Xa podes notificar o teu positivo a través de Radar Covid desde Galicia

A aplicación para o seguimento de contactos de persoas infectadas polo SARS-CoV-2 completa o seu funcionamento, pendente da total implantación en galego

Desde este mércores, segundo confirma a Consellería de Sanidade, a aplicación Radar Covid está en funcionamento en Galicia. Despois de que o martes 15 se completara a integración no sistema estatal, o Sergas xa ofrece ás persoas que reciben un diagnóstico positivo por Covid-19 a posibilidade de introducir o código na aplicación do seu teléfono móbil, en caso de tela instalada. Deste xeito actívase a alerta para informar aos contactos estreitos dos últimos días e facilitar o rastrexo da enfermidade. Por iso, tal e como insisten as autoridades sanitarias, é preciso que a maior cantidade de persoas instale a aplicación. Ata o momento, a Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial informou de que xa se realizaron máis de catro millóns de descargas, pero cómpre que o número sexa maior para garantir un rastrexo máis efectivo.

Radar Covid utiliza a conexión de Bluetooth dos dispositivos móbiles para emitir e observar identificadores anónimos doutros terminais, que van mudando co tempo. Cando dous dispositivos permanecen durante 15 minutos a dous metros de distancia ou menos, os identificadores mutuos gárdanse durante 14 días para garantir un correcto rastrexo durante o posible período de transmisión. No caso de que un dos usuarios do dispositivo dese positivo en PCR por Covid-19, tería a posibilidade de notificar a través da ‘app’ un aviso mediante o código recibido por parte das autoridades sanitarias, nunha pantalla semellante á que se ve baixo estas liñas, para enviar alertas aos terminais que estiveron próximos a el.

Publicidade

Para activar o rastrexo de contactos, a 'app' obriga a introducir un código que a maioría das CCAA aínda non facilitan.
Para activar o rastrexo de contactos, a ‘app’ obriga a introducir un código que a maioría das CCAA aínda non facilitan.

Pendente da implantación total en galego

Alén da tardanza na implantación en Galicia, que foi unha das últimas comunidades autónomas en integrarse no sistema, Radar Covid segue sen resolver, en parte, outra das reclamacións pendentes das persoas usuarias en territorios con linguas cooficiais: a existencia dunha versión en galego ou euskera.

Aínda que algúns usuarios do sistema operativo iOS (que utilizan os dispositivos de Apple), expuxeron que xa estaba dispoñible en galego, noutros casos as únicas opcións dispoñibles seguen sendo catalán, castelán e inglés. Neste sentido, A Mesa pola Normalización Lingüística reclamou nas últimas semanas que se cumpra co dereito da cidadanía a recibir información na súa lingua propia.

Publicidade

Algúns usuarios de iOS dispoñen xa da actualización de Radar Covid que inclúe a versión en galego.
Algúns usuarios de iOS dispoñen xa da actualización de Radar Covid que inclúe a versión en galego.

Passcovid

Por agora, as persoas con tarxeta sanitaria do Sergas deberán informar dun posible positivo a través de Radar Covid, aínda que a Xunta avanzou que durante este mes de setembro comezará a estar dispoñible unha ‘app’ complementaria, co nome de Passcovid, a través da cal tamén se poderá introducir o código que os profesionais sanitarios achegarán á persoa que dea positivo nunha proba PCR.

A Administración autonómica, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), desenvolveu unha proba piloto de Passcovid durante o mes de agosto. Aínda que Amtega aclara que non se trata dunha ‘app’ de rastrexo, as persoas que a descarguen poderán, en caso de que chegue a implantarse, recibir información personalizada ” identificar o nivel de risco transmisor da persoa usuaria fronte á Covid-19″ a través de parámetros como as novidades da evolución da pandemia, as zonas de maior risco, os indicadores xerais e por concellos en Galicia. Tamén se contemplaba a opción de que no caso dos establecementos de restauración, a persoa usuaria poida rexistrar a súa presenza a través dun código QR para recibir o aviso en caso dun positivo ou contaxio no mencionado local.


Aquí podes descargar Radar Covid en iOS ou Android.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta activa o protocolo de actuación ante a posible chegada de po africano

As autoridades sanitarias recomendan reducir a actividade física no exterior e extremar as precaucións entre a poboación vulnerable

Máis de 50.000 galegos participaron nun ensaio para avaliar a vacina contra o virus sincitial

Sanidade analizará os datos achegados durante a campaña Sincigal para medir a súa efectividade na redución de hospitaliacións

Os casos de mpox en Galicia aumentan ata as 12 infeccións

Os afectados son homes cunha idade de entre 35 e 65 anos, coa maioría dos contaxios na provincia da Coruña

As claves do novo gromo de mpox detectado en Galicia: “Todos nos podemos infectar”

O virus transmítese principalmente por contacto estreito entre peles ou mucosas, sobre todo de carácter sexual, e causa lesións na pel