Tres mozos de Pontevedra e Porto do Son puxeron en marcha hai menos de tres anos unha idea empresarial que neste corto espazo de tempo acadou resultados sorprendentes. Psico VR é unha empresa que explora as posibilidades das tecnoloxías de Realidade Virtual para o tratamento de fobias ou a preparación dos pacientes que teñen que enfrentarse por primeira vez coa radioterapia. Os seus logros fixeron que o xurado dos IV Premios Spin-Off PuntoGal elixira a Psico VR coma a empresa gañadora na categoría de Idea Emerxente, na que competía con outras destacadas start-ups galegas de diversos sectores.

Lucía Maneiro, unha das socias fundadoras xunto aos irmáns Sonia e Rafael Tourón, explica que o proxecto naceu pola idea de tratar de axudar á xente cunha nova tecnoloxía que ten aplicación en moitos campos. Os tres fundadores teñen unha formación moi diferente xa que Lucía é educadora social, Rafael dedícase á programación informática e Sonia ven do mundo das belas artes. Pero seguramente ese enfoque pluridisciplinar pode ser unha das claves do éxito do proxecto.
“Comezamos o proxecto centrándonos sobre todo no tratamento das fobias, como poden ser o medo aos cans ou a agorafobia pero pouco a pouco xurdiron outro tipo de proxectos que nos ían demandando. Nestes momentos estamos a traballar bastante en temas relacionados coa sanidade, entre estes proxectos se atopa o que fixemos para o SERGAS para recoñecer os síntomas do ictus e para ensinar aos pacientes a respirar e enfrontarse a unha proba radiolóxica”, sinala Maneiro.
Entre os proxectos desenvolvidos nos últimos tempos se atopan un de formación para técnicos de reprodución asistida e outros para prevención do bullying e para a rehabilitación de lesionados medulares. As aplicacións da realidade virtual chegan a moitos terreos e en Psico VR non teñen medo a enfrontarse a novos desafíos para buscar solucións a problemas diferentes de sectores moi diversos.
No terreo das fobias, Psico VR atópase nestes momentos nun momento de transición xa que están a cambiar o equipamento para traballar cunha tecnoloxía máis moderna que permite realizar as simulacións sen conexión directa con un ordenador. Maneiro apunta que a mediados do ano próximo xa esperan traballar con estes novos equipos “Oculus Quest 2”, o que permitirá desenvolver proxectos máis ambiciosos neste campo.
Os proxectos de Psico VR espertan grande interese en Latinoamérica e agardan poder comezar a traballar nos países desta área en breve prazo
Un dos factores que permitiu a Psico VR o seu rápido crecemento como empresa foi a súa participación en tres aceleradoras, Vía Galicia, Fundación Vodafone e AJE Pontevedra. “Para nós foi moi importante traballar nestas tres aceleradoras porque permitiunos mellorar a nosa formación e facer moitos contactos que despois facilitaron a posta en marcha e desenvolvemento da empresa”, explica Maneiro.
Neste último ano a evolución da compañía está a ser moi boa e agardan pechar o exercicio triplicando a cifra de negocio do ano 2019. O interese que espertan os proxectos da compañía rachan fronteiras e de feito a través da súa páxina web chega máis interese de Latinoamérica que de España. “Os problemas a solucionar son os mesmos en todos lados e o feito de traballar en castelán permítenos sen problema traballar cos países de Iberoamérica. Temos que solucionar algún problema burocrático que aínda temos para poder comezar a traballar tamén no estranxeiro”, conclúe Maneiro.














