Estas son as trolas máis perigosas sobre saúde difundidas pola rede

Adoitamos atopar todos os días feixes de trolas nas nosas redes sociais e nalgúns medios de comunicación. Supostos riscos canceríxenos das barras de labios. Sandías explosivas que liberan compostos canceríxenos (!). Auga crúa ou alcalina para tratar o cancro. Paracetamol que contén o perigoso virus machupo, ou antigripais que provocan hemorraxias cerebrais. Presentadores da televisión pública española dando pábulo a teorías que relacionaban vacinas e autismo, ou a que ulir limóns era bo para previr o cancro. Para combater este tipo de actitudes, a Asociación de Investigadores en ESalud (AIES) puxo en marcha a campaña ‘Salud sin bulos‘ nas que pretenden contribuír, con información veraz e contrastada na rede, a acabar coa difusión de noticias falsas.

Unha das guías elaboradas para combater as trolas na rede.
Unha das guías elaboradas para combater as trolas na rede.

Moitas destas trolas son difundidas a través de cadeas de e-mail, Whatsapp, Twitter ou Facebook, dun xeito semellante ao tradicional ‘boca a boca‘, o que dificulta a súa erradicación. Grazas á colaboración de profesionais sanitarios, ornalistas, asociacións de pacientes e institucións, ‘Salud sin bulos’ pretende identificar e desmontar estes rumores a través de argumentos científicos e acción coordinada en redes sociais.

Publicidade

“Calquera pode subir un contido e difundilo sen que ninguén o controle”, explica á Axencia SINC Carlos Mateos, xornalista, coordinador do proxecto e vicepresidente de AIES. “Grazas á instantaneidade, internet é unha canle moi potente para a expansión de bulos e facilita unha propagación rápida, universal e descontrolada; é un mundo sen regras e hiperconectado”.

Algúns estudos recentes, como o realizado pola Asociación de Internautas, revelan que o 90% dos usuarios da internet afirman ler información falsa ou pouco fundamentada na rede. O informe detalla, ademais, que este tipo de datos falsos tratan principalmente temas relacionados coa saúde e a alimentación (32,5%). Segundo sinala Mateos, os bulos comezan a ser perigosos no momento en que alguén os toma por verdadeiros. Entre as consecuencias: persoas que seguen dietas prexudiciais ata pacientes que deixan o seu tratamento ou pais que non vacinan aos seus fillos.

“Temos un terreo propicio para estafadores e conspiranoicos”, denuncian os impulsores da campaña

“A forma de eliminar as trolas, en primeiro lugar, é identificalas e desmontalas con argumentos científicos. E, en segundo lugar, débese actuar de maneira coordinada en redes sociais”, explica Carlos Mateos. Engade que quen crea e difunde este tipo de trolas apela aos medos máis íntimos das persoas. “Por unha banda búscanse elementos con aparencia de veracidade, que distorsionan ao seu gusto e, por outra, datos difíciles de comprobar de maneira inmediata. A isto hai que engadir que no campo da saúde falta moita cultura científica. Temos un terreo propicio para estafadores e conspiranoicos que cren que a industria farmacéutica e da alimentación traballan a produción de enfermidades e que, en realidade, están detrás de moitos destas falsas noticias”.

A través da súa web, a iniciativa ‘Salud sin bulos’ busca erradicar as noticias falsas da internet e traballa para difundir unha información sanitaria de calidade. Ademais, os propios usuarios poden colaborar na sección ‘Denuncia un bulo!‘, alertando no caso de atopar algunha trola na rede. Así, un panel de expertos analizará a información para comprobar a veracidade da información.

Do mesmo xeito, na sección ‘Detrás do titular’ establécense varias pautas para comprobar a veracidade das informacións que se len na rede, baseándose nas recomendacións difundidas polo Servizo Británico de Saúde (NHS).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sen evidencia científica para a aromaterapia e o Tai Chi: esta é a nova lista de pseudociencias

O ministerio de Sanidade realizou novos informes para combater as pseudoterapias que sea basean en estudos de baixa calidade

Intelixencia artificial contra as fake news

Detrás das noticias falsas articúlanse, en moitas ocasións, estratexias para manipular a opinión pública e erosionar a estabilidade dos Estados e das súas institucións

Por que hai persoas que cren que as emocións provocan cancro?

A poboación acepta maioritariamente ideas pseudocientíficas. Comprender a filosofía da ciencia é a mellor vacina posible

Falsas expectativas no dentista e ‘fake news’: que esperar dun tratamento dental

Antes de calquera vinculación profesional, dentista e paciente deben ter claro ata que punto pode ser efectivo un determinado tratamento