Sábado 20 Abril 2024

Unha spin-off de Oxford adquire un sistema de corrección lingüística deseñado na USC

A empresa británica ProWritingAid, spin-off da universidade británica de Oxford, acaba de adquirir os dereitos de explotación para o español de Avalingua, un sistema de corrección e avaliación automática da calidade lingüística dos textos, segundo informa a USC. Este sistema emprega técnicas de procesamento da linguaxe natural baseadas en Intelixencia Artificial para detectar e clasificar erros e desviacións a diferentes niveis lingüísticos (ortográfico, léxico, morfolóxico, sintáctico e de estilo). Avalingua foi desenvolvida no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) por un equipo de expertos no deseño e implementación de tecnoloxías lingüísticas, formado polos investigadores Isaac González, Paulo Gamallo, Marcos García e Daniel Bardanca.

O proxecto naceu hai case unha década, co desenvolvemento dun prototipo para o galego creado no seo da antiga spin-off Cilenis, recoñecida en 2014 coa ‘Honorable Mention’ na final do Building Global Innovators, unha iniciativa do centro de investigación estadounidense Massachusetts Institute of Technology (MIT) destinada a promocionar proxectos innovadores.

Publicidade

“É un sistema de avaliación automática de textos escritos en galego e castelán, e a súa principal vantaxe é que non só identifica problemas tipográficos e léxicos, senón que grazas a un analizador sintáctico, permite tamén identificar problemas gramaticais máis complexos entre palabras distantes entre si”, explica o investigador Paulo Gamallo. O experto do CiTIUS engade que a súa “principal aplicación é no ámbito da educación, no que se distinguen dous problemas a resolver: “a autoaprendizaxe de estudantes estranxeiros dunha lingua segunda; e por outro lado, a monitorización e avaliación de grandes grupos de estudantes tanto de secundaria como de primaria”.

Despois dun importante número de recoñecementos e das posibilidades que ofrece a plataforma, o ano pasado a empresa ProWritingAid comezou a amosar o seu interese na ferramenta, particularmente na súa potencial aplicación á lingua española. A compañía, unha spinoff da Universidade de Oxford que na actualidade comercializa un potente corrector gramatical e editor de estilo para inglés, viu en Avalingua unha oportunidade para abrirse paso no mercado hispano falante. Tras unha serie de conversas e sucesivos acordos, os investigadores da USC comezaron a traballar na adaptación ao español de Avalingua, contando para iso co financiamento do Acelerador de Transferencia de Emprendia (USC), que tamén tramitou a licenza de transferencia tecnolóxica coa compañía.

O licenciamento definitivo á empresa británica do Reino Unido aprobouse finalmente en Consello de Goberno da USC o 25 de febreiro de 2021, establecendo regalías do 7% para a universidade sobre os produtos que se deriven do software e negando a posibilidade do uso exclusivo de Avalingua por parte de ProWritingAid.

Alén das novidades sobre Avalingua, dous investigadores do equipo que desenvolveu esta ferramenta recibiron recentemente outra relevante noticia. Paulo Gamallo e Marcos García veñen de ser nomeados copresidente e responsable de workshops e titoriais, respectivamente, na XV edición da International Conference on Computational Processing of Portuguese (PROPOR), un congreso científico de máxima relevancia no eido do procesamento computacional do portugués, que terá lugar o vindeiro ano na Universidade da Fortaleza (Brasil), e que por primeira vez inclúe o galego como unha das linguas oficiais de traballo.

“É unha oportunidade magnífica para promover a publicación de novos traballos científicos relacionados coa lingua galega”, asegura Gamallo, que ata o de agora viña desempregando distintas funcións na organización deste encontro bienal, co que colabora dende o ano 2016. Gamallo e García promoverán así, desde as súas responsabilidades no encontro, o envío de traballos relacionados co galego entre os equipos científicos deste eido de coñecemento, que dende o pasado día 17 de maio están chamados a compartir as súas achegas a ámbalas dúas beiras do Atlántico.

O congreso PROPOR, que mantén a tradición dunha dobre presidencia américo-europea, celebrarase en 2022 na cidade brasileira de Fortaleza, centrando a súa actividade en cuestións teóricas e tecnolóxicas do portugués e, nesta ocasión, tamén do galego. “É un desafío para motivar á xente que traballa coa nosa lingua, a ocasión perfecta para que se dinamice máis a colaboración galego-portuguesa”, afirma Paulo Gamallo, quen aspira a que esta nova vía de intercambio científico anime cada vez a máis xente a colaborar nesta área. “Que xa somos bastantes”, lembra, “pero a idea é que neste ámbito do procesamento da linguaxe sexamos cada vez máis”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:35

É a intelixencia artificial unha ameaza para a humanidade?

O frenesí dos últimos anos leva a moitos a preguntarse polo verdadeiro alcance dunha revolución con riscos, pero con moitos beneficios se se seguen as normas

Unha campaña de doazón de voz recollerá as variedades fonéticas e dialectais de Galicia

O obxectivo é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas

Ana Kiro ‘revive’ para representar a Galicia na Eurovisión da intelixencia artificial

Un grupo multidisciplinar presenta a delegación galega do festival, que terá lugar o 4 de novembro na Coruña

A galega Andrea Cascallar recibe o premio á mellor tese de Europa

A experta en intelixencia artificial realizou o seu doutoramento na USC e é a primeira muller nada en España en recibir o galardón