Venres 29 Marzo 2024

A nova vacina contra a tuberculose nace no Porriño

bandera-galicia Español bandera-uk English

 
Máis efectiva que a veterana BCG –ou o que é o mesmo, o bacilo Calmette-Guérin que nos anos 20 do século XX o Instituto Pasteur converteu na primeira vacina contra a tuberculose administrada como remedio masivo – e con pais no Porriño e Zaragoza. Niso aspira a converterse a MTVBAC, nome da vacina experimental contra o Mycobacterium tuberculosis, a bacteria máis frecuente da tuberculose pulmonar. No seu futuro terá moito que ver unha biofarmacéutica galega, Biofabri. Até hoxe a doenza infecciosa demostrou unha resistencia nos adultos do 50% fronte ao preparado existente dende hai case un século.

Biofrabi, biofarmacéutica do Porriño, participa e financia a investigación da MTVBAC
Biofrabi, biofarmacéutica do Porriño, participa e financia a investigación da MTVBAC

Os problemas para protexer da tuberculose á poboación adulta poderían reducirse moi considerablemente nuns poucos anos. A biofarmacéutica porriñesa Biofabri, filial de CZ Veterinaria –herdeira á súa vez, de Zeltia- copatrocina en Sudáfrica xunto á Iniciativa Europea contra a Tuberculose (TBVI) os ensaios clínicos da MTVBAC en nenos acabados de nacer. O composto aspira a converterse na nova vacina contra a enfermidade e Biofabri será, se os ensaios clínicos marchan por bo camino, a responsable da súa distribución industrial no mundo.
Polo momento, os ensaios clínicos en fase IB realízanse dende mediados de mes en Sudáfrica. É un dos proxectos máis ambiciosos de Biofabri e unha investigación de relevancia mundial. Centrada dende o seu nacemento en 2008 como filial de CZ Veterinaria dedicada á fabricación de medicamentos humanos, a firma é parte dun grupo 100% español, C&B Group. Dende 2009 a firma ocupa unha planta en Torneiros (O Porriño), na que traballan actualmente 150 persoas.

Os ensaios clínicos comezaron a mediados de setembro en Sudáfrica

Dirixen e cofinancian o estudo clínico en bebés a South African Tuberculosis Vaccine Initiative (SATVI) -o encargado é Michele Tameris, o seu investigador principal- e máis a Iniciativa Europea contra a Tuberculose (TBVI). As diferentes fases da investigación contaron co apoio da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (Fecyt) a través do programa Innocash. A Iniciativa Europea contra a Tuberculose é unha organización sen ánimo de lucro que apoia a elaboración da nova vacina no campo do I+D aos seus socios, procedentes tanto do mundo académico como de institutos de investigación e iniciativa privada.
“De concluír con éxito, a MTBVAC será a primeira vacina que se desenvolva por completo en España”, apunta Esteban Rodríguez, CEO de Biofabri, que até finais de 2013 se fixo tamén cargo da anterior fase do estudo clínico, desta vez realizado nun grupo 36 adultos no complexo hospitalario da Universidade de Vaudois, en Lausana, Suíza. As primeiras probas en humanos da futura vacina foron un fito mundial: foron as primeiras dun composto elaborado pola Universidade de Zaragoza a partir bacterias de orixe humano logo de máis de 90 anos da existencia da BCG. Neste punto radica precisamente unha das grandes diferenzas desta nova cobertura fronte á anterior, composta por bacterias atenuadas –é dicir, sen capacidade para infectar ao receptor pero si de provocar unha resposta inmune- da tuberculose dos bovinos.

Patógenos causantes de la tuberculosis.
Patóxenos causantes da tuberculose.

A MTVBAC, pola contra, elaborouse a partir dunha cepa humana, deseñada polo Grupo de Genética de Micobacterias da Universidade de Zaragoza, pertencente ao CIBER de Enfermidades Respiratorias (CIBERES) e liderado polo doutor Carlos Martín en colaboración coa doutora Brigitte Gicquel, do Instituto Pasteur de París. “A actual vacina BCG protexe contra diferentes formas de tuberculose en nenos, pero os seus resultados en tuberculose pulmonar de adultos son moi variables, de entre 0 a 80%. A MTBVAC é unha vacina que busca activar o sistema inmune para que sexa capaz de recoñecer o axente infeccioso e protexa a longo prazo fronte a variedade máis frecuente da enfermidade, a respiratoria”, explican voceiros de Biofabri. O desenvolvemento dunha vacina que garanta unha protección maior é unha prioridade na loita contra esta doenza que segue causando estragos en boa parte de África e Asia. Cada vez son máis frecuentes as tuberculoses multirresistentes que obrigan a buscar unha prevención máis certeira.

Publicidade

Fronte á vacina BCG, a MTVBAC elaborouse a partir dunha cepa humana da enfermidade

A tuberculose é unha das doenzas máis letais do mundo e golpea especialmente aos países menos desenvolvidos. Segundo datos da Organización Mundial da Saúde é a segunda causa de morte no planeta causada por un axente infeccioso, logo do VIH. Máis de 1,5 millóns de persoas morren cada ano vítimas da tuberculose e uns nove millóns son infectadas. O risco é maior en cativos e adultos inmunodeprimidos.
Pero a vacina contra a tuberculose non é a única que Biofabri ten entre mans. A filial de CZ Veterinaria, especializada xustamente na elaboración e venda destes compostos, traballa dende hai anos nunha vacina contra a cistite recorrente, aínda que esta investigación está aínda nunha fase menos avanzada. A investigación, na que participan tamén a viguesa Nanolmmunotech e a compostelá Advancell, está apoiada pola Axencia Galega de Innovación (GAI) a través do programa Interconecta.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A vacina contra a tuberculose que se ensaia en Galicia recibe apoio financeiro para probarse en África

Un estudo avaliará a seguridade e a eficacia do tratamento, que ten potencial para xerar unha mellor resposta inmune que a terapia actual

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro

Do útero á tumba: como o ambiente no que vivimos inflúe na nosa saúde

Un equipo de investigadores europeos estudan a relación entre a contorna e a enfermidade para evitar doenzas no futuro

O galego Alberto García-Basteiro recibe 2,5 millóns do prestixioso programa Starting Grant

O investigador do Hospital Clínic de Barcelona estudará o papel da tuberculose asintomática na transmisión da enfermidade