Xoves 25 Abril 2024

O Living Lab de Ourense, pioneiro dunha rede galega que testará terapias innovadoras

Seis empresas asinan co Sergas os contratos para iniciar os seus proxectos de vangarda no Complexo Hospitalario Universitario

A sinatura esta semana dos convenios de colaboración entre o Sergas e seis entidades galegas empresariais e de investigación marca a posta en marcha dun ambicioso proxecto no Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO) para testar tratamentos e técnicas terapéuticas innovadoras en pacientes da área sanitaria. O Living Lab de Ourense so representa o inicio dun plan máis amplo que aposta pola creación da rede de Living Labs de Saúde de Galicia (LabSaude) nas sete áreas sanitarias galegas.

Instalacións do Living Lab do CHUO. Foto: Acis

O director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de Acis (Axencia de Coñecemento en Saúde), José María Romero, explica que este proxecto está orientado cara ao deseño do hospital do futuro. “Trátase de que no Living Lab poidan testarse nos pacientes as solucións innovadoras que van a permitir mellorar a súa atención e saúde. Ourense é a primeira área sanitaria en contar cunha infraestrutura destas características pero o obxectivo é estender o modelo de Living Lab ás outras áreas e implicar tamén no proxecto a profesionais, pacientes e empresas”, sinala Romero.

Publicidade

No convenio que se asinou esta semana, un total de seis entidades comprométense á posta en marcha destas solucións innovadoras para aplicar nas instalacións do CHUO. Custom Implants traballará na fabricación de implantes a medida mediante impresión 3D. Psico VR desenvolverá un proxecto de realidade virtual para rehabilitación de pacientes con dano cerebral. O equipo de rehabilitación Axón utilizara unha sala de estimulación multisensorial para aplicar terapias en pacientes maiores.

Pola súa banda,  Lincbiotech desenvolve un proxecto de procesado de imaxe neurolóxica para diagnosticar ictus e alzheimer. Qubiotech identificará biomarcadores na imaxe diagnóstica para detectar dun xeito precoz enfermidades neurodexenerativas. Finalmente, Plexus vai deseñar un asistente virtual que facilite a independencia e o envellecemento activo de pacientes con enfermidades neurodexenerativas.

Como se pode apreciar, hai una gran diversidade nas patoloxías e tipos de pacientes que poderán ser obxecto destas novas terapias e tratamentos e, ademais, serán tamén moi diversos os perfís dos profesionais que terán que implicarse nos distintos proxectos. “O importante deste proxecto non son os espazos senón a colaboración entre empresas, profesionais e pacientes para poder ofrecer solucións innovadoras no noso sistema de saúde”, conclúe Romero.

Pola súa banda, o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Félix Rubial, destaca a importancia de que o proxecto se inicie en Ourense e apunta que o Living Lab vai a contribuír a mellorar a vida das persoas e agardan poder obter resultados o máis cedo posible. “Poñeremos todos os nosos recursos e profesionais ao servizo deste proxecto para testar novas técnicas e produtos e ver o que poderán aportar para a mellora da vida das persoas na nosa área sanitaria e noutros puntos de Galicia”, indica Rubial.

O xerente considera que a innovación é unha “panca poderosa” que vai a afectar non so á tecnoloxía a empregar senón tamén á propia organización sanitaria. “En Ourense temos un perfil de paciente moi definido, lonxevo e maior de 65 anos, que probablemente vaise reproducir en España e Europa nun prazo de 25 anos. O que se vai testar aquí vai ter repercusións en Galicia e noutros territorios”, apunta Rubial.

No Living Lab do CHUO vanse probar terapias e tratamentos que poderán aplicarse en pacientes de toda a comunidade autónoma e mesmo doutros puntos de España

O CHUO contará a partires de agora cunha contorna para a creación de solucións innovadoras dentro do propio hospital, o que permitirá achegar a innovación sanitaria ás demandas dos usuarios. Durante o acto de sinatura dos convenios coas empresas, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que estes proxectos permitirán maximizar os beneficios clínicos para os pacientes. “Todas elas van a ter unha oportunidade e tamén unha responsabilidade para desenvolver as solucións innovadoras en contacto co persoal clínico, cos pacientes e coas súas familias”, concluíu.

Galicia, protagonista da innovación sanitaria

O sistema sanitario público galego conta xa cunha ampla traxectoria no eido da innovación. Así, iniciativas semellantes ao novo Living Lab de Ourense xa foron obxecto de recoñecemento a nivel nacional e comunitario.

Proximamente, a Consellería de Sanidade recollerá o Premio da revista New Medical Economics co que se distingue a Galicia como a Comunidade coa actividade sanitaria máis innovadora. Ademais, recentemente vén de ser nomeada finalista dos Premios europeos de Adquisicións en innovacións.

Estes recoñecementos engádense ao recibido no ano 2019 por parte da Comisión Europea, na que se acreditaba a Galicia como rexión de referencia no desenvolvemento de prácticas innovadoras para o envellecemento activo ou o Premio Nacional de Innovación no ano 2013.

Así, a traxectoria do sistema sanitario público galego posibilita que o CSIC escollese a Galicia este ano para ser a primeira comunidade autónoma en unirse a un proxecto Living Lab de compra pública a nivel nacional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas

A estratexia de oncoloxía de precisión do Sergas personalizará terapias en 2024

A utilización da análise xenética e a fabricación de medicamentos CAR-T serán algunhas das ferramentas para avanzar neste terreo

O Sergas desenvolve un sistema de formación para profesionais que funciona como Netflix

A Plataforma Share xa está a funcionar en modo piloto, aspira a ordenar e clasificar o coñecemento sanitario e recomendar cursos á carta

O Sergas aposta por un plan de innovación para mudar o paradigma da atención sanitaria

O proxecto aplica a medicina 5P baseada no desenvolvemento de novas terapias e medicamentos para unha atención personalizada