Investigadores galegos denuncian que España segue sen poñer límites ao radon

Tense falado e escrito bastante sobre o risco de exposición ao gas radon, a segunda causa de cancro de pulmón en Galicia, só por detrás do tabaco. O Laboratorio de Radon de Galicia, adscrito á USC, elaborou o ano pasado o primeiro mapa do radon en Galicia, no que se puxo de manifesto a elevada concentración de radon interior atopada en amplas zonas do país. En febreiro de 2018 entrará en vigor a directiva europea que obriga aos estados membros a lexislar para evitar a exposición dos cidadáns ás elevadas concentracións deste gas, pero en España aínda non existe ningunha normativa en vigor.

Ante esta situación, un equipo de científicos da USC, encabezados polo profesor Alberto Ruano Raviña, acaban de publicar un editorial na revista European Respiratory Journal, a máis destacada no ámbito europeo das enfermidades respiratorias, nas que cualifican de “rechamantes” as diferenzas entre distintas administracións nos niveis admisibles de radon.

Publicidade

As evidencias recomendan baixar o nivel recomendable que a UE establece

No texto advirten que algúns países, como é o caso de España, “aínda non teñen un nivel de acción nin regulación acerca da protección contra o radon nas novas construccións“. E onde si hai niveis, as diferenzas son notables: desde os 100 Becquerelios/metro cúbico que establece a OMS e os 148 dos Estados Unidos, ata os 300 da Unión Europea, pasando polos 200 que marca a lexislación irlandesa, canadiana ou británica.

Non en tanto, como sinala Ruano, o uso de diferentes niveis provoca diferenzas no risco de padecer cancro de pulmón. “Por exemplo, o risco dos estadounidenses vén sendo a metade que o dos europeos” no referente ao radon. E as evidencias recomendan baixar o nivel de 300 Bq/m3 que establece a normativa europea. “incluso entre as persoas que nunca fumaron, o radon residencial duplica o risco de cancro de pulmón nas persoas expostas a niveis superiores a 200 Bq/m3 en comparación cos expostos a niveis inferiores a 100. Este risco está moi por baixo do nivel de 300 proposto pola nova directiva europea”, sinala o editorial.

Publicidade

O Laboratorio de Radon de Galicia é recoñecido internacionalmente polas súas publicacións e pola participación no Manual da Organización Mundial da Saúde sobre o radon interior.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos