Venres 1 Decembro 2023

Que sabe vostede do Anisakis?

O proxecto Parasite, que implica 21 socios europeos e se coordina dende Galicia polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), está a solicitar información, a través dunha enquisa dirixida aos consumidores maiores de idade, sobre o coñecemento que teñen acerca do Anisakis, parasito responsable de reaccións alérxicas de tipo alimentario en España, e a súa reacción ante determinados supostos de compra de produtos pesqueiros potencialmente afectados por este parasito.
A enquisa estase a realizar en catro dos trece países que participan no proxecto: España, Croacia, Dinamarca e Reino Unido. O obxectivo é determinar cal é o grao de exposición ao risco de infección que afrontan os enquisados en función dos seus hábitos de consumo de peixe e a súa percepción sobre este, así como analizar a súa disposición a pagar máis por produtos libres de Anisakis.
[box size=”large”]600 persoas participaron dende xaneiro no proxecto, a metade en Galicia[/box]
En España, o Centro Tecnológico del Mar (Cetmar), coordina a consulta que dende xaneiro está dispoñible en internet e manterase activa durante os próximos meses. Polo momento participaron 600 persoas, das que 322 son de Galicia ou viven nesa comunidade autónoma.
Os resultados que se obteñan serán analizados pola Universidade de Aberdeen e pasarán a formar parte do informe final do proxecto Parasite.
A enquisa, que é a mesma para os catro países e totalmente anónima, consta dunha batería de preguntas acerca da frecuencia e modo de consumo do peixe, coñecemento sobre o Anisakis, reacción ante determinados supostos de compra de produtos de pesca e prezo máximo que o enquisado estaría disposto a pagar por un produto libre deste parasito.
[box size=”large”]As preguntas inclúen o prezo que se chegaría a pagar polo produto libre do parasito[/box]
O proxecto, multidisciplinar, céntrase na incidencia, os efectos e o control dos parasitos nos produtos da pesca. O obxectivo é aumentar a calidade e seguridade destes a través do desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas e ferramentas de xestión.
Está financiado polo VII Programa Marco da Unión Europea con catro millóns de euros. Coordínao o CSIC a través do Grupo Ecobiomar do Instituto de Investigaciones Marinas (IIM) de Vigo e participan 21 socios de Europa e Asia, entre estes, un total de cinco organizacións españolas, ademais do CSIC. Comezou en 2013 e concluirá en 2016.
“O Anisakis é un dos parasitos aos que máis atención se presta neste proxecto. É un problema de saúde emerxente a nivel mundial e a maior causa subxacente de reaccións alérxicas de tipo alimentario en España. Para minimizar os riscos de consumir produtos de pesca con Anisakis recoméndase conxelar ou cociñar correctamente o peixe”, explican Santiago Pascual e Anxo F. González, científicos do IIM.
[box size=”large”]Unha empresa de Vigo detecta a cantidade de Anisakis en dous segundos[/box]
Polo momento, entre os logros do proxecto figura, por unha parte, a posta en marcha en setembro de 2013 en Vigo, concretamente nos laboratorios do IIM, do primeiro biobanco mundial de mostras de parasitos mariños, infraestrutura posta en marcha polo CSIC xunto con Comercial Hospitalaria Grupo 3 SL. Por outra parte, o desenvolvemento dun sistema que detecta de xeito inmediato a cantidade de Anisakis que ten un filete de peixe. Este sistema, desenvolvido pola empresa Marexi Marine Technology, con sede en Vigo, tarda dous segundos en determinar a cantidade deste parasito, cando os laboratorios especializados o fan nun día con análise de ADN.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo identifica na ría de Vigo patóxenos cun impacto “crucial” para a acuicultura e a biodiversidade mariña

Os investigadores atoparon bacterias, organismos eucariotas, especies invasoras e os cambios estacionais de abundancia

Dimite o director de Investigacións Mariñas: “A prioridade era a nova sede. Agora é momento de volver á investigación”

Francisco Saborido dá un paso atrás para centrarse na coordinación do Programa Ciencias Mariñas de Galicia

Un equipo deseña un antiinflamatorio substituto dos corticoides

O composto, creado por un grupo liderado polo CSIC e a Universidade Politénica de Valencia, ten menos afectos adversos e toxicidade

Un compromiso coa comunicación científica de calidade

A delegada institucional do CSIC en Galicia, Carmen González Sotelo, destaca o traballo de Gciencia durante os seus primeiros dez anos