patrocinadores é tan necesario coma duro, e “ata o de agora co que máis nos poden axudar é con materiais e man de obra, facernos as pezas e o mecanizado, e preferímolo a que nos dean o diñeiro e ter que gastalo nese compoñente”, apuntan.

A presentación oficial será a comezos do mes de xullo e competirán en Chequia e Montmeló

O bólido que representará á Universidade este verán “é un 90% novo”, como resalta Fernández, quen explica que o UM16 conservará “pezas moi importantes como a amortiguación e o diferencial” do anterior modelo. Polo demais, compoñentes novos e redeseñados para obter a mellor creación posible, entre os que destaca un, o que proporcionará ao novo modelo o seu gran salto cualitativo, “cambiamos o chasis tubular de aceiro por un monocasco de fibra de carbono”, explica o director técnico do equipo. Unha modificación que diminúe de xeito considerable o peso do vehículo, e será esa lixeireza a gran baza de cara á competición, sen esquecer outros factores como a aerodinámica, “da que realizamos unha análise exhaustiva”, e o motor, “con melloras que o fan moito máis potente”. Para facer posible esta evolución, a escudaría contou coa colaboración de entidades como Resinas Castro e Skillful, encargadas de fabricar o novo chasis; GKN, creadora da transmisión; ou Precisgal e Europrecis, que realizaron algunhas das pezas do mecanizado.

Aínda que a ilusión do equipo polas expectativas creadas co novo vehículo é notoria, aínda será necesario esperar para coñecer o que están a preparar no seu taller. Fernández e Balado xa adiantan que a presentación será a comezos do mes de xullo, “en canto desmontemos o coche actual, fabriquemos e montemos o novo”. Os membros do equipo consideran que esta é unha data clave, pois “necesitamos contar con suficiente tempo de rodaxe antes de levalo cara a República Checa, xa que a nosa intención é reparar todos os erros que teña aquí para non atoparnos cunha sorpresa alá”, sinala Balado. O UM16 fará o seu particular adestramento no aparcamento da Escola de Enxeñería Industrial e pola noite, o único período do día no que é posible practicar, “esa é a opción que temos porque non dispoñemos nin dos medios nin dos cartos necesarios para levar o coche a un circuíto”, conclúen. Probas, soños e un gran reto, deixar á Universidade e a Galicia ben alto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.