O 75% dos pacientes de Covid aínda ten síntomas 6 meses despois

A perda de olfacto e gusto relaciounouse coa Covid-19 despois das primeiras etapas da crise.
A perda de olfacto e gusto relaciounouse coa Covid-19 despois das primeiras etapas da crise.

O coronavirus SARS-CoV-2 deixa secuelas duradeiras nos pacientes que infecta, de xeito que tres de cada catro aínda teñen síntomas cando pasaron seis meses da súa infección. Así o asegura un novo estudo publicado esta fin de semana na prestixiosa revista médica The Lancet.

Máis de tres cuartas partes das persoas hospitalizadas con Covid-19 aínda sufrían polo menos un síntoma despois de seis meses. Este traballo científico amosa a necesidade de realizar máis investigacións sobre os efectos persistentes do coronavirus.

A investigación involucrou a centos de pacientes na cidade chinesa de Wuhan. É unha das poucas que ten rastrexado os síntomas a longo prazo da infección por Covid-19. E atopou que a fatiga ou a debilidade muscular eran os síntomas máis comúns, mentres que as persoas tamén informaron ter dificultades para durmir.

“Por mor de que Covid-19 é unha enfermidade tan nova, apenas estamos a comezar a comprender algúns dos seus efectos a longo prazo sobre a saúde dos pacientes”, dixo o autor principal Bin Cao, do Centro Nacional de Medicina Respiratoria. O profesor dixo que a investigación destacou a necesidade de atención continua para os pacientes despois de que foran dados de alta do hospital, en particular aqueles que tiveron infeccións graves.

“O noso traballo tamén salienta a importancia de realizar estudos de seguimento máis prolongados en poboacións máis grandes para comprender o espectro completo de efectos que a Covid-19 pode ter nas persoas”, agregou.

A OMS recoñece que o virus é un risco para algunhas persoas por efectos graves continuos

A Organización Mundial da Saúde dixo que o virus representa un risco para algunhas persoas de efectos graves continuos, mesmo entre mozos e mozas, polo demais sas, que non foron hospitalizadas.

O novo estudo incluíu a 1.733 pacientes con Covid-19 dados de alta do Hospital Jinyintan en Wuhan entre xaneiro e maio do ano pasado. Os pacientes, que tiñan unha idade media de 57 anos, foron visitados entre xuño e setembro e responderon preguntas sobre os seus síntomas e calidade de vida relacionada coa saúde. Os investigadores tamén realizaron exames físicos e probas de laboratorio.

O estudo atopou que o 76 por cento dos pacientes que participaron no seguimento (1.265 de 1.655) dixeron que aínda tiñan síntomas. O 63 por cento informou fatiga ou debilidade muscular, mentres que o 26 por cento tiña problemas para durmir. O estudo tamén examinou a 94 pacientes cuxos niveis de anticorpos en sangue se rexistaron no punto álxido da infección como parte doutro ensaio. Cando estes pacientes foron reexaminados despois de seis meses, os seus niveis de anticorpos neutralizantes foron un 52,5 por cento máis baixos.

Os autores dixeron que isto xera preocupacións sobre a posibilidade de reinfección por COVID-19, aínda que dixeron que se necesitarían mostras máis grandes para aclarar como cambia a inmunidade ao virus co tempo.

Nun artigo de comentario tamén publicado en The Lancet , Monica Cortinovis, Norberto Perico e Giuseppe Remuzzi, do Istituto dei Ricerche Farmacologiche Mario Negri IRCCS de Italia, dixeron que había incerteza sobre as consecuencias para a saúde a longo prazo da pandemia. “Desafortunadamente, hai poucos informes sobre o cadro clínico das secuelas da Covid-19”, dixeron, e agregaron que o último estudo foi, por tanto, “relevante e oportuno”.

Estes científicos italiano engaden que a investigación multidisciplinaria a máis longo prazo que se está a levar a cabo en Estados Unidos e Gran Bretaña axudaría a mellorar a comprensión e axudaría a desenvolver terapias para “mitigar as consecuencias a longo prazo da Covid-19 en múltiples órganos e tecidos”.

Aquí podes consultar o artigo científico publicado en The Lancet

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.