Mércores 24 Abril 2024

Sanidade adianta a inmunización con AstraZeneca en maiores de 60 anos

As modificacións na estratexia de vacinación contra a Covid-19 arredor da administración de cada fármaco a un determinado grupo de idade están a xerar nas últimas semanas un escenario que pode sorprender fronte á lóxica da prioridade por idade. Desde o comezo da campaña priorizouse aos grupos de persoas máis lonxevas pola súa maior vulnerabilidade fronte á Covid-19, e ata agora, estes pasos cumpríronse. Porén, a administración da vacina de AstraZeneca e a Universidade de Oxford (Vaxzevria) ao grupo de 60 a 69 anos (e o período marcado de 12 semanas entre 1ª e 2ª dose) están a retrasar a inmunización deste colectivo fronte ao de 50-59, que avanza a maior velocidade pola inxección da fórmula de Janssen. Así, segundo os datos deste martes, case o 50% da poboación galega entre 50 e 59 anos completou a pauta marcada no grupo, fronte ao 34% do grupo 40-49.

Fronte a isto, e na liña que xa marcaran outras comunidades autónomas, como Madrid ou Cataluña, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou este mércores que as persoas maiores de 60 anos que recibiron nestes meses a primeira dose da Vaxzevria poderán ter a segunda cunha marxe de 11 semanas, fronte ás 12 previstas. O conselleiro expón que a medida permitirá acelerar a inmunización dun “primeiro grupo de 40.000 persoas” pola maior dispoñibilidade destas vacinas, o que supón un avance con máis do 10% da poboación deste grupo de idade, que suma en total algo menos de 350.000 persoas. A marxe sitúase dentro do acordado pola Comisión de Saúde Pública, que permite a administración das dúas doses da Vaxzevria con entre 10 e 12 semanas de diferenza.

Publicidade

A pauta da Vaxzevria xa se está a completar nestas semanas no caso doutro grupo prioritario de vacinación, os considerados como colectivos esenciais, o que acelerará a inmunización dunha importante parte da cidadanía. Neste caso, ampliárase o rango ata as 16 semanas á espera dos estudos realizados para abordar a posibilidade de poñer unha pauta heteróloga (dúas vacinas distintas) ás persoas que recibiran unha primeira dose da Vaxzevria, e que agora poden escoller entre esta e a de Pfizer-BioNTech para a segunda dose. No caso de Galicia, Sanidade tamén avanzou que probablemente a comezos de xuño comecen a citarse as persoas menores de 40 anos. Todos estes colectivos, xunto ás persoas 'repescadas' noutros grupos prioritarios que están a ser chamadas de novo, verán acelerada a súa inmunización nas vindeiras semanas, grazas ao crecente ritmo de chegada de novas doses.
Ata o momento administráronse en Galicia preto de 2,3 millóns de doses, e máis de 950.000 persoas teñen a pauta completa. Isto é, un 35% da poboación, o que supón a metade do obxectivo do 70% para acadar unha protección maioritaria da poboación. A maiores, preto de medio millón de persoas teñen unha das doses da vacina.

Situación actual

Na comparecencia deste mércores abordouse tamén a situación actual da pandemia. A incidencia acumulada segue por baixo dos 20 casos/100.000 habitantes a 7 días e algo por riba dos 40 a 14 días. Hai 42 persoas hospitalizadas por Covid-19 e outras 14 en coidados intensivos. Neste punto, García Comesaña advertiu da maior afectación en persoas máis novas, apuntando que actualmente hai na UCI persoas menores de 40 anos por mor do coronavirus. E fixo fincapé no descenso da porcentaxe de persoas que acoden á chamada da vacinación nas idades máis baixas, segundo se está constatando no grupo de 40 a 49 anos.

Sobre un novo paso no levantamento de restricións, a reunión do comité clínico celebrada este martes decidiu aprazar á semana que vén os novos protocolos en diversos sectores. Así, segundo a normativa vixente, tres concellos (Camariñas, Malpica de Bergantiños e Soutomaior) estarán no nivel medio de restricións, que reduce a capacidade máxima nos locais de hostalaría a un 30% no interior e 50% no exterior. O resto do territorio galego estará en nivel medio-baixo.

1 comentario

  1. si y que paso con la ” equivocacion ” de la vacuna del 6 de maio que metieron astra en ve de pfizer …. ninguna explicación …. ? ahora estarian todos vacunados quedo lesa gente en el aire los del día 7 ya tienen el ciclo completo….

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os pediatras aconsellan vacinar as embarazadas para evitar casos graves de tosferina

A inmunización das nais xestantes proporciona unha elevada protección aos bebés ata que reciben a súa primeira dose aos dous meses de idade

Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

As compañías Moderna e Merck xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a terapia, que podería estar lista en 2025

África González, ante a reaparición do sarampelo: “As familias deben vacinar os seus fillos”

España rexistra os seus primeiros casos trala pandemia e dende o 1 de xaneiro suma xa 15 contaxios

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"