O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, veñen de asinar un convenio de colaboración para a posta en marcha de PITEAS, un programa que inclúe iniciativas de formación do profesorado para a optimización da detección do talento nas aulas así como accións directas de fomento da creatividade e das ciencias co alumnado. Neste proxecto colabora tamén a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, cuxo conselleiro Román Rodríguez asinou o convenio correspondente.

PITEAS é un programa baseado en modelos científicos recoñecidos internacionalmente e convenientemente adaptado á realidade educativa, económica e cultural de Galicia que nace da necesidade de tomar conciencia do papel fundamental que xoga a promoción do talento na evolución da sociedade. Caracterízase así mesmo por unha dimensión transversal que se inclúe en todas as liñas de actuación: a necesidade de documentar e recoller resultados que evidencian melloras no rendemento académico dos alumnos (cualificacións); os niveis de competencias como a lectoescritura, o razoamento numérico, a coordinación viso-espacial e a fluidez verbal; así como os niveis de auto-eficacia e as expectativas en xeral.
A colaboración da USC coa Fundación Barrié neste proxecto concrétase nun programa de formación do profesorado na educación de alumnado con talento que realizará o equipo de investigación da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Facultade de Psicoloxía que dirixe a profesora Carmen Pomar Tojo. Este programa pretende que profesores de primaria, secundaria e bacharelato e orientadores de Galicia desenvolvan ferramentas para facilitar a optimización das capacidades do alumnado e para o seu aproveitamento.
A Universidade de Santiago colaborará neste proxecto académico
Na súa intervención o reitor lembrou varios programas en prol do talento que se desenvolven en centros da USC –Estalmat e Ronsel do Campus– e destacou que Piteas atende a un modelo de transferencia da investigación científica á sociedade que comeza nas primeiras etapas escolares para guiar o desenvolvemento das potencialidades do alumnado, optimizando as competencias curriculares “pero tamén os procesos emocionais e motivacionais así como o pensamento diverxente”.
A implementación do programa PITEAS nas aulas comeza en nove centros de Galicia en setembro co curso escolar 2016/17, aínda que a formación a profesores comezou con obradoiros e conferencias que teñen lugar estes días na sede da Fundación Barrié en Vigo. Entre as intervencións destacan as de Joseph S. Renzulli, director do Centro Nacional de Investigación para as Altas Capacidades da Universidade de Connecticut (EE.UU); Sally M. Reis, profesora distinguida do departamento de Psicoloxía da Educación da Universidade de Connecticut; ou a propia profesora da USC Carmen Pomar.