Venres 29 Marzo 2024

Estes son os riscos metabólicos que orixina un ciclo menstrual irregular

A investigadora Ana Crujeiras explica a relación demostrada entre as hormonas sexuais e patoloxías como a diabetes tipo 2 ou o fígado graxo non alcólico

Un ciclo menstrual prolongado ou unha tendencia a ter ciclos irregulares poden levar a sufrir un maior risco de diabetes tipo 2 e enfermidades cardíacas. Recentemente, un estudo publicado no Journal of Clinical Endocrinology & Metabolism engade o fígado graxo non alcólico a esta lista de patoloxías.

Ana Crujeiras, investigadora do CIBEROBN no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), explica que, aínda que o mecanismo non está de todo claro, “o máis lóxico é pensar no efecto da desregulación hormonal. Os fallos no ciclo menstrual, tanto se son longos ou curtos ou irregulares, veñen mediados por unha desregulación no eixo gonadal, no que interveñen os estróxenos, os andróxenos e outras hormonas como a luteinizante ou a folículo estimulante. Hay evidencia en modelos animais de que estas hormonas tamén están implicadas no funcionamento do metabolismo, non só na reprodución“.

Publicidade

Así, a investigadora refire outro estudo publicado no 2001 no Journal of the American Medical Association, que estabelecía unha relación co risco de desenvolver diabetes tipo 2. Neste caso, os investigadores poñían de exemplo a síndrome de ovarios poliquísticos (SOP), unha condición caracterizada por menstruacións infrecuentes e exceso de andróxenos e á que tamén fai referencia Crujeiras: “As persoas con SOP adoitan ter asociada obesidade e enfermidades metabólicas e cardiovasculares“.

O papel do tecido adiposo

Aínda que a influencia das hormonas sexuais no funcionamento do organismo é evidente, esta relación entre metabolismo e ciclo menstrual tamén funciona no sentido oposto: “As persoas con obesidade teñen problemas de fertilidade e cambios nos ciclos menstruais. Agora mesmo estamos vendo que as nenas con obesidade teñen a menstruación moito antes do que está estabelecido, adiantando a idade da primeira regra“, explica Crujeiras. A investigadora tamén fai fincapé na evidencia existente do papel da obesidade na irregularidade dos ciclos menstruais.

Ana Crujeiras: “A función endócrina do tecido graxo é fundamental para o correcto funcionamento do organismo”

No seu grupo de investigación no IDIS, Crujeiras traballa precisamente no entendemento da función endócrina do tecido adiposo: “Este non é un mero almacén de graxa, senón que ten unha importante función endócrina”. Grazas á segregación de determinadas proteínas, algunhas delas aínda por descubrir, este tecido é fundamental para o correcto funcionamento do organismo, pero pode supoñer un risco cando existe obesidade.

“O que ocorre é que o tecido adiposo comeza a segregar substancias en grandes cantidades, polo que se produce unha desregulación do organismo. Esas proteínas a altas concentracións xogan un papel prexudicial, xerando un estado de inflamación e favorecendo o estrés oxidativo“, explica a investigadora. Por este motivo, a obesidade tamén está relacionada con enfermidades cardiovasculares, cancro e incluso a covid.

Importancia do estilo de vida

O fígado graxo, como o seu nome indica, é unha enfermidade crónica pola que se produce unha acumulación de graxa no fígado, podendo derivar nun dano hepático crónico. Nestes momentos non esixe medicación para tratar a patoloxía, polo que a alimentación saudábel e o exercicio son as únicas vías para atendela. Así, no estudo realizado, os investigadores recolleron datos de 72.092 mulleres menores de 40 anos, ás que realizaron un seguimento catro anos despois.

Por outra banda, a diabetes tipo 2 é unha patoloxía que ocasiona niveis elevados de glicosa no sangue, ao non poder introducila nas células a través da insulina. Para a súa investigación, este equipo estudou datos de 116.671 mulleres de entre 24 e 43 anos ás que realizaron un seguimento ao longo de 8 anos.

Os cambios no estilo de vida poden reducir o risco de enfermidades cardiometabólicas orixinado polos ciclos menstruais irregulares

Así, ambos estudos nas súas conclusións estabelecen que as mulleres novas con ciclos menstruais longos ou irregulares poden beneficiarse dos cambios no estilo de vida para reducir o risco de enfermidades cardiometabólicas, coincidindo tamén en que, a pesar da relación, a obesidade non é o único factor que explica o aumento do risco.

Para Crujeiras, estas conclusións “evidencian unha vez máis a necesidade de prestar atención ao estilo de vida dos pacientes, máis alá do exceso de peso cando este xa está estabelecido. En mulleres con ciclos menstruais irregulares, un bo estilo de vida cunha alimentación saudable e exercicio físico previrían os efectos de posibles enfermidades metabólicas no futuro“.


Referencias:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Un equipo da USC acha unha nova diana terapéutica contra a principal causa de transplante de fígado

O descubrimento, publicado na revista 'Cell Reports Medicine', resulta esencial para abordar a fibrose hepática, unha patoloxía para a que non existe tratamento

África González: "Estamos moi cerca da cura de doenzas autoinmunes"

Os científicos ven posibles as terapias que restauren a tolerancia inmune en enfermidades como diabetes ou lupus

É o alzhéimer un novo tipo de diabetes?

Trátase dunha hipótese aínda non confirmada, pero algúns sinais suxiren que podería existir un vínculo entre estas dúas enfermidades