Publicidade

A USC e o CHUAC deseñan un potenciador de antibióticos fronte a superbacterias

Investigadores dos dous centros desenvolven un inhibidor de amplo espectro para combater as infeccións de 'Pseudomonas aeruginosa'

A bacteria Pseudomonas aeruginosa é o paradigma dun dos principais desafíos de saúde pública nos vindeiros anos: a resistencia destes patóxenos aos antibióticos. Esta bacteria, que causa infeccións en diversos tecidos, e afecta especialmente a persoas ingresadas nos hospitais, foi o obxectivo dun traballo no que participan investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago (CiQUS) e microbiólogos do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC), xunto ao Institut d´Investigació Sanitària Illes Balears (IdiSBA). Estes grupos acaban de publicar un artigo no que demostran a eficacia das sulfonopenicilinas para combater as infeccións causadas pola P. aeruginosa.

En concreto, as científicas e científicos constatan o papel dun composto que incorpora unha bromopiridina, que é quen de restaurar a eficacia da ceftazidima, o antibiótico máis utilizado para abordar os procesos infecciosos que orixina a devandita bacteria.

Publicidade

Nos últimos anos, o uso xeralizado dos antibióticos aumenta a resistencia dos patóxenos  a estes medicamentos, polo que se fai urxente a necesidade de novas terapias e estratexias que permitan facer fronte a estes patóxenos. Neste sentido, as sulfonopenicilinas desenvolvidas no grupo da profesora Concepción González Bello, unha das asinantes principais do artigo xunto ao microbiólogo do CHUAC Alejandro Beceiro, demostraron a capacidade para restaurar a eficacia dos antibióticos de amplo espectro máis relevantes en uso clínico.

Estes compostos teñen un mecanismo de acción moi singular, “non acaban coa bacteria porque non son antibióticos senón potenciadores do antibiótico, é dicir, axudan ao fármaco para realizar de forma eficiente a súa función” explica a investigadora da USC. “O seu modo de acción consiste en bloquear o mecanismo de resistencia máis estendido e habitual nas bacterias patóxenas multirresistentes, a destrución, a hidrólise, do antibiótico mediante a acción dos encimas β-lactamasas”.

Publicidade

Concepción González Bello é profesora da USC e dirixe un grupo de investigación no CiQUS. Foto: CiQUS.
Concepción González Bello é profesora da USC e dirixe un grupo de investigación no CiQUS. Foto: CiQUS.

Nun estudo previo, os autores xa comprobaran que este tipo de compostos restablecen a actividade dos carbapenems, sendo o máis prometedor un derivado de bromopiridina. Mediante unha estratexia integrada que combina estudos de susceptibilidade antibiótica, cinética encimática, proteómica e simulacións de dinámica molecular, este novo traballo confirma que o devandito bromuro consegue restaurar tamén a eficacia da ceftazidima, o antibiótico máis utilizado para o tratamento das infeccións causadas por P. aeruginosa.

Esta bacteria posúe unha β-lactamasa cromosómica de clase C coñecida como PDC que pode ser inducida por algúns dos antibióticos β- lactámicos. Isto dálle a P. aeruginosa a capacidade de regular o nivel de resistencia a demanda mediante a produción da encima AmpC, o que fai que a bacteria sexa intrinsecamente resistente aos antibióticos β- lactámicos. Os compostos desenvolvidos no CIQUS, en especial o bromo derivado, son capaces de bloquear este proceso mesmo cando a bacteria incrementa ata 5.000 veces a súa produción, permitindo así que funcione normalmente o antibiótico.

Ademais, os estudos de simulación de dinámica molecular, mediante os cales se analiza a nivel atómico como estes compostos bloquean a diana bacteriana, revelaron que estes compostos inciden sobre un peto da encima non evidente a primeira vista, ata o de agora non explotado, e que sería o responsable da súa excelente eficacia, moi superior aos inhibidores actualmente utilizados en clínica.

Estas sulfonopenicilinas funcionan por tanto como inhibidores de amplo espectro, restaurando a actividade das cefalosporinas e os carbapenems en uso clínico contra patóxenos multirresistentes que son na actualidade o pesadelo dos hospitais, utilizando un mecanismo de acción novo que permite bloquear a encima durante moito máis tempo e de forma máis eficaz.

“Este tipo de terapia combinada antibiótico-inhibidor de resistencia presenta grandes vantaxes. Por unha banda, permite reutilizar o excelente arsenal de antibióticos dispoñibles en clínica que son seguros, moi efectivos e ben tolerados pola maioría dos pacientes, con só uns poucos casos de reaccións alérxicas; e por outra banda, evita a necesidade de dedicar grandes esforzos ao desafiante e difícil proceso de identificación e validación de novas dianas terapéuticas” conclúe Concepción González Bello.


Referencia: 6-Halopyridylmethylidene Penicillin-Based Sulfones Efficiently Inactivate the Natural Resistance of Pseudomonas aeruginosa to β-Lactam Antibiotics (Publicado en Journal of Medicine Chemistry).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega para frear dous dos cancros máis letais, entre a elite europea

Un proxecto do CiQUS para combater tumores de páncreas e de colon recibirá 2,5 millóns de euros

Diego Peña Gil, novo director científico do CiQUS

O catedrático da USC releva a José Luis Mascareñas e Dolores Pérez á fronte do centro de excelencia en Química

Podcast | Da reciclaxe de plásticos ás vacinas: a innovadora tecnoloxía creada en Santiago

O investigador Jose Martínez Costas do CiQUS explica no novo episodio do podcast de GCiencia en que consiste o seu método de etiquetaxe molecular de proteínas

Podcast | Que é a catálise organometálica? O proceso químico presente no teu día a día

O investigador do CiQUS Jesús Varela analiza as aplicacións dun método fundamental para a fabricación de obxectos cotiás