Venres 29 Marzo 2024

Trega, o gran monumento colectivo da Idade do Ferro

O monte Trega é o gran monumento colectivo da Idade do Ferro en Galicia. É tamén o lugar con máis visitas turísticas tras a catedral de Santiago. Ademais do poboado castrexo máis extenso do Noroeste da Península. Situado no municipio da Guarda, nun outeiro desde o que se divisa a desembocadura do Miño e o val do Rosal, o seu emprazamento é tamén todo un espectáculo.

DSC_0039

A dimensión e a importancia que acadou o Trega revélase na diversidade e abundancia da súa decoración arquitectónica. Atopáronse os máis variados elementos decorativos, entre os que destacan as chamadas esvásticas, uns cilindros de granito destinados a ser encaixados nos muros das construcións máis destacadas.

Publicidade

As esvásticas adoptan símbolos distintos, como os trisqueis, os tetrasqueis, os nós… E crese que representaban o disco solar. Tamén aparecen en xoiería. A estes elementos, hai que sumar dinteis ou cornixas labrados, que nos amosan que algúns edificios eran singulares. Mesmo fan pensar nunha diferenciación entre clases sociais, cunha elite que tamén gozaba de xoias, moitas delas de ouro extraído do río Miño e dos seus afluentes.

O torque é a estrela destas alfaias. Trátase dun colar que remata en dous pomos labrados con filigrana. Hai representacións nas que os guerreiros se adornan con esta xoia distintiva.

Falamos no monte Trega dun castro extenso, o de maior tamaño de todo o Noroeste da Península. Cunha extensión de 20 hectáreas, trataríase dun ‘oppidum‘, un poboado de grandes dimensións xa con características de cidade.

Trátase duns dos primeiros castros en ser escavados en Galicia. Xa en 1913, a Sociedade Pro-Monte Santa Trega iniciou os traballos, que tiveron gran repercusión e contribuíron a converter o xacemento nun atractivo turístico de primeira orde. Actualmente, os visitantes buscan as vivendas que foron reconstruídas e que, con maior ou menor acerto, reflicten a realidade dos galaicos da Idade do Ferro.

Dende o Trega os seus habitantes controlaban o Miño e o val do Rosal

O poboado esténdese pola parte máis alta da montaña, polas ladeiras Este, Sueste e Norte. Nesta situación, os seus habitantes podían controlar todo o estuario do río Miño, unha vantaxe tanto para as relacións comerciais como para a seguridade ante posibles invasións.

Se observamos hoxe o debuxo deste complexo urbano, destaca o labirinto que forman as construcións, os muros, as vías de comunicación. Os séculos foron labrando a súa xeografía para dar acubillo a miles de habitantes.

A muralla, construída en granito, ten 1,60 metros de espesor e rodea o poboado. As escavacións sacaron á luz a Porta Norte, mentres que nun lateral vemos o que parece unha construción defensiva, destinada a aloxar un corpo de garda. As vivendas aparecen reunidas dentro do recinto defensivo, nunca pegadas á propia muralla por motivos estratéxicos. Varias vías principais recollen o fluxo de pequenas calexas ou pasos, que van ás vivendas familiares. Ademais, hai unha organización complexa da cidadela, con canles de augas, pequenos alxibes ou aliviadoiros de augas residuais.

Recentes escavacións da Deputación de Pontevedra no Trega.
Recentes escavacións da Deputación de Pontevedra no Trega.

Os antigos moradores do Trega vivían da caza, da pesca e da gandería. Pero tamén comerciaban. E, polo achado nas escavacións, eran bos nisto. Foron atopadas numerosas ánforas, algunhas do modelo Haltern 70, que traían produtos da Bética, especialmente viños. Hai tamén xoias, vasos e vaixelas finas e outros elementos que nos falan dunha certa elite social e dun desafogado nivel de vida.

Da alimentación fálannos os cuncheiros atopados. Trátase de depósitos de restos de moluscos, que demostran que na Idade do Ferro tamén eran afeccionados ás mariscadas. Ademais, apareceron ósos de animais domésticos, tanto de ovino, caprino e bovino, que nos revela a importancia da gandería.

Tecían a súa propia roupa e tamén fabricaban cerámica e alfaias

Coa chegada dos romanos, incorpórase ao Trega unha segunda tradición en olería. O torno baixo únese á produción feita a man. Vasos para beber, potas para poñer ao lume, grandes vasillas para a almacenaxe… a produción é enorme e aparece belamente decorada. Tamén achamos pezas de ‘Terra Sigilata‘, que contan cun pequeno ‘sigillum’ ou selo no seu interior para identificar a olería da que saíron.

Os antigos habitantes do Trega tamén se dedicaban á artesanía téxtil. O liño, a la e o coiro son as súas materias primas. Hai fiado e tamén pequenos teares, mentres o labor final de cosido realízase con agullas de bronce, das que se atoparon varios exemplares.

En canto á relixión, moitos aspectos seguen no misterio. En 1860, foi achada aquí unha estatua de Hércules en bronce, que foi roubada dos fondos do museo un século máis tarde. Non se atoparon cemiterios e descoñecemos o destino dos seus mortos. Pero parecían ter unha idea de transcendencia, porque as últimas escavacións acharon unha cabeza en pedra dun guerreiro. Crese que podería ser a representación dun valente inimigo. E a súa alma serviría para reforzar a defensa da muralla.

Máis dun século de escavacións

As primeiras escavacións no castro de Santa Trega realízaas un relixioso, Juan Domínguez Fontenla, en 1910, acompañado dun arqueólogo alemán. Nelas descobren as primeiras construcións circulares, na zona de Campo Redondo.

Anteriormente, en 1860, o canteiro José María Domínguez Troncoso atopara de xeito casual unha pequena estatua de Hércules en bronce.

tegra11

Pero o primeiro gran avance no poboado realízao a Sociedade Pro-Monte Santa Trega, en 1913, cando inicia unha campaña que descubrirá boa parte do poboado. Ata 1923, continuarán os traballos, por desgraza nalgúns casos sen rigor científico, o que deixará lagoas e falta de datos.

As primeiras escavacións cun método científico vai dirixilas o catedrático Cayetano de Mergelina entre 1928 e 1933. Dous novos arqueólogos, Sebastián González e Filgueira Valverde, axudaranlle na súa misión.

O Trega convértese nun atractivo turístico, pero o interese arqueolóxico semella decaer. Hai novas escavacións de 1953 a 1972 dirixidas por Manuel Fernández Rodríguez. E, de 1983 a 1988, por Antonio de la Peña Santos, que achega datos minuciosos e unha cronoloxía sostida polas evidencias.

As escavacións veñen de regresar co plan da Deputación de Pontevedra e do Ministerio de Fomento iniciado en 2015. E avanzaron por novos barrios do gran poboado do monte Santa Trega. O achado dunha cabeza pétrea dun guerreiro é un dos fitos máis importantes desta nova campaña.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Que é a lexionela? A bacteria que agroma en Galicia e Portugal sen que se coñeza o foco

O bacilo deixa 18 casos no Rosal, A Guarda e Caminha. Secuenciaranse mostras para determinar se existe relación entre os gromos

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Unhas xornadas afondan en como creatividade e innovación xeran un futuro máis sostible

Celebraranse este mércores 24 na Casa das Campás, en Pontevedra, ao abeiro do programa "Ciencia de ida e volta" impulsado pola UVigo