Stanley Prusiner: “Hai evidencias de que os prións poden causar o Parkinson”

Mark Twain, que naceu e morreu co cometa Halley, deixou dito que “cando te atopes no lado da maioría, é momento de parar e reflexionar”. Uns decenios despois da morte de Twain, unhas horas ao norte de Misuri, fogar de Twain, naceu en Des Moines (Iowa) Stanley Prusiner, un científico ao que lle caeron moitos paos por non estar do lado da maioría. Anos despois, a maioría reflexionou, e acabaron dándolle un premio Nobel.

Este mércores, Prusiner falou en Santiago, convidado polo Programa ConCiencia que dirixe Jorge Mira, no marco do congreso internacional Prion 2018, que reúne no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia a máis dun cento de expertos nestes axentes infecciosos que o científico estadounidense identificou no ano 82. Entre outros, participará Juan José Badiola, investigador da universidade de Zaragoza que se converteu nunha das figuras científicas de referencia en España durante a crise das vacas tolas, o nome común da Encefalopatía Esponxiforme Bovina (EEB), causada tamén por prións.

Publicidade

Jorge Mira, Stanley Prusiner, Martiño Noriega, Isabel Rodríguez Moldes e Jesús Requena. Imaxe: Santi Alvite - USC.
Jorge Mira, Stanley Prusiner, Martiño Noriega, Isabel Rodríguez Moldes e Jesús Requena. Imaxe: Santi Alvite – USC.

Contaba Jorge Mira ao presentar a Prusiner que hai uns meses falou con Jesús Requena, profesor da USC e presidente do comité organizador do congreso, sobre a posibilidade de traer a Prusiner a Santiago. E conseguírono. O investigador tomará parte estes días en varias sesións do congreso e a súa charla, aberta ao público xeral, encheu o auditorio do edificio.

A súa intervención, que abriu a xornada do congreso, levou por título Unha visión unificada da bioloxía e as enfermidades priónicas. Entre outros aspectos, o investigador estadounidense abordou as grandes posibilidades que as novas técnicas de análise e investigación poden achegar ao estudo dos prións. E entre elas pode estar, nada máis e nada menos, que a posible explicación da orixe do Parkinson ou o Alzheimer.

Publicidade

Na súa ponencia, Prusiner expuxo algunhas das investigacións que estudan esta posible relación. “Hai evidencias de que os prións poden causar o Parkinson”, e así o apuntou nalgúns artigos publicados nos últimos anos. E crese que tamén pode haber relación co Alzheimer. As achegas de Prusiner espertaron receo e sospeitas na comunidade científica. Pero non é a primeira vez que acontece, e agora xa teñen máis en conta o seu traballo.

O científico empezou a afondar nestas doenzas neurolóxicas ao tratar a unha paciente con Creutzfeld-Jakob

Con 30 anos, en 1972, cando realizaba unha residencia no departamento de Neuroloxía dunha universidade en California, Prusiner tratou a unha muller que estaba perdendo a memoria de xeito progresivo e tiña cada vez maiores dificultades para desenvolver as tarefas da vida cotiá. Parecía ser vítima dunha especie de “virus lento”. Era a enfermidade de Creutzfeld Jakob, unha doenza rara e mortal que destrúe o cerebro das persoas que a padecen.

O científico comezou a cavilar sobre a orixe daquela doenza, e xa quedou cativado para sempre por estes estudos. Despois de anos de traballo, compilou as súas investigacións nun artigo publicado en 1982, onde se mencionou por primeira vez o termo “prión”. Na súa biografía, o científico lembra que aquilo “desencadenou unha tormenta; os virólogos ficaron, en xeral, incrédulos, e algúns investigadores que estudaban enfermedades como Creutzfeld Jacob ou o escrapie estaban furiosos“. Chegou a ser considerado pouco menos ca un herexe, e os ataques foron despiadados.

Os prións, segundo os estudos de Prusiner, eran unhas proteínas que, por un determinado cambio nas súas estruturas, convertíanse en axentes infecciosos. A comunidade científica, en xeral, apuntaba que era imposible que non houbera dentro duns prións un ácido nucleico, o que botaría por terra o afirmado por Stanley Prusiner.

Os achados de Prusiner sobre os prións non foron ben acollidos ao principio por moitos científicos 

Aquelas críticas chegaron a afectar a Prusiner a nivel persoal. Conta que seguiu adiante grazas ao apoio da súa muller e as súas fillas. “Podo dicir que eu e Detlev Riesner (un dos seus colegas) buscamos con máis empeño ca ninguén os ácidos nucleicos nos prións”. Pero seguían sen aparecer. E ante a ausencia de evidencias contra o enunciado por Prusiner, as súas achegas foron gañando cada vez máis forza.

Houbo que agardar ata comezos dos anos 90 para que lle chegaran os recoñecementos polas súas achegas sobre os prións. Recibiu o premio Potamkin no 1991 e no 1994 foi recoñecido co premio Lasker, considerado un anticipo dos Nobel, pola gran cantidade de galardoados que acaban sendo premiados pola Academia sueca. Finalmente, en 1997, 15 anos despois daquel artigo sobre os prións, despois de que a EEB causara unha grave crise de saúde pública no Reino Unido, déronlle o Nobel de Medicina. Foi o primeiro en recibilo en solitario desde 1987.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución