O Galicia Open Future xa coñece os 50 proxectos da súa terceira edición

O xurado do Galicia Open Future, unha iniciativa que axuda a converter ideas innovadoras en negocios de éxito, elixiu os 50 proxectos de base tecnolóxica que formarán parte da III edición do programa. Os proxectos iniciarán o seu adestramento no mes de xuño na sede do Gaiás, en Santiago de Compostela.

A maior parte das iniciativas procede da provincia da Coruña (24), seguida pola de Pontevedra (20), Ourense (4) e Lugo (1). Ademais, este ano volverá ter presenza Portugal coa participación de 1 proxecto, continuando así a liña iniciada o ano pasado para impulsar a cooperación transfronteiriza na Eurorexión Galicia-Norte de Portugal en materia de emprendemento e emprego.

Publicidade

Os proxectos atópanse en diferentes fases de maduración (idea, prototipo, piloto, lanzamento, comercialización) e abarcan sectores tan diversos como o sanitario, o IoT (Internet of Things), o financeiro, o turístico ou o educativo. Apostan fundamentalmente polo desenvolvemento de solucións de hardware, marketplace, Saas (Software as a service), realidade virtual, big data & analytics, así como servizos de xeración de contidos, plataformas de reserva ou apps móbiles. Cobra tamén relevancia a economía colaborativa e a sustentabilidade, a accesibilidade e, en xeral, a innovación social.

A maior parte das iniciativas proceden da provincia da Coruña, seguidas polas de Pontevedra

Parte deles naceu baixo o amparo de universidades, fundacións ou en destacados centros tecnolóxicos e de investigación galegos, mentres outros contan xa no seu haber con varios recoñecementos locais pola súa innovación.

Publicidade

As 50 iniciativas accederán agora ao programa Galicia Open Future, que ten unha duración inicial de seis meses -prorrogables en períodos de 3 meses- e no que Telefónica inviste anualmente preto dun millón de euros. Durante este tempo os emprendedores recibirán formación e asesoramento especializado, adaptado ás diferentes fases de maduración das súas iniciativas (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento) e relacionado co seu modelo de negocio.

A través da plataforma web, os participantes poden entrar en contacto tamén con emprendedores de todo o mundo involucrados en Open Future, o programa de innovación aberta de Telefónica. Ademais, o equipo de GOF axudará aos emprendedores para identificar fontes de financiamento e facilitará os contactos con fondos especializados en startups tecnolóxicas e co resto de iniciativas que conforman a rede Global Open Future.

A través do Programa de Incentivos da Xunta, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) concede unha axuda de 2.000 euros a cada un dos proxectos seleccionados. Superada a primeira fase de formación, e unha vez evolucionados xa os proxectos, un xurado de expertos seleccionará aos tres mellores, en función da súa achega aos sectores estratéxicos de Galicia, a súa innovación, o potencial de mercado, o grao de maduración e a súa viabilidade, ademais da súa composición multidisciplinaria, a súa motivación e o uso de tecnoloxía diferencial. Os tres seleccionados recibirán unha achega de ata 25.000 euros da Axencia Galega de Innovación, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Poderán acceder tamén a un préstamo reembolsable concedido por XesGalicia por un valor doutros 25.000 euros.

Galicia Open Future recibiu, nas súas tres edicións, as solicitudes de máis de 400 iniciativas emprendedoras de base tecnolóxica. Dos 100 seleccionados nas dúas primeiras convocatorias, a maioría experimentou importantes avances no desenvolvemento do seu proxecto e conseguiu acceder a diferentes oportunidades de negocio, entrando en contacto con novos investidores e clientes, e accedendo, nalgúns casos, a outros programas de aceleración.

A iniciativa busca captar e desenvolver o talento dos emprendedores

Open Future é o programa de innovación aberta que materializa o compromiso global de Telefónica para desenvolver e captar o talento e emprendemento, agrupando desde 2014 todas as actividades e proxectos xa existentes de Telefónica no campo da innovación aberta. A través das iniciativas de emprendemento social e de aposta polo emprendemento para mozos, Think Big e Talentum; os espazos de Crowdworking; as aceleradoras Wayra e os fondos de investimento Telefónico Ventures e Amerigo, potencia e inviste en persoas, ideas e proxectos viables baseados en tecnoloxía, en calquera fase de crecemento, de forma aberta e en conexión con organizacións públicas e privadas. Cun portfolio de máis de 850 startups aceleradas e máis de 600 startups investidas e oficinas en 17 países en Latinoamérica, Europa e Asia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A innovadora técnica dun equipo galego para detectar ineficiencias nas empresas

'InVerbis Analytics', que naceu como un proxecto de investigación da USC, é agora un servizo que permite optimizar as operacións doutras compañías grazas á minería de datos

Adeus ás tarefas de oficina: un proxecto galego quere automatizalas

O proxecto Itdp nacido no centro tecnolóxico Gradiant procura desenvolver unha ferramenta que facilite a análise de determinado tipo de documentación e evite a realización manual de tarefas de cribado de información

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado