O investigador do Departamento de Bioloxía Celular e do CIBUS da USC Antón Barreiro xunto co dos doutores Becker na Universidade de Edimburgo traballan no estudo da impresionante capacidade de rexeneración espontánea que mostran os peixes como o pez cebra tras una lesión medular. En concreto, demostraron o papel fundamental que xoga a serotonina nese proceso e que pode levar ao deseño de novos fármacos para o seu uso en pacientes.
A diferenza dos humanos e do resto de mamíferos, o peixe cebra adulto é capaz de recuperar a natación de forma natural poucas semanas despois de sufrir unha lesión medular completa, algo que no caso dos humanos provoca a perda irreversible da función locomotora e sensorial por baixo do lugar da lesión. Pero máis alá da estabilización dos pacientes e terapias de rehabilitación, de momento non existe unha terapia efectiva que promova a rexeneración e recuperación funcional. “A nosa idea de traballo –explica Antón Barreiro– é tentar descubrir qué vías moleculares se activan e interveñen no proceso de rexeneración tras unha lesión medular no peixe cebra”.
O peixe cebra é utilizado para experimentación e está considerado unha auténtica ‘cobaia de acuario‘ polo seu valor como estándar en investigación e porque reproduce algúns procesos moi similares aos dos humanos.
A prestixiosa revista Cell Reports publica os resultados desta investigación
Os investigadores demostraron recentemente –nun estudo que acaba de ser publicado na prestixiosa revista Cell Reports– que a serotonina, coñecida polo seu papel como neurotransmisor no sistema nervioso, promove tanto o desenvolvemento embrionario de motoneuronas espinais como a rexeneración destas tras unha lesión medular en adultos de peixe cebra. As motoneuronas son as neuronas da medula espinal que innervan a musculatura para controlar a súa contracción e relaxación. En humanos, enfermidades dexenerativas ou danos traumáticos medulares provocan a morte destas neuronas e por tanto a perda da capacidade de controlar a musculatura corporal.
“Estudos previos demostraron que no peixe cebra adulto se xeraban novas motoneuronas tras unha lesión medular, pero nunca en humanos adultos. Agora nós evidenciamos o importante papel da serotonina na proliferación das células nai que dan lugar a novas motoneuronas na medula espinal, o que dá pé a sentar as bases para o desenvolvemento futuro de terapias que promovan a produción ou supervivencia desas motoneuronas en humanos que sofren procesos dexenerativos ou que sufriron danos medulares traumáticos”, explica Barreiro.