Unha aplicación para móbiles que permite enviar aos servizos de emerxencia unha foto coa localización exacta dun accidente ou calquera outro desastre remoto coma un fogo. Esta foi a idea coa que un equipo de dez enxeñeiros da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade de Vigo, capitaneados por Alberto González Muíño, gañou o primeiro premio rexional do concurso europeo de navegación por satélite (ESNC 2015), un galardón, convocado pola Axencia Espacial Europea coa Zona Franca de Vigo como principal socio rexional e a colaboración da propia Universidade, o Igape e a Axencia Galega de Innovación. Este martes recolleron o premio en Berlín nunha cerimonia celebrada na sede do Ministerio de Transportes e Tecnoloxías Dixitais do goberno federal.

Acompañado polo profesor do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da EE de Telecomunicación, Francisco J. Díaz-Otero, punto de contacto en Galicia da organización do concurso e por Rosa Eguizábal, directora de Promoción Económica do Consorcio Zona Franca, o investigador vigués foi o encargado de recoller o premio a unha idea que bautizaron como Point and Pin e que asinan, xunto a el, os investigadores Antón Vázquez, Bibiano Fernández-Arruti, Aaron Nercellas, Diego Hurtado, Franco Pérez, Diego Nodar e o profesor Fernando Aguado, director da Agrupación Estratéxica Aeroespacial.
“Para nós é unha inmensa alegría ter acadado este premio”, subliñou Fernández-Arruti, quen recoñeceu que para o equipo “foi xa todo un orgullo ter participado nunha iniciativa que desde o primeiro intre nos pareceu moi interesante”.
A idea do negocio consiste nunha aplicación para teléfonos intelixentes que, mediante o receptor GPS e sistemas de aumentación coma EGNOS, emprega a cámara de fotos e os sensores do móbil para obter unha localización exacta dun punto remoto, o que resultará de gran utilidade, entre outras cuestións, para informar aos servizos de emerxencia da posición exacta dun suceso.
“Dende o primeiro momento quixemos presentar algo que tivese unha aplicación moi directa en Galicia, fixemos unha especie de brainstorming entre todos e esta idea foi a que nos pareceu máis interesante”, recalcou o investigador vigués, que fixo fincapé na “utilidade” dunha app que, a diferenza doutras existentes na actualidade, “emprega os modelos dixitais do terreo para precisar mellor a posición remota”.
Tras recoller o premio o equipo gañador ten agora á súa disposición un programa de incubación de doce meses nun dos centros de iniciativas empresariais da Zona Franca de Vigo, onde recibirá a asistencia necesaria para pór en marcha a súa propia idea de negocio e onde poderán desenvolver a súa empresa co acceso a capital semente, capacitación a través dunha rede de mentores, apoio de infraestrutura e consultaría intensiva.
Os investigadores recibirán agora asesoramento para poñer en marcha a súa idea de negocio
“Para nós vai ser unha axuda moi importante, xa que un dos grandes problemas de montar unha startup aquí en España é o feito de poder contar cun local propio no que poder reunirse”, explica Fernandez-Arruti, que dá tamén especial importancia ao tema do asesoramento, “pois nós dominamos a parte técnica, pero non todo o que se refire á administración dunha empresa, polo que ter axuda neste sentido é un incentivo para seguir adiante”.
Esta foi a primeira vez que se convocou en Galicia o ESNC Galician Community Challengue, un concurso internacional de innovación que premia as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicación de navegación por satélite e que se dirixe a empresas, emprendedores, investigadores, estudantes ou inventores para apoiar as oportunidades de negocio que se abren coa navegación por satélite e o sistema Galileo.
“A Universidade involucrouse dende o primeiro momento na difusión e soporte a este concurso, apoiando ao socio principal, o Consorcio da Zona Franca, e aos socios secundarios, o Igape e Gain; e directamente tamén a través do Campus do Mar e AtlantTIC, que deron soporte e nos axudaron na difusión”, explicou o profesor Francisco J. Díaz-Otero, que subliñou que, finalmente, nesta convocatoria se presentaron 17 ideas asociadas a sectores TIC, polo que xa se conseguiu un bo reto, “que Galicia se situase no undécimo posto das rexións europeas concursantes”. Nesta liña, desde a organización rexional, informouse tamén que os segundos e terceiros premios galegos se outorgaron a unha aplicación para o navegador do coche que avisa do estado da estrada a un quilómetro vista e a outra app que posiciona ao bombeiro en canto activa o seu equipo de comunicacións.













