Xoves 5 Decembro 2024

O equipo de Enxeñería de Vigo viaxa a Silverstone mentres prepara o bólido de 2015

O equipo de Formula Student da Universidade de Vigo. Foto: DUVI
O equipo de Formula Student da Universidade de Vigo. Foto: DUVI

Un ano é o que lle resta á escudaría Uvigo Motorsport para converter o seu deseño dun monopraza de competición nunha realidade. O equipo, formado por estudantes da Escola de Enxeñería Industrial participa na competición automobilística universitaria Formula Student e en 2015 deberán poñer a rodar o seu coche competindo con estudantes de enxeñaría de diferentes universidades do mundo. Mentres traballan no deseño e avanzan na captación de patrocinios, esta fin de semana os seis membros fundadores do equipo desprázanse ao circuíto de Silverstone para presenciar a competición de 2014, na que participan preto de 3000 estudantes de 38 países, segundo informa o DUVI. 

Rogelio Dios, Mikel Estraviz, Marcos Fernández, Alejandro Iglesias, Josué Nanín e David González son os artífices desta aventura viguesa na maior competición universitaria do mundo de construción de monoprazas. Formula Student reta ás universidades de todo o mundo para deseñar, construír e competir cun coche de carreiras nun só ano. Este é o proceso no que se atopa agora mergullado o equipo vigués. En 2015 o seu monopraza será avaliado atendendo á súa velocidade, aceleración e resistencia, mentres que os equipos son tamén valorados tendo en conta o deseño, o cálculo de custes e as capacidades de negocio. A proba de 2014 serviralles como primeira toma de contacto coa competición, xa que dende o venres e ata o luns, como explica David González, team leader do equipo, “viviremos dende dentro a experiencia da competición da que formaremos parte o ano que ven”.

Publicidade

Nestes días o seu obxectivo é aprender todo o posible “sobre a dinámica do evento e a realización das probas, ademais de consolidar a nosa internacionalización presentándonos ao resto de equipos europeos”. A pesar de levar xa varios meses traballando arreo neste proxecto, recoñecen que “pisar Silverstone é algo incrible para todos; vendo esta fin de semana a carreira de Formula 1 en televisión, non acabábamos de crernos que en tan só cinco días estaríamos pisando eses mesmos boxes”.

Tres mil estudantes

Nesta proba participan preto de 3.000 estudantes de países de todo o mundo e, de feito, nesta edición 2014, darán a benvida por primeira vez a un equipo de China. Esta edición é tamén na que participan máis mulleres, 280. Entre os que son considerados os mellores enxeñeiros e enxeñeiras máis prometedores sairá o mellor equipo de Formula Student 2014. 250 xuíces voluntarios do mundo dos deportes de motor e da industria da enxeñaría en xeral ocuparanse de valorar os coches e os equipos. Ademais, o evento contará coa presenza de destacados persoeiros do mundo do motor como Paddy Lowe, director executivo de Mercedes AMG Petronas F1; o director técnico de Caterham, Mike Gascoyne ou Willem Toet, xefe de aerodinámica en Sauber F1.

Publicidade

A escudaría Uvigo Motorsport é a primeira que se crea na Universidade de Vigo para participar en Formula Student. O seu monopraza está en proceso de deseño e o equipo en proceso de ampliación. Os seis estudantes fundadores veñen de seleccionar oito novos membros que, como explica David González, “supoñen unha fonte de enerxía fresca coa que esperamos duplicar o noso pulo, sen dúbida un bo golpe de motivación para afrontar con ganas o traballo este verán”. Así, en total conforman a escudaría 14 estudantes das diferentes titulacións e ramas da Escola de Enxeñería Industrial. Explica o seu team leader que actualmente “están completamente entregados á fase de deseño, onde van tomando forma esas pequenas ideas que marcan a diferenza” e explica que xa adquiriron o grupo motopropulsor e parte da electrónica que empregarán; “ilusiona poder ver por fin a nosa enxeñaría en algo material”.

Optimistas cara ó resultado

Outro dos retos desta competición é a vertente empresarial, xa que deben acadar o financiamento preciso para facer realidade o monopraza. Para iso traballan en buscar patrocinadores, algo co que son optimistas, “aínda que todo comezo é moi duro”. Pero o esforzo comeza a dar froito e teñen acordado o patrocinio dunha importante empresa de automoción e están traballando, adiantan, noutro cunha notable empresa do sector en Vigo. González recoñece que aínda resta “moito camiño por percorrer e agardamos continuar á volta da viaxe a Silverstone, xa que non alcanzamos a cifra suficiente para seguir coa fabricación en novembro”.

Esta experiencia, ademais dunha afección para todos eles, é un xeito de ver a enxeñaría convertida en algo real, de comprobar a aplicación práctica dos seus estudos. Pero tamén recoñecen que é un reto como persoas, porque “ademais da profundidade en coñecementos de enxeñaría, tivemos que afrontar numerosos retos e situacións difíciles das que sempre saímos exitosos grazas ao traballo en equipo”. Por outra banda, tamén implica un esforzo extra compatibilizar a construción do monopraza cos estudos e os exames pero, a pesar de ter sido unha etapa extremadamente dura, permitiulles tamén ver que “con ilusión e compromiso todo pode saír adiante”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Non só en luces led de Nadal: Vigo supera a Londres en néboa e chuvia

A cidade olívica case triplica o número de litros de auga por metro cadrado recollidos de media ao ano en comparación con Londres

Un equipo de Vigo acha un biomarcador dunha doenza muscular que pode ser letal

Un equipo médico avanza no tratamento dunha enfermidade inflamatoria que debilita de forma rápida e progresiva os doentes

A UDC detecta a presenza dunha alga invasora nas rías da Coruña e Vigo

O persoal investigador de BioCost e BioAplic identificou en Galicia á 'Rugulopteryx okamurae', unha especie que xa está a causar problemas no sur da península

Vigo notifica o seu primeiro exemplar de mosquito tigre de 2024

En maio xa apareceron os primeiros 'Aedes albopictus' da tempada en Moaña, na mesma zona na que se detectaron por primeira vez en 2023