Un estudo da Universidade da Coruña revela que a crise aumentou os suicidios

A alta taxa de desemprego eleva a taxa de suicidios.
A alta taxa de desemprego inflúe significativamente na taxa de suicidios.

Baixo o título “Crisis, suicide and productivity losses in Spain” o Grupo de Investigación MACROSALUD, adscrito á Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña relaciona o aumento que se produciu en anos recentes nas taxas de suicido en España e determinadas variables que definen o ciclo da economía española. O estudo dos investigadores Berta Rivera, Bruno Casal e Luis Currais tamén aproxima a perda que supuxo estes falecementos prematuros en termos de perdas de produción para o conxunto da sociedade española.

O traballo de investigación forma parte dun macroproxecto financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade e do que forman parte investigadores expertos no campo da economía da saúde de diferentes universidades públicas españolas. O estudo dos profesores da Universidade da Coruña publicarase proximamente na prestixiosa revista científica The European Journal of Health Economics.

Os datos dos que partiron os investigadores apuntan que a ratio de suicidios en España en 2013 foi de 8,2 falecidos por cada 100.000 habitantes. A incidencia desta causa de morte concéntrase en persoas novas e de mediana idade (o 31% dos falecidos do ano 2013 atopábanse nun intervalo de idade entre os 15 e os 44 anos).

Nos anos 2012 e 2013, o suicidio foi a primeira causa de morte en España entre 15 e 44 anos

Nos anos 2012 e 2013 a morte por suicidio é a primeira causa de morte entre a poboación de 15 a 44 anos, situándose por riba dos accidentes de tráfico. A evolución desta causa de morte amosa aumentos sostidos desde o ano 2007 para a poboación de maior produtividade laboral. Desde 2007, en España rexístrase unha caída significativa na actividade económica, coa implicación que isto ten para o mercado de traballo, en termos de aumento da taxa de desemprego (de 1,8 millóns de persoas desempregadas en 2007 a 6,5 millóns en 2013). De importancia é tamén o desemprego de longa duración, de máis dun ano.

Para o estudo da relación entre suicidios e ciclo económico utilízase un panel de datos das 17 rexións españolas para o período 2002-2013. Como variables do ciclo económico utilízanse: crecemento do PIB per capita, taxa de desemprego, taxa de desemprego de moi longo prazo (máis de dous anos buscando traballo).

Nas estimacións utilízanse outras variables que a literatura científica indica que poden ser precursoras do suicidio ou protectoras fronte a el, como son: esperanza de vida, idade media, fertilidade, sexo, variables climatolóxicas, entre outras. As estimacións realízanse para a poboación xeral e replícase o exercicio para a poboación en idade laboral.

Os principais resultados vinculan de forma moi significativa a relación entre suicidios e variables de ciclo económico. Un aumento na taxa de desemprego do 1% relaciónase cun aumento en 0,029 suicidios por cada 100.000 habitantes (0,032 se consideramos desemprego de moi longa duración).

Hai unha relación ‘moi significativa’ entre a evolución do PIB e os suicidios

Un aumento do 1% na taxa de crecemento do PIB xera unha redución de 0,08 suicidios por cada 100.000 habitantes.
Replicando a análise só para a poboación en idade de traballar, os valores obtidos son de 0,042 suicidios para a taxe de desemprego xeral; 0,027 para a taxa de desemprego de moi longo prazo e 0,1 para o crecemento do PIB per capita.

En 2013 pérdense por esta causa de morte un total de 38.038 anos potenciais de vida laboral. Axustando polas características do mercado de traballo español, isto tradúcese nunha perda de 566 millóns de euros.

Os investigadores da Universidade da Coruña consideran de importancia a perda do capital humano por esta causa de morte en época de crises económicas e ven a necesidade de contar con políticas sociais focalizadas nos grupos de persoas máis vulnerables (desempregados), así como programas de prevención do suicidio.

Outras implicacións para a política de saúde pasan pola adopción de medidas de soporte e monitorización para os profesionais sanitarios, no adestramento na identificación do problema nos seus estadios máis temperás (sobre todo en atención primaria); así como na implantación de políticas transversais e de investimento en servizos sociais para persoas en situacións vulnerables.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.