Martes 16 Abril 2024

A UVigo crea unha ferramenta web para seguir a evolución da pandemia

Foi desenvolta no seo do Grupo de Servizos para a Sociedade da Información, GSSI e recompila datos diariamente e permite visualizar nun panel as estatísticas

Desde o inicio da pandemia da Covid-19 en España son moitas as plataformas que veñen recollendo as cifras sobre a súa incidencia, non obstante case todas elas se quedan nunha análise superficial. Co obxectivo de poñer remedio a isto, a plataforma que propoñen desde o centro de investigación atlanTTic vai un paso máis aló. Panel Covid recompila todos os datos e informes publicados por fontes oficiais como son o Ministerio de Sanidade, a Renave (Red Nacional de Vigilancia Epidemiológica) e o INE (Instituto Nacional de Estadística) sobre a evolución da pandemia desde o seu inicio, co obxectivo de poder analizalos polo miúdo e amosalos de maneira sinxela e clara a calquera usuario.

Guillermo Barreiro, investigador do Grupo de Servizos para a Sociedade da Información (GSSI) pertencente a atlanTTic, comezou a traballar neste proxecto no mes de novembro de 2020, baixo a supervisión de Martín López Nores. “Creamos unha aplicación que descarga, extrae, procesa e almacena diariamente nunha base de datos en liña toda a información oficial dispoñible sobre a covid-19, e esta preséntase en forma de gráficas nunha páxina web”, explica Barreiro.

Publicidade

Radiografía da pandemia

Panel Covid conta cun cadro de mando no que se visualizan de forma conxunta datos referentes á evolución da covid-19 organizados segundo diversos indicadores como casos, hospitalizacións, falecementos, probas diagnósticas, gromos por ámbito, transmisión e vacinación. Caracterízase por contar cunha interface sinxela, clara e de fácil consulta, pero á súa vez diferénciase doutras páxinas similares porque permite coñecer información máis detallada e máis exhaustiva ao incluír parámetros específicos para filtrar as cifras por comunidade autónoma, por franxa de idade ou por sexo.

Martín López Nores, investigador que se encargou da supervisión de Panel Covid.

Un dos puntos fundamentais do proxecto é que “calquera persoa, con coñecementos técnicos previos ou sen eles, pode acceder a esta aplicación desde o seu navegador web, sen necesidade de ter que instalar nada, e grazas a ela pode analizar e estudar os datos sobre a pandemia”, sinala Barreiro, facendo fincapé en que é unha ferramenta pensada para todos os públicos.

Código aberto para facilitar a análise de datos

Unha das bazas máis importantes desta ferramenta é a súa versatilidade, pola ampla capacidade analítica e o abano de opcións de experimentación que ofrece para continuar avanzando nesta liña de traballo. “Estámola actualizando constantemente e vamos incluíndo novas categorías de datos a medida que o fan as fontes oficiais, como poden ser as porcentaxes de persoas vacinadas por grupos de idade”, resaltan desde o GSSI.

Os investigadores empregan ferramentas de software libre en todas as fases do proxecto, tanto á hora de extraer información de fontes heteroxéneas, integrar os datos procedentes das mesmas e articulalos en formato gráfico e visual. Ademais, trátase dunha solución de código aberto e no caso de que accedan a ela persoas cun perfil máis técnico non só poden executala e despregala no seu equipo para traballar coas cifras existentes, senón que poden integrar novas fontes de datos e mesmo facer as súas propias gráficas tomando como base o panel.

A finalidade de publicar o código fonte en aberto é servir como punto de partida a outras persoas interesadas en analizar os datos da covid-19, posibilitar que poidan manipular os datos que xa teñen extraídos e a partir de aquí adaptar a ferramenta ás súas necesidades. Destaca López Nores que parte do valor do proxecto é mellorar a práctica diaria de calquera que estea facendo un labor de análise de datos ou tendencias sobre a covid, facilitándolle gráficas e parámetros actualizados en lugar de ter que buscar eses datos en multitude de fontes e portais diferentes.

Panel Covid preséntase agora, máis dun ano despois do inicio da pandemia, cun alto grao de madurez precisamente para contribuír a entender e aprender de todos os datos acumulados ata o de agora. Isto permitirá afrontar o desenvolvemento de novas plataformas, partindo de patróns estruturais e de deseño xa creados, para a análise e estudo da Covid-19 ou doutras situacións epidemiolóxicas futuras de características similares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias