A imaxe repítese a estas alturas do ano en numerosas estradas do país. Equipos de operarios cortan a vexetación que medrou durante a primavera nas gabias das estradas. En moitos casos, para aforrar unha nova rolda de limpeza, aplícanse herbicidas. E en bastantes ocasións, emprégase o glifosato, o herbicida máis utilizado no mundo, tamén usado na agricultura e no sector forestal. Estes días, o composto volve estar na axenda pública debido ao debate que mantén a Comisión Europea sobre a prórroga da autorización do seu uso, que expira a finais deste mes de xuño. Polo de agora, hai un bloqueo europeo.
No medio do debate, Adega vén de denunciar a utilización de “comboios fumigadores” por parte de ADIF para eliminar a vexetación nos marxes das vías férreas de Galicia. Un destes trens foi filmado esta semana ao seu paso por Teixeiro, no municipio coruñés de Curtis. Desde a asociación ecoloxista sinalan que este vehículo pode acadar os 70 quilómetros por hora e fumigar con glifosato ambas beiras da vía ata unha distancia de 30 metros.
Mentres, o debate en Europa segue marcado pola incerteza. O pasado luns votouse, por terceira vez no que vai de ano, a proposta para prorrogar a autorización deste herbicida. E por terceira vez, non houbo acordo. Unha mostra do receo que teñen algúns gobernos sobre a súa posible toxicidade. Greenpeace sinala como “moi revelador” que non se chegue a un acordo. De feito, a proposta de prórroga reduciuse desde os 15 anos iniciais ata os 18 meses dos que se falou o pasado luns, debido á dificultade de acadar un apoio suficiente. Aínda así, países como Alemaña, Francia ou Italia manteñen bloqueada esta prórroga coa súa abstención. Esta prolongación está condicionada, iso si, a que a Axencia Europea dos Produtos Químicos (ECHA), elabore un novo informe técnico sobre a carcinoxenicidade do glifosato.
Un informe apoiado pola OMS afirma que o glifosato é “probablemente canceríxeno”
As reticencias cara os herbicidas non son novidade nos organismos europeos. Unha directiva da UE emitida no 2009 recomendaba “a redución, na medida do posible, ou a eliminación” do uso de praguicidas en estradas, liñas de ferrocarril, superficies permeables ou infraestruturas próximas ás correntes de auga ou sumidoiros. E no pasado mes de abril, xa en pleno debate sobre a prórroga do glifosato, o Parlamento Europeo aprobou unha resolución non vinculante na que se pedía á Comisión que esa nova concesión se limitara ao “uso profesional”, evitando empregalo “dentro ou preto de parques públicos, zonas de xogo infantil e xardíns públicos”.
A chama de alerta sobre este herbicida prendeuse en marzo do 2015, cando a Organización Mundial da Saúde respaldaba un informe da súa Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC), no que se clasificaba ao glifosato como “probablemente canceríxeno“, dentro do grupo 2A. O informe citaba estudos realizados desde 2001 en Estados Unidos e Canadá. Estes traballos amosaron evidencias de cancro de pulmón e linfoma non-Hodgkin en persoas expostas ao glifosato en traballos de agricultura, así como de danos no ADN.
A resposta non se fixo esperar. O lobby do sector agrobiolóxico, encabezado por Monsanto, saiu ao paso deste informe presentando numerosos estudos nos que pretendía botar por terra as supostas propiedades tóxicas do glifosato. Non en van, o Roundup, un dos produtos máis vendidos por Monsanto, utiliza como principio activo este composto. Na súa web, a empresa sostén que a calificación do herbicida no grupo 2A sitúao nunha posición de risco similar á que poden ter as persoas que traballan en contacto con tinturas de cabelo ou alimentos fritidos. A propia OMS manifestou noutro informe publicado en maio deste mesmo ano que era “improbable” que o glifosfato fose canceríxeno, pero o estudo só se cinguía ás persoas que inxerían produtos tratados co herbicida, e non ao contacto directo. Monsanto ten tamén intereses no glifosato porque desenvolveu unha soia transxénica que é resistente a este herbicida, co que se pode empregar masivamente en cultivos. Tamén existe algodón e maíz resistentes. E se resulta prohibido estes productos de enxeñería xenética xa non terían o mesmo valor, porque o seu cultivo non daría esta vantaxe.
O certo é que a controversia está sementada. En Galicia, amais de Adega, numerosas entidades veñen reclamando nos últimos anos a restrición de fumigacións, sobre todo no referente aos espazos públicos. Algúns concellos, como Ponteareas, declaráronse como “libres de glifosato”, mentres que na Coruña empezouse a empregar vinagre nos xardíns públicos en substitución deste herbicida. Noutras rexións, como Castela e León, o Procurador del Común, o equivalente ao Valedor do Pobo, instou aos concellos a eliminar o uso do glifosato nas estradas.
O glifosato (N-fosfonometilglicina, C3H8NO5P) é un herbicida non selectivo de amplio espectro. É dicir, elimina herbas e arbustos, en especial os perennes, sen ningún tipo de discriminación. É absorbido polas follas e transmítese ao resto da planta. A súa aplicación mata aos vexetais debido a que inhibe unha enzima que é clave para a creación de aminoácidos necesarios para o desenvolvemento da planta.
Frenemos esta locura Frenemos el aumento de linfomas y leucemia infantil -juvenil
¿Pode confirmar ADEGA que o vídeo ao que fai referencia é unha fumigación e non, por exemplo, “hidrosemente” das marxes da vía? Gustaríame que mo aclarasen.
Hidrosemente sobre balasto?!!!
isto é unha noticia de ciencia? isto é un portal de ciencia serio? onde está a informaciión cientifica? faltanvos as fotos de ratos con tumores
Podes por tí os selfis
Estoves totalmente inaceptable