Xoves 23 Maio 2024

Cando a momia vai ó médico

A momia e o esqueleto van ó médico. O, máis exactamente, é o médico quen lles pasa consulta. Porque a Paleopatoloxía é unha disciplina que permite diagnosticar o antigo estado de saúde a través dos restos mortais dun humano. O xeito como se alimentaba, as doenzas que sufría, o seu modo de desprazarse… nos ósos e nos tecidos xa mortos están as respostas ao modo de vida de comunidades antigas. O que se ten convertido nunha forte ferramenta en Arqueoloxía.

Cartel de Palodiet meets Paleopathology.
Cartel de Palodiet meets Paleopathology.

Coñecer desde unha nova perspectiva as trazas que a alimentación, as enfermidades ou a mobilidade deixan nos corpos humanos é o obxectivo da xornada ‘Paleodiet meets Paleopathology’ (A paleodieta atópase coa paleopatoloxía), que se celebrará na Universidade de Santiago entre o 15 e o 16 de outubro e que reunirá na cidade a máis de oitenta especialistas e investigadores de Europa e América, entre eles destacados expertos das universidades de Cambridge, Bradford, Leiden, Copenhague ou Estocolmo. O rexistro no congreso está aberto ata o 27 de setembro e é de balde.
Segundo os organizadores, o simposio procura establecer pontes entre disciplinas científicas tradicionalmente separadas entre si. A química dos ósos pode reconstruir a dieta dos nosos antergos. E as doenzas deixan marcas nos esqueletos. E poden revelar enfermidades como a tuberculose ou a obesidade, asi como a detección de periodos prolongados de fame.

Doenzas como a tuberculose deixan marcas nos esqueletos

O obxectivo é explorar as sinerxias entre a dieta e as enfermidades, pero tamén entender outras circunstancias de antigas poboacións humanas, como a alimentación de homes e mulleres, a propagación das doenzas infecciosas ou as migracións.
A través do desenvolvemento de técnicas como a análise de isótopos estables ou o ADN antigo hoxendía é posible reconstruír datos clave da dieta e as mobilidade dos individuos. Pero o encontro ‘Paleodiet meets Paleopathology’ vai reunir especialistas diversos, dende a arqueoloxía, á bioloxia ou á antropoloxía física.
O encontro está organizado pola Rede Consiliencia, que agrupa a grupos de investigación das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña nos ámbitos da Arqueoloxía, Historia, Ciencias Sociais, Antropoloxía Física, Ciencias da Terra e Tecnoloxías da Información e Comunicación. A rede está financiada pola Xunta de Galicia (R2014/001). As coordinadoras do evento son as doutoras Olalla López-Costas (USC), Gundula Müldner (Universidade de Reading) e Aurora Grandal D´anglade (UDC).

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como afectou a contaminación por metais á xente do medievo? Así o investigará unha galega

Un proxecto liderado pola investigadora da USC Olalla López Costas acaba de ser distinguido cunha axuda ERC de dous millóns de euros

Catro investigadores galegos acadan 40.000 euros da Fundación BBVA

Diana Guallar, Olalla López Costas, Félix Freire e David Vilares poderán desenvolver durante os vindeiros meses os seus respectivos proxectos

Atopan altos niveis de chumbo e mercurio en ósos da necrópole da Lanzada

Unha investigación de científicos da USC constata a contaminación xerada pola minaría romana mediante a análise de varios esqueletos

Raposos domesticados na Idade de Bronce

Un estudo no que participa a investigadora galega Aurora Grandal atopa restos destes animais en tumbas humanas; un indicio da súa domesticación