A feira Pont-Up Store levará o emprendemento ás rúas de Pontevedra

Máis de 30 actividades, promovidas co obxectivo de dar apoio aos novos emprendedores e emprendedoras, integran o programa do Pont-Up Store, a feira do emprendemento que os días 23 e 24 de setembro se desenvolverá na Praza de España de  Pontevedra, e que botará andar o xoves 22 cunha xornada previa. Promovido pola Universidade de Vigo, no marco do proxecto de especialización CREA S2i, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, o evento terá como “eixo principal” neste 2016 “o cooperativismo e a economía social”, como explicou o seu director, o profesor Pedro Figueroa, na presentación levada a cabo este martes no Concello dunha iniciativa que busca “consolidarse como o evento de referencia do novo emprendemento en Galicia”.

Acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, Figueroa deu conta dun programa de actividades que o xoves 22 botará a andar cun Day breaker, unha sesión matinal “de música e relaxación”, diante de Ciencias Sociais e da Comunicación. Nesta xornada previa desenvolveranse tamén unhas sesións de coaching executivo para emprendedores en economía social na Casa das Campás, promovidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e un debate sobre economía social nas industrias culturais de Galicia e Norte de Portugal. O programa desta xornada inclúe un Fab Lab de impresión en 3D e gravado láser, no que “varias empresas van a amosar os seus produtos en 3D” e que se completará con cursos de iniciación a estas tecnoloxías, segundo explicou Figueroa.

Publicidade

Así mesmo, esta xornada previa abrangue tamén un coloquio na sede de AJE-Pontevedra e a presentación na Casa das Campás do Programa Erasmus Emprendedor, da man da Cámara de Comercio de Santiago.

Empresas xa consolidadas participarán no evento ‘Puntazo Exprés’

Nacido, como lembrou Corbacho, ao abeiro da Conferencia Ibérica de Emprendemento (CIEM), que en 2014 se celebrou en Pontevedra, o Pont-Up Store foi evolucionando desde entón “en paralelo ao proxecto de especialización do campus”, mantendo como “obxectivo estratéxico crear alianzas entre o mundo académico e o tecido empresarial”. Con esa filosofía, o evento trasladouse na segunda edición á Praza de España, onde os días 23 e 24 permanecerá activa a carpa na que a cidadanía poderá coñecer os produtos e servizos das 36 empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria, seleccionadas de entre 115 candidaturas.

Publicidade

Tamén o venres 23, a Casa da Luz será o escenario do speed dating Puntazo Exprés, unha iniciativa impulsada no marco do programa ‘Pontevedra ten un Puntazo‘ que constitúe outra das novidades desta edición. Ata o 15 de setembro permanece aberto o prazo de inscrición para participar nunha iniciativa na que, como explicou Gulías, os dez emprendedores e emprendedoras seleccionadas presentarán os seus proxectos a representantes de “empresas xa consolidadas”, como Finsa, Qbitia, Idoia Cuesta ou Monet Viticultura, unha das iniciativas recoñecidas nos premios Incuvi Emprende da Universidade. O encontro, explicou a concelleira, pecharase cunha sesión de networking para os 36 emprendedores e emprendedoras participantes neste terceiro Pont-Up Store.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro