Sabela Ramos Garea traballa en Google Research.
Sabela Ramos Garea traballa en Google Research.

A enxeñeira de Google Sabela Ramos recibirá o Premio Ada Byron

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia entregaralle o premio o 30 de outubro, na súa gala anual en Santiago de Compostela

A enxeñeira Sabela Ramos Garea (Padrón, 1986), que actualmente traballa en Google Research no desenvolvemento de ferramentas para aprendizaxe por reforzo, unha rama do coñecido como machine learning, recibirá o vindeiro 30 de outubro o Premio Ada Byron, que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). O galardón, que recoñece os logros das mulleres en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM) e ten por obxectivo alentar ás novas xeracións de rapazas a realizar estas carreiras profesionais, será entregado na XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que celebra o CPEIG. O galardón deuse a coñecer este 13 de outubro Día Internacional de Ada Byron (1815-1852),tamén coñecida como Ada Lovelace, escritora e matemática británica considerada a primeira programadora informática da historia ao describir a máquina analítica de Charles Babbage. Esta matemática foi autora do que se considera o primeiro algoritmo da historia, e deduciu e predixo a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.

Segundo expón o CPEIG, Sabela Ramos obtivo o seu doutoramento en Computación de Altas Prestacións na Universidade da Coruña (UDC) e realizou un posdoutoramento na Escola Politécnica Federal de Zürich (ETH Zürich) onde investigou para crear modelos matemáticos do rendemento de microprocesadores. É natural de Padrón aínda que residiu gran parte da súa vida en Cee, e confesa que desde sempre lle gustou a informática, “un campo moi amplo no que sempre atopas problemas novos que aínda non teñen solución e no que tes que estar continuamente aprendendo”.

Cando comezou o seu doutoramento na UDC, Sabela Ramos tiña pensado dedicarse á investigación para seguir buscando problemas sen resolver. Pero mentres cursaba unha bolsa posdoutoral en Zürich deuse conta de que a súa investigación estaba moi afastada das aplicacións reais e, aínda que cre firmemente no valor da investigación, apostou por traballar en algo que tivese un impacto máis directo na vida real.

Foi entón cando deu o salto á industria. Actualmente, e despois de tres anos traballando en YouTube, volveuse achegar á investigación nun equipo de infraestrutura de Google Research, onde as súas funcións lle permiten a outros investigadores avanzar en campos como o reinforcement learning, ou aprendizaxe por reforzo, unha rama do machine learning que estuda como aprender a tomar secuencias de decisións en contornos complexos e que se utilizou con éxito en robótica e en xogos.

Ademais, Sabela Ramos forma parte do colectivo Google Women in Engineering, onde se estimula a presenza feminina no sector TIC. Considera que actualmente a informática segue sendo unha profesión na que o número de mulleres é moi baixo.

“Hai datos que nos din que aos nenos se lles anima a seguir unha profesión técnica e que ás nenas fáltalles referencias que lles fagan sentir que o sector TIC é un campo no que poden ter éxito” –indica–. Destaca tamén que moitas mulleres tenden a abandonar as carreiras técnicas en maior porcentaxe que os homes, mesmo enfrontándose a máis sesgos inconscientes. “Hai que crear unha cultura de inclusión no espazo de traballo que permita que se aborden estes problemas e que todos sexamos conscientes de que existen. Non só son problemas que afectan ás mulleres, tamén a outros grupos con menor representación nas profesións TIC. Un entorno inclusivo no que se valora a diferencia fai que todos nos sintamos máis a gusto no noso traballo e sexamos máis produtivos” –manifesta–.

A considerada como a gala máis importante da informática en Galicia será este ano un encontro presencial e virtual, por mor da pandemia da Covid-19, que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.