A Axencia da Unión Europea sobre Drogas (EUDA, polas súas siglas en inglés) publicou esta semana o seu último informe sobre consumo de substancias. O documento, que recolle datos dende 2011, extrae conclusións anuais da análise de augas residuais de 128 cidades europeas de 26 países. Santiago é a única urbe galega incluída nesta iniciativa. Tras o estudo da EDAR da Silvouta, con datos recollidos ao longo dunha semana, demóstrase que, por primeira vez, hai rexistro de consumo de ketamina na capital galega, unha droga que se emprega como anestésico para fins médicos e veterinarios. A media diaria de consumo en Santiago é de 3,97 miligramos por cada 1.000 habitantes, a menor das cinco cidades españolas analizadas.
Segundo recolle o Ministerio de Sanidade no seu Plan Nacional de Drogas, as doses baixas de ketamina producen un efecto semellante ao dunha borracheira, con perda de coordinación, visión borrosa e dificultades de fala. Non obstante, en doses altas, os consumidores poden presentar delirios, pseudoalucinacións, perda da noción do espazo e do tempo e distorsión da realidade. Incluso hai persoas que se ven fóra do seu corpo e pensan que, ou ben xa morreron, ou ben vai ocorrer de forma inmediata. “É unha substancia moi perigosa que pode provocar ansiedade, paranoia e paros respiratorio e cardíaco, e incluso consumos mínimos poden producir sobredoses”, indica o documento elaborado polo Ministerio.
Outras substancias
Amais da ketamina, analízanse outras substancias. Entre elas a cocaína, da que se leva rexistrando un consumo interrompido na capital galega dende 2011. A máxima cantidade notificouse en 2023 (627,43) e a cifra de 2024 está moi preto, pero rexistrando unha leve diminución (609,79). A serie de datos é moi escasa como para sacar conclusións que reflictan o aumento ou baixada no seu consumo. O que si se pode ver, e coincide con outras cidades europeas, é que aumentou considerablemente a súa media diaria a partir de 2016. Como comparación, en 2013 chegábase ao mínimo (130,21).
Outras substancias incluídas no informe é o MDMA e o cánnabis. No que respecta á primeira, non se producen grandes cambios na súa detección na EDAR da Silvouta entre 2023 e 2024, oscilando entre os 16,75 e os 16,84, respectivamente, de media diaria. Das seis cidades españolas analizadas neste apartado, como son Castellón, Barcelona, Lleida, Granada, Tarragona e Santiago, e capital galega é a que menor cantidade rexistra desta substancia nas súas augas residuais. Isto tamén acontece co cánnabis, que parece seguir unha tendencia decrecente dende 2019 (120,06 fronte aos 54,32 de 2024).
Finalmente, tamén se analizan as anfetaminas e as metanfetaminas. Con todo, o seu patrón de consumo é moi irregular. No caso das primeiras, acadouse o seu máximo en 2011 pero non se rexistraron durante o período 2012-2016. De igual modo, en 2024 notificouse unha media diaria de 10,93 miligramos por cada 1.000 persoas e en 2023 ese dato está baleiro. No que respecta ás metanfetaminas, o único ano no que se detectaron foi en 2022.














