Venres 29 Marzo 2024

A razón que podería explicar por que os homes morren máis pola Covid-19

Un estudo vincula a maior concentración do encima ACE2 nos homes, que axuda ao SARS-CoV-2 a infectar ás celulas, cunha maior severidade

Desde o comezo da crise do coronavirus, os profesionais médicos están constatando que a meirande parte dos casos máis graves da Covid-19 eran de homes. Os últimos datos para España (en Galicia non se dispón deles) indican que arredor do 70% dos ingresos en UCI e o 57% das mortes (a pesar de que as mulleres representan unha porcentaxe maior das infeccións, co 56%) son de sexo masculino. Un estudo a gran escala, que analizou máis de 3.500 pacientes con problemas cardíacos, e que foi publicado esta semana no European Heart Journal, podería explicar as causas destas diferenzas por sexo. As conclusións do traballo amosan que as concentracións máis altas do encima ACE2 (angiotensin converting enzyme 2) no sangue dos homes podería explicalo. Tal e como detalla no seu portal web a Sociedade Europea de Cardioloxía, dado que ACE2 permite que o coronavirus infecte as células sas, ao facilitar a entrada na membrana celular, “isto pode axudar a explicar por que os homes son máis vulnerables cás mulleres”.

O doutor Adriaan Voors, profesor de cardioloxía no centro médico da Universidade de Groningen (Países Baixos), e líder do estudo, explica no portal da institución que “ACE2 é un receptor na superficie das células que se une ao SARS-CoV-2 e permítelle ingresar e infectar células sas despois de ser modificado por outra proteína na superficie celular, chamada TMPRSS2”. Engade Voors que os altos niveis de ACE2 nos pulmóns poderían xogar un papel clave  nas infeccións destes órganos, implicados nunha maior gravidade da Covid-19.

Publicidade

O equipo dirixido por Voors, que xa se dedicaba antes da pandemia a estudar as diferenzas entre homes e mulleres respecto a marcadores que poden influír no desenvolvemento dalgunhas doenzas, comezou a sacar conclusións pouco despois de que comezara o brote. Outro dos autores da investigación, Iziah Sama, explica que “cando descubrimos que un dos biomarcadores máis fortes, ACE2, era moito máis alto en homes que en mulleres, caímos na conta de que isto tiña forza para explicar por que os homes tiñan maior probabilidade de morrer pola Covid-19“.

Para isto, os investigadores mediron as concentracións do devandito encima en mostras de sangue tomadas a dous grupos de pacientes con insuficiencia cardíaca de 11 países europeos (Países Baixos, Reino Unido, Alemaña, Francia, Grecia, Eslovenia, Serbia, Italia, Noruega, Polonia e Suecia).

Limitacións

Con todo, os investigadores advirten de que o seu estudo ten certas limitacións, como o feito de que a investigación está realizada a partir de persoas con patoloxías cardiovasculares previas. Ademais, os pacientes obxecto de estudo non estaban infectados pola Covid-19, o que impide establecer un vínculo directo entre o curso da Covid-19 en pacientes cunha baixa concentración no plasma sanguíneo de ACE2 fronte aos que teñen unha concentración alta, así como outros factores.

A ACE2

O encima ACE2 vense manifestando desde o comezo da crise como unha das claves para revelar a virulencia do virus en determinadas persoas que sofren os cadros máis graves da doenza. Tal e como explica a Sociedade Europea de Cardioloxía, este composto está nos pulmóns, pero tamén no corazón, os riles e os tecidos que cobren os vasos sanguíneos, polo que pode gardar relación cunha maior gravidade da Covid-19 en pacientes con patoloxías deste tipo. Ademais, existe unha importante presenza do encima nos testículos, o que podería (aínda que non está confirmado) explicar a maior vulnerabilidade no sexo masculino.


Referencia: Plasma angiotensin-converting enzyme 2: novel biomarker in heart failure with implications for COVID-19 (Publicado en European Heart Journal).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopada en ratos a primeira diana terapéutica contra a hipertensión pulmonar

Investigadores españois dan o primeiro paso para salvar a función cardíaca en pacientes con esta rara pero letal enfermidade

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais