Sábado 20 Abril 2024

O estourido da pandemia na India leva á Covid-19 ao pico de casos diarios no mundo

O segundo país máis poboado do planeta acumula case a metade dos novos positivos diarios, con 350.000 nun só día, e sofre colapso nos hospitais

“A situación na India rompe o corazón”, lamentou este luns o director xeral da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhanom Ghebreyesus. Con case 1.400 millóns de habitantes, o segundo país máis poboado do mundo tiña este luns, de acordo á información do Ministerio de Sanidad español, unha incidencia acumulada a 14 días de 266 casos por cada 100.000 habitantes, por riba da rexistrada en España. Coa confirmación de case 3.000 mortes e 349.691 positivos nun só día (e cunha moi probable infranotificación), o estourido da que é a segunda onda na India representa arredor da metade das infeccións actuais que se están a producir no planeta. E ademais, a gran cantidade de contaxios induciu a aparición dunha nova variante de interese, pertencente á liñaxe B.1617, e que Sanidad xa incluía este luns no seu informe semanal.

Que está a acontecer na India?

Mentres que os países máis ricos están a avanzar cada vez a máis velocidade na vacinación da poboación e levantan, paseniño, as restricións vixentes no último ano, as rexións do planeta que non puideron adquirir as doses suficientes no desigual reparto que se está a facer teñen que afrontar un novo embate do SARS-CoV-2. Ata agora, a India, mantivo uns niveis relativamente baixos de infeccións e falecementos, pero algo aconteceu nas últimas semanas que fixo estourar a pandemia, tal e como amosa este gráfico de Our World in Data, portal de datos da Universidade de Oxford.

Publicidade

Nunha análise publicada na web da alianza GAVI, alúdese á conxunción de “varios factores” para explica o estourido. Un dos motivos sería a variante B.1617, que rexistra unha “dobre mutación” que incrementa a capacidade de transmisión do SARS-CoV-2, xa que axuda a que a proteína S do coronavirus a entrar nas células de forma máis efectiva. E ademais, podería ter implicacións na resposta inmunitaria fronte á infección.

Con todo, e tal e como aconteceu noutros países afectados polo rápido aumento da transmisión a finais de 2020 e comezos de 2021, é probable que neste cumio da pandemia tamén influíse o relaxamento das restricións. “India pasou de súpeto a un confinamento estrito, o que provocou que moita xente de vilas e aldeas quedase bloqueada nas cidades, con grandes multitudes acudindo a reunións políticas, celebracións relixiosas, casamentos ou funerais”, explican en GAVI.

A magnitude do subcontinente conleva, por tanto, a que o colapso hospitalario acade maiores proporcións. A emerxencia provocou xa unha resposta internacional, con países como Reino Unido, Francia ou Estados Unidos enviando equipamento médico, principalmente ventiladores, botellas de osíxeno e materiais para construír hospitais de campaña. As crónicas falan de pacientes falecendo nas portas dos hospitais pola falta de respiración asistida, e as imaxes amosan impactantes crematorios ao aire libre, colapsados pola constante chegada de vítimas. A situación é especialmente preocupante na capital Nova Delhi, en cuxa área metropolitana viven máis de 25 millóns de persoas.

Fronte ao colapso, a vacinación avanza a un ritmo lento pola escasa dispoñibilidade de vacinas. Inxectouse xa a primeira dose a máis de 100 millóns de persoas, pero iso supón aínda menos do 10% da poboación hindú. A velocidade é máis lenta ca noutras rexións do planeta, a pesar de que a India está considerada como o ‘laboratorio do mundo‘ pola fabricación a gran escala de fármacos. Tal e como salientaba recentemente un artigo en The Conversation, o goberno exportou máis vacinas das que administrou aos seus propios cidadáns.

1 comentario

  1. Un aviso, a poboación hindú é a que practica o hinduismo, non necesariamente son indios é non todos os indios son hinduistas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

As compañías Moderna e Merck xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a terapia, que podería estar lista en 2025

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia