Xoves 18 Abril 2024

A UVigo edita un libro sobre os riscos e beneficios terapéuticos do cannabis

Unha publicación que quere ofrecer información sistemática e sinxela sobre o cánnabis, desde a súa historia e características ata os seus efectos e a prevención do seu consumo. Con este obxectivo, Manuel Isorna, profesor na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, vén de publicar o manual Cánnabis: efectos, riscos e beneficios terapéuticos. A través de 256 páxinas, este doutor en psicoloxía intenta “tocar todos os temas” relacionados coa droga máis consumida no mundo coa finalidade de contribuír a contrarrestar “a gran desinformación que hai creada ao seu redor”.

O cannabis provoca problemas de memoria a longo prazo nos consumidores.
O cannabis provoca problemas de memoria a longo prazo nos consumidores.

O libro, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, xorde, explica o seu autor, “como un manual de consulta” co que se quere proporcionar información “dun xeito ameno pero rigoroso” a todo tipo de públicos, tanto do eido académico como persoas alleas á comunidade universitaria interesadas nesta temática. “É importante que se divulgue información veraz sobre esta droga, que haxa un verdadeiro coñecemento sobre ela e sobre os seus efectos”, apunta Isorna Folgar, que é técnico de prevención de drogodependencias e condutas aditivas do Concello de Catoira. Na actualidade, sinala, son moitos os “mitos falsos” que rodean e “banalizan” o consumo da marihuana, como o de que cura enfermidades, “cando o que fai é paliar efectos secundarios de determinados tratamentos”, ou de que é peor fumar tabaco, “cando está demostrado que o cánnabis é unha droga que xera enfermidades de diferentes tipo, desde físicas a mentais”. Neste contexto de desinformación, afirma o docente, “o uso do cánnabis favorécese e esténdese pola crenza xeralizada de que é menos dañino que outras drogas ilegais e que non produce danos severos como os opioides e outros psicoestimulantes”, advirte.

Publicidade

Cánnabis: efectos, riscos e beneficios terapéuticos comeza abordando o uso desta droga ao longo da historia e nas diferentes culturas a súa epidemioloxía de consumo na actualidade, tanto en Europa como España. Trátase, recolle Manuel Isorna na publicación, “da substancia psicoactiva globalmente máis utilizada a nivel mundial, a droga ilegal máis consumida en todos os grupos de idade”. En 2013, apunta, estimouse que 181,8 millóns de persoas de 15 a 64 anos tiñan consumido marihuana con fins non médicos a nivel mundial. O seu consumo, engade, concéntrase principalmente nos adultos novos, de 15 a 34 anos. “Se ben o cánnabis sativa se coñece desde hai varios séculos polas súas propiedades recreativas e medicinais, actualmente é a droga ilegal que máis se consume e o seu abuso é un grave problema de saúde pública, especialmente entre a poboación nova”, comenta o docente no libro. Os mozos, advirte, “fuman menos tabaco, pero máis cánnabis (a maior parte mesturan as dúas substancias)”.

O cannabis é a droga ilegal que máis se consume e presenta problemas de saúde pública

Tras esta contextualización, o libro entra a debullar as características principais da marihuana e as formas de consumo, a súa farmacocinética e farcodinámica e os efectos do seu consumo. O cánnabis sativa, explícase no libro, é “una planta que contén máis de 400 compoñentes químicos, dos cales se coñecen cando menos 60 cannabinoides que son únicos da especie”. Os tres cannabinoides máis importantes polos seus efectos psicoactivos, detalla, son o delta-9 tetrahidrocannabinol (THC), o cannabidiol e o cannabinol. “Está plenamente demostrado que o consumo de cánnabis ten diversas consecuencias negativas para a saúde, tanto a nivel orgánico, como social e psicológico”, apunta o técnico de prevención de drogodependencias e condutas aditivas. Deste xeito, ao longo do libro describe o Síndrome de Hiperemesis Cannabinoide, os efectos psicolóxicos agudos derivados do consumo desta droga e os seus efectos sobre aspectos como o deterioro cognitivo, a conducta alimentaria, a analgesia e o organismo. Entre eles dedica especial atención á relación desta droga coa psicosis.

Ao longo das páxinas deste manual tamén se aborda o tema do uso terapéutico do cánnabis, a evolución do movemento ao seu favor, o autocultivo, as peticións de legalización desta substancia e a evidencia científica na prevención do seu consumo. “A legalización do cánnabis é unha discusión complexa que se encontra inmersa nunha polarización social”, afirma o docente. O debate, advirte, “non é novo, simplemente se vai renovando, reciclando vellos argumentos e combinándoos con algúns novos”. Neste contexto, sinala Isorna, “é importante considerar que é un tema rodeado de mitos e controversias, cuxos efectos exceden aos individuos que a consumen e abarca de forma transversal dimensións da saúde, económicas, sociais e políticas”. Por este motivo, indica o técnico, “é esencial” que a información que chegue aos cidadáns “sexa fidedigna, que se estruture sobre unha linguaxe correcta, exenta de xeralizacións que máis ben confunden e desinforman ao cidadán”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Como xestionar a enerxía eléctrica en vehículos lunares non tripulados? Así o estuda a UVigo

O proxecto busca garantir as demandas eléctricas dos 'rovers' no polo sur lunar, un lugar de interese científico pola posibilidade de que exista auga conxelada