Venres 29 Marzo 2024

Sabela Ramos: “Ás nenas fáltanlles referencias para ver que poden ter éxito no sector TIC”

A enxeñeira galega, que traballa en Google Research, é a galardoada neste ano co Premio Ada Byron do Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia

O departamento de investigación de Google, un dos meirandes xigantes tecnolóxicos do planeta, desenvolve os piares sobre os que se asenta a gran capacidade da compañía para chegar a todos os recunchos do planeta. Alí traballa Sabela Ramos Garea (Padrón, 1986), doutora en Computación de Altas Prestacións pola Universidade da Coruña. Despois de realizar un posdoutoramento na Escola Politécnica Federal de Zürich onde investigou para crear modelos matemáticos do rendemento de microprocesadores, adentrouse na industria para incorporarse a Youtube. Desde comezos de ano está en Google Research, onde investiga en campos como a aprendizaxe por reforzo ou a aprendizaxe automática, disciplinas que, en resumo, axudan ás máquinas a aprender a resolver problemas de forma máis eficiente.

Ao seu traballo engádese o labor que desenvolve a prol da maior presenza feminina no sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), e en concreto nunha disciplina, como é a Enxeñaría Informática, na que o número de mozas matriculadas nas titulacións segue sendo moito menor co de rapaces. A través de Google Women in Engineering traballa para fomentar máis vocacións. Todo este labor valeulle o Premio Ada Byron que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que ten por obxectivo alentar ás novas xeracións de rapazas a realizar estas carreiras profesionais. O vindeiro 30 de outubro, na gala da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, Sabela recibirá o galardón, que acolle con “moita ilusión”.

Publicidade

– Cando fixo “clic” a súa cabeza para decidir que ía dedicarse á informática? Ou foi
algo gradual?

– Durante o bacharelato non tiña moi claro que quería estudar (só tiña decidido que quería facer algo de ciencias) e ao final decanteime pola Informática porque me gustaban as Matemáticas e a idea de facer unha carreira que logo me permitise traballar en diferentes campos.

-Como explica á familia ou aos amigos o que fai?

– Pois agora que o Machine Learning e a Intelixencia Artificial están en boca de todos, xa non é un termo que haxa que explicar moito; o meu traballo é que as máquinas aprendan de forma máis eficiente e aproveitando mellor os recursos.

– E como é o día a día de traballo nunha das empresas máis poderosas do
mundo?

– O que máis valoro eu é a posibilidade de traballar nun entorno no que se favorece o estar continuamente aprendendo, non só do teu traballo, senón tamén dos teus compañeiros e compañeiras e da xente doutros equipos.

– Que sentiu cando lle comunicaron o Premio Ada Byron?

– A verdade é que non o esperaba e faime moita ilusión. Sempre é motivo de orgullo persoal que a che recoñezan o teu traballo, pero especialmente se vén dunha institución galega que ademáis apoiou moitas das actividades que fixemos na Universidade para promover o papel das mulleres nas TIC.

A enxeñeira de Google Sabela Ramos recibirá o Premio Ada Byron

– Un dos obxectivos do Premio é alentar ás mozas a dedicarse á enxeñaría informática. Que acontece, polo que ve e o que percibe, para que as mulleres informáticas sigan sendo minoría?

– É un problema sistémico que afecta tanto ás rapazas á hora de decidir que estudar, como ás mulleres que xa estamos traballando no eido das TIC. Por unha banda, é necesario que as TIC sexan unha opción que as rapazas vexan como factible e que poidan decidir se lles gusta ou non. Hai datos que reflicten que aos nenos se lles anima máis a seguir unha profesión técnica e que ás nenas fáltanlles referencias para ver que poden ter éxito no sector TIC. Por outra banda, as mulleres abandonan as carreiras técnicas nunha maior porcentaxe que os homes, e afrontan máis sesgos inconscientes. Ademáis, estes non son problemas que afecten só ás mulleres, senón tamén a outros grupos con menor representación nas carreiras e profesións TIC.

– Está involucrada na iniciativa Google Women in Engineering: Que fan, e que proxectos teñen en marcha, para impulsar a presenza feminina nas TIC?

– Google Women in Engineering é un equipo de voluntarias que intentamos promover unha
cultura de inclusión tanto fóra como dentro de Google, centrándonos especialmente na
diversidade de xénero nas TIC. Por exemplo, organizamos charlas e talleres para estudantes e colaboramos con redes locais de mulleres en tecnoloxía. Dentro de Google, organizamos discusións con xente máis senior, grupos de apoio e mentorazgo, ou cursos e charlas de temas técnicos ou reladionados coa carreira profesional.

– Os estudantes egresados da Facultade de Informática da Coruña están a acadar
moitos recoñecementos nos últimos anos: Que se está facendo ben alí?

– Na miña experiencia, creo que recibín unha boa formación e unha base sólida para poder
seguir aprendendo cousas. Ademáis hai moito profesorado novo que se involucra e apoian
iniciativas dos estudantes, como a s Xornadas de Seguridade, Hello Sisters ou as Xornadas de Anita Borg. A verdade é que unha alegría poder presumir de Facultade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Grandes mulleres científicas que loitaron para romper o teito de cristal

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Katalin Karikó é a flamante gañadora do último...

Guía para o Black Friday en Galicia: como evitar que te estafen

As principais ciberaemazas son a chegada de mensaxes de texto ou correos electrónicos con ligazóns a unha páxina falsa

“Chat GPT fascíname como investigadora, como usuaria dáme medo”

A informática Verónica Bolón recibe o Premio Ada Byron polo seu estudo dos algoritmos verdes e o fomento das vocacións STEM

María José Alonso, no podio das investigadoras máis influíntes do Estado

Ocupa o posto número tres na lista das mulleres científicas máis importantes en función do impacto das súas publicacións